O CASO DOS CINCO

Moncho Leal

O goberno cubano informou de sempre ao seu homólogo estadounidense das accións que grupos terroristas radicados en Miami levaron adiante contra Cuba.

En xuño de 1998, despois duns atentados con bombas contra os intereses e a cidadanía cubanos, unha delegación do FBI viaxou á illa caribeña, recibindo unha ampla documentación sobre as actuacións destes grupúsculos fascistas. A resposta de Washington foi rotunda: cinco cubanos foron arrestados o 12 de setembro do mesmo ano, acusados de pertencer a unha rede de espionaxe, mentras que os terroristas seguen en liberdade no sur de Florida. Os cinco compañeiros son: Gerardo Hernández, Ramón Labañino, Antonio Guerrero, Fernando González e René González.

Durante 17 meses estiveron en celas de illamento, contra do que di a lei, que establece un máximo de sesenta días.
O enxuizamento penal incumpriu a Constitución norteamericana, que estipula que os acusados teñen dereito a un xuizo regular e a un xurado imparcial, dúas condicións que non se daban en Miami, polo seu ambiente de aversión antirrevolucionario e a campaña de prensa contra os cinco, que os sentenciaba antes de xuizo.

Deste xeito, os veredictos de culpabilidade emitidos en xuño de 2001, que os consideraba culpabeis, e de decembro do mesmo ano, no que se dictaban sentencias, resultaron demoledores.

Gerardo foi condenado a dúas cadeas perpetuas, máis quince anos de privación de liberdade. Ramón a cadea perpetua, máis 18 anos. Antonio a cadea perpetua, máis dez anos. Fernando a 19 anos. René a 15. As acusacións van de conspiración contra Estados Unidos, común nos cinco, ata asasinato en primeiro grao, espionaxe, identidade falsa e non rexistrarse coma axente estranxeiro. Foi un xuizo claramente político.

Non hai que esquecer o contexto que vive Cuba, que durante catro décadas viuse sometida a todo tipo de atentados contra a súa poboación, os cultivos, a súa economía e, en definitiva, contra da súa soberanía. Os cinco infiltráronse en organizacións contrarrevolucionarias, informando ao goberno cubano dos plans criminais que preparaban eses grupos dende territorio estadounidense. En ningún momento interesou conspirar contra a seguridade dos EE.UU..

Os cinco compañeiros están encadeados nas condicións máis duras, sen contacto entre eles e con moitas dificultades para recibir visitas.

Ao longo de 47 anos foron innumerabeis as agresións terroristas que ten sufrido Cuba, provocando a morte a máis de 3.000 persoas e ferindo a máis de 2.700. Boa parte desas agresións foron preparadas dende Miami. Cuba nunca invadíu un país, nunca ten producido conflito de ningún tipo contra outros pobos, pero Cuba ten o dereito a se defender. A única misión dos cinco era penetrar nos grupos da mafia anticubana que operan con total impunidade en Miami, para desvelar os plans terroristas en contra do pobo cubano. Ningún deles tiña antecedentes penais, nunca foron acusados de violar a lei ou transgredir norma ou regulación algunha, non posuían armas nin tiñan estado involucrados xamáis en actos de violencia ou disturbios de ningún tipo, non obstante, se lles negou a posibilidade de se acoller á liberdade condicional baixo fianza.

Os membros do xurado residían en Miami, sometidos a unha constante presión, ningún se atrevía a ser imparcial, o seu veredicto coñecíase de antemán. Ningún cargo contra os cinco foi probado, agás o feito de non se rexistrar como axentes estranxeiros. Podemos pensar que tería sido deles se aqueles a quen vixiaban souberan a súa verdadeira identidade. Ante a falla de probas se lles acusou de “conspiración para cometer espionaxe”, as súas desproporcionadas condenas respondían a unha manobra na que participaban recoñecidos terroristas como Orlando Bosch e Posada Carriles, acusados de numerosos crimes, entre eles o de planear e ordenar á voadura dunha nave de Cubana de Aviación con 73 pasaxeiros en 1976. Orlando Bosch e Freddy Lugo, cómplices de Posada Carriles, chegaron a manifestar na prensa: Puxemos a bomba, e que? O 22 de agosto de 2001 “The Miami Herald” publicou un anuncio de páxina completa no que unha organización chamada “Foro Patriótico Cubano” establece entre os seus principios o recoñecemento e apoio ao uso de calquera método na loita contra Cuba. Un dos asinantes é Orlando Bosch.

O 6 de decembro de 2005, José Basulto, xefe da organización contrarrevolucionaria “Hermanos al rescate”, nun programa de TV en Miami afirmaba que as actividades terroristas contra Cuba sempre tiñan gozado da tolerancia do FBI. El mesmo presumíu de ter disparado cun canón de 22 mm. dende unha lancha rápida contra un hotel da Habana sen que o FBI lle fixera a menor pregunta.

Ás desproporcionadas sentencias dos cinco hai que lles engadir o castigo duplo a Gerardo e René, xa que se lles prohibe que vexan as súas compañeiras. Hai máis de seis anos que lles negan a elas a entrada en EE.UU., violando as normas esenciais norteamericanas como o Dereito Internacional Público. Gerardo, René, Fernando, Ramón e Antonio levan máis de sete anos en prisión. O goberno estadounidense ignorou a decisión do grupo de traballo sobre detencións arbitrarias da ONU; tamén ignorou o veredicto da Corte de apelacións do Circuito de Atlanta que o pasado 9 de agosto anulou o proceso contra os cinco e revocou as súas condenas. Eses cinco compañeiros hoxe están secuestrados, xa que non hai cargos contra deles. Non se lles xulgou por ter violado as leis estadounidenses, senón porque co seu traballo ao infiltrarse nas redes criminais que existen abertamente na Florida revelan a hipocresía da loita contra o terrorismo e a dobre moral do goberno do presidente Bush que bombardea e invade pobos no nome da loita antiterrorista e acolle con beneplácito na súa propia casa a terroristas confesos.

Traballadores/as, intelectuais, artistas, escritores/as, foros sociais, organizacións de solidariedade teñen denunciado o trato que sofren os cinco, as irregularidades do proceso e a violación das propias leis norteamericanas neste caso.

Os cinco son víctimas dunha política de demagoxia, engano e terxiversación da administración Bush no referente á loita contra do terrorismo. Eses cinco compañeiros, verdadeiros loitadores antiterroristas son reos da irracionalidade do goberno de EE.UU..

Ante este crime instamos a todas as persoas, grupos e organizacións que crean na amizade dos pobos e no dereito á libre determinación das nacións a multiplicar os esforzos para lograr a liberdade dos cinco compañeiros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *