O Bloqueo é un acto de guerra

Os Estados Unidos continúan aplicando un mangado de políticas belixerantes contra o pobo de Cuba, mália teren restablecido relacións diplomáticas. A primeira destas políticas nocivas é o Bloqueo Económico, Comercial e Financeiro, vixente dende 1962.

Que ven sendo o Bloqueo?

O Bloqueo imposto polos EUA consiste nun feixe de medidas tendentes a afundir a economía Cuba para dar rendido o país por forza ou fame, co obxectivo de inducir ao pobo a se revoltar contra o goberno revolucionario. O Bloqueo Económico, Comercial e Financeiro foi declarado 7 de febreiro de 1962.

Que opinión ten a comunidade internacional do Bloqueo?

A comunidade internacional recusa, a cada con máis enerxía, o Bloqueo. Todos os anos dende 1992, a Asemblea das Nacións Unidas vota para que remate esta vergoña. En 2017, Cuba gañou por aclamación: 191 países votaron polo fin do bloqueo e só dous países (EUA e Israel) por mantelo. Os pobos do mundo esixen o fin do Bloqueo. Loitar contra o bloqueo é defender a Revolución Cubana.

Que consecuencias ten o Bloqueo?

Durante 55 interminábeis anos, o Bloqueo provocou prexuízos económicos por máis de 121.192 millóns de dólares. O Bloqueo impide o desenvolvemento de Cuba  e afecta a sanidade, educación, comercio internacional, transporte, alimentación, cultura, deporte etc. EUA ten que indemnizar a Cuba polos danos causados. Eis algúns exemplos do que supón o Bloqueo para a poboación: doce horas de Bloqueo custan tanto coma toda a insulina anual necesaria para os 64 mil pacientes do país; tres semanas de Bloqueo pagarían os materiais precisos para rematar a autopista de Cuba; dous días de Bloqueo darían para aos lapis, cadernos e demais material docente dun curso escolar en Cuba; con 5 minutos de Bloqueo pagaríanse os materiais precisos para construír unha vivenda de dous cuartos.

Por que EUA bloquea Cuba?

Tralo triunfo revolucionario de 1 de xaneiro de 1959, EUA non podía permitir un Estado soberano, independente, internacionalista, libre; un proxecto socialista a tan só 170 quilómetros de distancia. Cuba é un exemplo, un faro para o resto de América Latina, un Estado non sometido á súa esfera de influencia.

Que pode facer Trump?

Aínda que moitas das medidas máis importantes (convertidas en leis) poderían ser derrogadas polo congreso de EUA, Trump carece de potestade para realizalas. O que si pode, é tomar outras medidas encamiñadas a poñer fin ao Bloqueo. Entre elas, autorizar o dólar estadounidense nas transaccións internacionais de Cuba e que estas se realicen a través do sistema bancario de EUA; reverter a política de persecución financeira contra Cuba; permitir que Cuba importe desde terceiros países produtos que conteñan máis dun 25% de compoñentes norteamericanos; autorizar ás compañías norteamericanas a realizaren investimentos en Cuba.

Que pode facer o Congreso de EUA.?

Derrogar a prohibición de comerciar bens con Cuba a empresas de capital de EUA en terceiros países, pola Lei Torricelli. Esta Lei tmén prohibe a calquera barco que entre en porto cubano, atracar nos EUA nun prazo de seis meses; derrogar a prohibición de realizar transaccións con propiedades norteamericanas que foron nacionalizadas en Cuba (Lei Helms-Burton) ;eliminar os impedimentos aos cidadáns estadounidenses que queiran viaxar a Cuba coma turistas; anular a obriga de pagar en efectivo e por adiantado polas compras de produtos agrícolas por parte de Cuba nos EUA.

E ben hora de rematar co Bloqueo!

É máis necesario do que nunca informarse, organizarse, mobilizarse e concienciar aos pobos do mundo para esixir o fin do bloqueo, e que a sociedade cubana poida desenvolverse libremente, sen entremetementos de ningún tipo.

Rompamos o Bloqueo contra Cuba!

A maiores de reclamar o remate do Bloqueo, temos de esixir o fin do resto de políticas hostís contra Cuba e xa que logo:

  • A devolución da terra que EUA ocupa, para o uso dunha base militar, na Bahía de Guantánamo, no oriente de Cuba.
  • Que o Goberno dos EUA deixe de promover e finanzar programas para desafiar as leis propias de Cuba, incluídas as transmisións ilegais e especiais de radio e televisión cara a Cuba.
  • Que o Goberno dos EUA asuma compensacións polos danos económicos e humanos causados ao pobo de Cuba na súa política de hostilidade e sancións.
  • Que o Goberno dos EUA cumpra o que establece o dereito internacional sobre o respecto da legalidade dun país soberano.

Sabe que EUA leva 55 anos bloqueando a Cuba?

 O Bloqueo supón enormes perdas económicas e carencias para a poboación cubana. O Bloqueo é un acto de guerra, un xenocidio.

Infórmese: rompamoselbloqueo.estatal@nodo50.org

www.rompamoselbloqueo.org

Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil"

Visit Us On TwitterVisit Us On Facebook