Nadine Gordimer, amiga de Cuba e guerrilleira pola liberdade dos Cinco

Ricardo Alarcón de Quesada *

Nadine Gordimer descubriu a literatura na biblioteca de Springs, pequena localidade mineira no que entón era o Transvaal, onde naceu, nunha familia de inmigrantes xudeus. Aos quince, publicou a súa primeira narración, inicio dunha carreira que incluíu 15 novelas e dez libros de relatos e outros textos, merecedora do Premio Nobel de Literatura no ano 1991.  O  Comité  recoñeceu a épica grandiosa da súa obra. Ninguén soubo como ela dar a coñecer a realidade do Apartheid e os seus conflitos humanos. Fíxoo con arte verdadeira, co talento dunha das máis grandes escritoras do noso tempo.

Nadine Gordimer, entrevistada na Habana por Amaury Pérez
Nadine Gordimer, entrevistada na Habana por Amaury Pérez Vidal

A súa foi unha obra comprometida coa liberdade do seu pobo e coa solidariedade. O seu xenio literario inspirou a loita contra o racismo en todo o mundo. Tres dos seus libros e a súa antoloxía de poetas negros sudafricanos foron prohibidos polo réxime de Pretoria, ao que se opuxo valerosamente como militante de toda a vida do Congreso Nacional Africano (ANC) para o que traballou activamente cumprindo as máis diversas, e moitas veces arriscadas, tarefas na resistencia clandestina. Foi unha das primeiras persoas coas que Nelson Mandela quixo falar en 1990, ao cabo de vintesete anos de cadea.

Foi tamén unha leal amiga de Cuba. Nunca deixou de condenar o bloqueo e a derranca estadounidense e máis ainda, mantivo sempre unha consecuente, eficaz e resolta brega pola liberación dos Cinco cubanos antiterroristas.

O New York Times non foi quen de negarlle a publicación dunha declaración en 2007 denunciando a inxustiza cometida cos nosos irmáns. En 2009 subscribiu con outros Premios Nobel unha petición a Tribunal Supremo dos  EE.UU en demanda da revisión do caso. Escribiu en 2010 unha lúcida, insuperabel e inttegral argumentación sobre este caso. Cada vez que conversamos en Johannesburgo ou na Habana, ou á distancia, só preguntaba que máis podería aportar a unha causa que fixo súa e á que dedicou todo o seu amor.

É difícil dicir adeus a quen o poeta irlandés Seamus Heaney chamara “guerrilleira da imaxinación”.  Nadine será sempre a primavera.

*Alarcón de Quesada é escritor e ex-presidente da Asemblea Nacional do Poder Popular de Cuba

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará