O antiviral cubano Interferón alfa 2B, seleccionado por China para tratar o Coronavirus

Rosa Mirian Elizalde – La Jornada

A noticia: o antiviral cubano Interferón alfa 2B recombinante (IFNrec) está entre os medicamentos seleccionados por China para tratar o Coronavirus, o andacio que xa causou máis de 2.600 mortos naquel país que aínda non dispón de vacina específica. O feito: o Interferón leva en Cuba 39 anos e o país comezara a experimentar esa proteína con propiedades antivirais no mesmo momento da invención da industria bio-tecnolóxica, en 1981.

O home que sinalara a Fidel o camiño da biotecnoloxía a comezos dos 80, fora Mickey Leland, negro, demócrata e congresista por Texas.

Nese ano, sobraban dedos dunha man para contar os países do chamado Primeiro Mundo a apostar por ese conxunto de técnicas que emprega organismos vivos -ou parte deles- co obxectivo de obter produtos ou modificalos, mellorar plantas ou animais, ou desenvolver sistemas biolóxicos con fins específicos, en particular para o adianto da saúde humana.

Esta definición da biotecnoloxía descansa nun amplo abano de coñecementos baseados en disciplinas de elite, como a microbioloxía, a bioloxía celular, a bioquímica, a xenética, a bioenxeñería e a enxeñería química, a bioloxía molecular e a inmunoloxía. A combinación destas novas técnicas deu orixe ao chamado portaavións da ciencia, a enxeñería xenética, que en Cuba inaugurou o seu primeiro centro en 1986.

Que pode explicar o fenómeno da biotecnoloxía cubana, xurdida nun país sen desenvolvemento industrial previo, e baixo o bloqueo obsesivo dos EUA? Como deveu en poucos anos un recurso económico, ao tempo que melloraba a saúde da poboación, xeraba produtos e miles de patentes? Por que teimaba Fidel Castro nesta vía revolucionaria?

O científico Agustín Lage, que fora director do Centro de Inmunoensayo, da Habana -un dos moitos xurdidos trala produción do Interferón alfa e beta en Cuba-, explicaba a procedencia  do milagre: un forte investimento en educación e saúde, con garantía de acceso universal e gratuito; a aposta pola biotecnoloxía, mesmo na altura da peor crise que viviu Cuba na década do 90; a propiedade social das institucións que garante a integración librándoas da trampa de competiren entre elas; o deseño das institucións como  centros de investigación-produción-comercialización comprometidos no ciclo completo da investigación científica; o feito de na biotecnoloxía, como noutras industrias da chamada economía do coñecemento, a produtividade depender directamente da creatividade dos traballadores, e esta, á súa vez, da motivación; a comprensión de que se fai ciencia real, competitiva, con resultados de primeira orde.

Todo iso explica por que Cuba conta co programa de vacinación máis amplo do mundo (recoñecido pola Organización Panamericana da Saúde e outros organismos internacionais) con cobertura universal para naipelos con vacinas para 13 enfermidades; vixiáncia epidemiolóxica co emprego de inmuno-ensaios para máis de 20 enfermidades. Os hospitais utilizan regularmente medicamentos como o Interferón, os anticorpos mono-clonais, as citoquinas e outros biofármacos. O Heberprot-P, unha cura prodixiosa para a úlcera do pé diabético que é de uso terapéutico común na rede sanitaria cubana, podería salvar a boa parte dos 83.000 pacientes que cada ano son amputados nos EUA, cuxo goberno nega permiso a comercialización do medicamento porque vén da illa rebelde.

Nos altos indicadores de saúde pública interveñen outros factores, pero é non hai dúbida que a investigación en inmunoloxía e o uso da biotecnoloxía industrial, contribuíron á redución da mortandade infantil até chegar a 5 por cada 1.000 nacementos e a unha esperanza de vida de 79 anos. A combinación destes factores permitiu que varias enfermidades infecciosas desaparecesen (poliomielite, difteria, tétano, tose ferina, sarampelo) e outras controladas ou reducidas na súa aparición (hepatite B; meningoencefalite).

Por certo, o home que sinalara a Fidel o camiño da biotecnoloxía a inicios da década do 80 do século pasado, era negro, demócrata e congresista por Texas: Mickey Leland. El levou á Habana a un eminente oncólogo de Houston que utilizaba o Interferón no tratamento do cancro. Leland estaba fondamente magoado pola hostilidade do goberno do seu país contra Cuba e coidaba que o bloqueo, amáis de contraproducente, era inconsistente cos valores estadounidenses. “Estados Unidos -declarara- non debería negar o acceso aos medicamentos de Cuba; as únicas vítimas son os enfermos e os desvalidos”.Leland, un loitador contra a pobreza en África, morreu nun accidente en Etiopía, a pouco de pronunciar estas palabras. Outro feito que esconden as noticias”.



Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *