O chasco da AstraZéneca acaba co silenzo sobre as vacinas de Cuba e Rusia

Elina Tarrío -Terra Sen Amos

O chasco da vacina AstraZeneca que compromete a previsión da UE para safar a economía e a crise sanitária, cambia en horas a atención dominante cara as vacinas cubanas e as rusas. A profusión de reportaxes sobre a investigación e as probas clínicas, falaron durante meses das vacinas dos EUA e Inglaterra, até o extremo de facernos crer que os imperios do Norte cargaban nas costas o compromiso de salvar aos pobres do Sur. Arestora A carga do home branco de Rudyard Kipling (1899) regresa coma caricatura da arrogancia do Norte rico. O New York Times, a CNN, a cadea estatal xermana Deutsche Welle e a axencia France Press abriron o camiño a Agencia EFE para revivir de arrebato a Hispanidade. Previamente, Radio Francia Internacional dixo que «a fazaña de producir unha vacina contra a COVID-19, faria de  Cuba o primeiro país pobre en contar coa súa propia solución contra a pandemia».


Publicidade de xabrón da década de 1890, que invitaba aos homes brancos a predicaren a virtude da hixiene ao Sul incivil. O branco que asume a carga de ilustrar aos ignorantes é o almirante Dewey, comandante da escuadra dos EUA que afundira os barcos de guerra de España na badía de Manila (1898)

O feito de cientificos estadounidenses falar glórias da bio-tecnoloxía cubana, deixa en pésimo lugar a doutrina millonaria de querer dobregar Cuba polo asedio e a corentena do diñeiro e o comercio da illa co resto do mundo, situación que asumiran once presidentes dos EUA dende hai cincuenta anos e agora non parece producir ridículo ao presidente do paso atlético, tan collido polos baixos do pantalón pola Cosa Nostra de Miami coma os seus predecesores. Estas loas norteamericanas aos laboratorios cubanos son noticia en plena Pandemia mentres lonxanos medios de comunicación, amarrados ao reparto de dólares do ministerio de Exteriores de Washington por medio dunha arañeira de ONG de nomes redencionistas que compran opinión contra o socialismo cubano, entregan unha contraportada a un rapeiro que, ben cebado pola comechura anticubana, cedeu a tentación de visitar Cuba e foi expulsado de vez das listas de mercenarios o que levou ao rapsoda a denostar en público o regreso do socialismo cubano a prática da escravitude. Esta situación repítese en todo o mundo no que existen diarios mediocres e ignorantes da realidade política e dos intereses dos leitores, máis interesados na adulación do poder ainda que esa licencia decadente comprometa irremisibelmente o nome do propio medio.

No entanto, dende a CNN, Patrick Oppman salientou que Cuba, nunha prolongada situación de bloqueo de parte dos EUA fora quen de promover investigación de avangarda que estaba dando específicos contra o cancro e vacinas vitais para a illa, e o desenvolvemento desta industria  bio-tecnolóxica podía servir para superar os danos causados na economía polo cerco. O que chama a atención de Oppman é que, soportando o capítulo máis encarnizado do criminal bloqueo económico comercial e financeiro da potencia máis armada do planeta, Cuba salva vidas na illa e no resto do mundo, sen pedir un titular de prensa a cambio ainda que se fai imposíbel agochar o evidente contraste cos xigantes da industria farmacéutica rifando entre eles polo mercado, agarrados  polos colares. “A ciencia cubana non persegue recoñecementos, senón respostas; non investiga para recibir honras, porque non hai satisfacción máis grande que pórense ao servizo do pobo”.

A Deutsche Welle repara no feito de Cuba contar con capacidade tecnolóxica para producir cen millóns de doses de Soberana 02, abondo para atender a demanda interna e exportala a outros países. «Amais de inmunizar á súa poboación e destrabar actividades económicas freadas pola pandemia, o país podería entrar no mercado con este produto bio-tecnolóxico e abrir espazos para desenvolvementos futuros».

The New York Times reparou en que a produción da vacina cubana contra o coronavirus veuse na obriga de superar o endurecemento das sancións a Cuba de parte do goberno de Donald Trump, o que privou aos científicos cubanos de equipos e materias primas precisos por causa do bloqueo.

La Jornada de México recorda que dos máis de 2.000 millóns de dólares en axudas internacionais para investigar unha vacina contra a Covd-19 a Cuba no lle correspondeu máis que os atrancos do bloqueo. Tamén a rusa Sputnik V desenvolvida polo instituto público Gamaleya pasa de ser desprezada pola información da UE, a figurar nos titulares de Euronews coma un recurso confiábel.

La Vanguardia de Barcelona recoñece, ao falar da capacidade da bio-tecnoloxia de Cuba, que oito das 11 vacinas administradas aos menores cubanos son de fabricación nacional e Radio Francia Internacional  recoñece que «producir una vacina contra la COVID-19 convertiría a Cuba no primeiro pais pobre que afronta a pandemia sen axuda dos países ricos». Ante a acumulación de telegramas do Norte que pagan tributo intelectual a ciencia de Cuba, a axencia madrileña EFE decretou a reapertura temporal da Hispanidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *