“O Che recomendaba pensar por nós mesmos e non copiar a ninguén” (Carlos Tablada)

Xosé Mexuto – Sermos Galiza

Economista. Filósofo. Sociólogo. Guevarista. Revolucionario. Carlos Tablada (A Habana, 1948) aplica o principio básico do pensamento do Che e pensa con cabeza propia. Vacinado contra o derrotismo, móstrase certo de que os mellores días da Cuba socialista están aínda por vir. Grande divulgador da teoría (e da práctica) económica de Guevara, defende que o socialismo non é posíbel sen liberdade individual e colectiva. E identifica un adversario no combate: a burocracia, sexa capitalista ou formalmente socialista. Valoriza a figura e o legado de Raúl Castro -un auténtico “antiburócrata”, un “revolucionario”- mais non teme pola súa ausencia unha vez que abandone o poder este abril: “Coas novas xeracións todo funcionará mellor”.


Carlos Tablada intervén na Libraria Andel, de Vigo, sexta feira 2 de marzal. Xosé Manuel Garcia Crego presentou ao economista cubano,  autor de “El pensamiento económico del Che”

Falo con Carlos Tablada na aula 4 da Faculdade de Filosofía da USC. Fala torrencial e apaixonadamente. Combina todos os rexistos, o do economista marxista e o do teórico da Revolución cubana. Hai ben tempo que non falo con alguén de esquerdas que deite tanto optimismo. Está en Compostela [a conversa foi a quinta feira 1 de marzo] para oferecer unha palestra. Tamén iría conferenciar en Vigo [sexta feira 2 de marzo]. Veu a Galiza convidado polo Comité Nacional Galego Ernesto Che Guevara, no marco dos actos que esta entidade organizou nos últimos meses arredor do 50 aniversario do asasinato do revolucionario arxentino.

-Es o autor dun libro multi-editado El Pensamiento económico de Ernesto Che Guevara (1987, Premio Casa das Américas nese mesmo ano) e é curioso porque a faceta de Guevara como economista, aínda hoxe, é moi pouco coñecida. O Che continúa a ser un guerrilleiro, unha figura romántica… Porén, as súas achegas como economista á construción dos primeiros anos da Revolución cubana foron decisivas. E non só desde o campo da teoría: mesmo foi ministro de industria, responsábel do Banco de Cuba…

-Deixa que che fale de algo antes de entrar niso. O Che naceu en Arxentina. Nunha familia de orixe aristocrática, moi culta por parte de pai e nai. Aos 3 anos falaba francés. A nai ensináballe francés. Seguiu a guerra civil española ao pé da letra. Mesmo na súa casa foron albergados nenos e mulleres de dirixentes republicanos. Até un xeneral do que non lembro o nome viviu, xa perdida a República, na súa casa. Despois acompañou intensamente a Segunda Guerra Mundial. Seu pai e el seguían cun mapa todas as batallas. Aos 23 anos, tiña toda esa cultura e, alén diso, percorrera toda a América Latina, Caribe e o Sur da Florida. Cando en 1955 coñece Fidel Castro, cando coñece os combatentes do asalto ao Cuartel Moncada [acción armada contra a ditadura de Batista que se produce en 1953], cando os coñece en Costa Rica, o Che estaba buscando unha causa revolucionaria para cambiar a situación de explotación que sofrían os pobos de América Latina. Facer o que Bolívar e Martí pediron. A verdadeira independencia, a unión dos pobos de América Latina e Caribe, a emancipación do imperialismo norteamericano. E ese proxecto encóntrao coa Revolución cubana. Ao entrar en contacto con Fidel fica xa recrutado. Cuba vén dunha tradición revolucionaria autóctona, cun pensamento herético. Lembra que cando asaltaron o cuartel Moncada, por exemplo, practicamente todos os partidos comunistas de América Latina acusaron Fidel de terrorista.

-[Risos].

-Si, si. Acusárono de burgués, de terrorista. Os partidos comunistas non entendían que pasaba [en Cuba]. O mesmo partido comunista cubano, do que formaba parte meu pai, non foi até 1958 que decidiu darlle apoio ao Movimento 26 de Xullo. A Revolución rachou -como ben escribiu o Che no seu diario de campaña en Bolivia-, rachou con case todo, foi unha herexía contra as oligarquías e o dogmatismo revolucionario existente. Cando triunfa a Revolución, o Che, xa en combate, xa se tornara nun dos principais dirixentes cubanos, tamén na esfera militar. Repara en que con 300 homes tomou a cidade máis importante do centro do país, partiu o país en dúas partes, o Occidente e o Oriente. Foi quen de derrotar máis de 10.000 soldados con apenas 300 guerrilleiros! E esa vitoria militar foi a que precipitou a saída, a fuxida, de Batista. Eu tiña 10 anos e lembro que as persoas máis queridas polo pobo eran Fidel, Camilo e o Che. No momento en que triunfa a Revolución, o Exército rebelde era fundamentalmente un exército de campesiños e obreiros e empregados, eran semi-analfabetos. Miña nai era profesora e ensinou a ler e a escribir a quen foi escolta primeiro do presidente Urrutia [o primeiro após a chegada dos revolucionarios ao poder], despois do presidente Dorticós e finalmente de Fidel. O Che era dos que máis cultura tiñan. Naquela altura era fan da Unión Soviética. Mesmo cando coñece Fidel os seus planos de viaxe eran ir a París e Moscova. Defendía, hoxe diríamos que dogmaticamente, acriticamente, a Unión Soviética. E é o primeiro dirixente da Revolución cubana que viaxa aos países socialistas. Pois ben, en xuño de 1959, a 6 meses de triunfar a Revolución, fai unha anotación no seu diario, apuntamento que eu recollo no meu libro, en que el xa di que, nos países socialistas que visitara, non fora quen de atopar o espírito socialista. Eran sociedades máis xustas, educación, saúde gratuíta, pero o espírito socialista -el utiliza esa expresión- non aparecía, el non o encontraba.

Nos primeiros momentos da Revolución é cando Fidel lle encarrega a tarefa de organizar a banca do país. Batista deixáraa sen diñeiro. O Che fíxoa aboiar de novo. Fíxoa sostíbel. E despois ocupouse da organización da industria do país. Nese momento o Che estuda o modelo soviético e chega á conclusión de que o modelo soviético responde ao sistema capitalista pre-monopolista, que foi o que coñeceron os rusos no momento en que se fixo a Revolución bolchevique. A contabilidade na URSS correspondía ao capitalismo do século XIX e principios do XX. O Che descubriu que o capitalismo norteamericano tomara La Habana e Cuba como un polígono de probas das tecnoloxías, das técnicas máis avanzadas na administración. Mesmo as primeiras máquinas IBM de saldo directo e os primeiros intentos de computerización na administración existían xa na Habana. A Texaco, a Standard Oil… E o Che di: “coiden diso”, un convite para utilizar esa tecnoloxía avanzada [que a Revolución expropiou]. O Che ve por un lado a contabilidade do ábaco da Unión Soviética, propia do século XIX, e polo outro a contabilidade de costos norteamericana -que computababa até o último centavo, o último quilo. E pensou: para que vou coller isto [a contabilidade soviética], mellor apañemos estoutro [a norteamericana].

E non só: decatouse de que o método soviético [de organización da economía] non garantía a participación popular. Non daba a posibilidade de que a xente decidise. Era moi vertical, moi piramidal. E a xente non podía decidir. Criábase un alleamento, un distanciamento, entre o traballador -en teoría propietario dos medios de produción- e a dirección dese proceso de produción. E iso fai que el pense nun modelo alternativo, utilizando esa contabilidade que tiña Cuba, esa tecnoloxía administrativa, a máis avanzada do mundo nese momento, para a estender ao resto da industria do país. E, despois, a chave de todo: procurar un sistema que non reproducise o capitalismo. Porque o Che se decatou de que, poñamos por caso, cando unha persoa entra nunha fábrica estatal, ou privada, a producir bicicletas, ás 17 horas, cando rematou a xornada de traballo, nesa factoría non só se produciron 800 bicicletas ou as que fosen, non, alí tamén se produciron e reproduciron as relacións económicas, sociais, políticas, culturais, que caracterizan esa sociedade. Non só hai que ter en conta o que se cobra -se unha parte da plusvalía vai aquí ou vai alá-, senón a dinámica social que se estabelece na fábrica, entre traballadores e administradores -aínda que estes sexan socialistas, aínda que estes representen o pobo e o estado. E esa dinámica non só se produce na factoría, senón que tamén aparecerá fóra, a pé de rúa.

-Nos primeiros 60, na Cuba socialista hai unha polémica bastante vigorosa sobre que modelo económico seguir, entre os defendores do cálculo económico -seguindo o padrón soviético- ou a escola aberta por Guevara, partidario do chamado sistema orzamental de financiamento. E nese debate o Che ten mesmo a lucidez de prognosticar que se a URSS seguía por ese camiño estaba a pór os alicerces para o retorno do capitalismo.

-Iso é. Cando morre o Che, recebe todos os honores en Cuba, mais non se coñece o seu pensamento. Tanto a burocracia cubana como a soviética como a do imperio teñen un punto común: non dar a coñecer o pensamento do Che. Ninguén se pon [a investigalo]. Xorde un tolo como eu, que aos meus 19 anos teño unha discusión cun profesor soviético, na universidade da Habana, que me abre os ollos. O soviético afirma dúas cousas, fai dous plantexamentos categóricos. O primeiro, a Revolución de Fidel Castro non triunfou pola guerrilla, non triunfou pola loita armada, triunfou pola greve xeral dos obreiros. A segunda, que o Che estaba profundamente equivocado e que era un aventureiro, que era isto e que era o outro, que non era comunista, que non era revolucionario. Sobre a primeira proposición foime doado demostrarlle que estaba equivocado. A greve xeral faise cando xa estaban tomados todos os cuarteis do centro do país por Camilo e polo Che. Raúl entra desarmado e só no cuartel de Moncada que asaltara en 1953, a lle dicer aos soldados: “deixen todo iso, acabou a guerra, o que cometeu un crime de guerra, ese si ten que ser xulgado polos tribunais, o que non asasinou ninguén, o que non torturou ninguén, se pode incorporar [do novo Exército revolucionario]. Aí estaba Raúl, a discutir con eles tranquilamente. Fidel logo convocou unha greve xeral.

-Mais a guerra xa estaba gañada.

-Exacto. Foi a guerrilla quen a gañou. E sobre a segunda observación do profesor soviético, foi a partir dela que me decatei de que non coñecía o pensamento do Che. Saín da universidade bravo conmigo mesmo. Estarei eternamente agradecido ao profesor soviético. Vou ás librarías a comprar libros sobre o Che. Dígome a min mesmo “que estúpido son, amo o Che e non lle lin nada”. Pero non encontro ningún libro. Ningún. Até que na Moderna Poesía, unha libraría da Habana vella, díxome o libreiro “mira, non hai nada publicado diso. Está esa polémica [económica, entre Guevara e os partidarios do cálculo económico], iso debe estar solto por aí nos xornais, vaite a Biblioteca Nacional e consulta a imprensa”. E foi o que fixen. Eu xa daquela era profesor de filosofía da Universidade da Habana (gañeino por oposición sen ter idade). E entón eu aí leo e dígome “meu deus, que cousa é esta, aquí está!”. Eu xa tiña ouvido Fidel, na Praza Cadena, ás 12 ou 12.30 recalaba na universidade, polo menos unha vez á semana, e púñase a conversar cos estudantes e profesores que se encontraba. Eu escoitaba a Fidel dicer barbaridades… e entón eu pido un ano sabático. Pensaban que era para estudar, mais non era iso. “Non, eu quero ser vaqueiro”, díxenlles. Meu soño era ser vaqueiro. E funme para o plan de vaquerías, de produción de leite no cordón da cidade. E nesa época eu pensei como facer o libro, pensei en como facer a investigación.

-E agora mesmo, na economía cubana actual, que fica do pensamento económico do Che?

-Ben, estamos aquí, non? Lembro que cando desapareceu a Unión Soviética eu estaba en Madrid. Entrevistoume en 1991 o suplemento de El País Negocios e eu díxenlles: “Estou moi feliz, porque agora lles imos poder demostrar que nós non somos satélites da URSS”. E engadín: en Cuba non vai pasar nen o de Berlín nen o de Rumanía. Ímolo pasar mal, mais nós imos resistir. Iso [a desaparición da Unión Soviética] debería ter acontecido nos anos 70, naquela altura nós xa tiñamos bastante ferro e armas para nos defendermos dos americanos.

-Foi daquela un hándicap para Cuba a dependencia económica da URSS?

-Non, non. Todo o contrario. Os soviéticos primeiro vendéronos armas e despois regaláronnas. Os americanos querían apoderarse de Cuba desde a doutrina Monroe. América Latina para os norteamericanos, dixera aquele presidente dos EUA. Non, non. Nós estamos, estaremos eternamente agradecidos ao pobo soviético. E ás direccións soviéticas que nos deron as armas gratis. Lembra que cando os norteamericanos nos deixaron de comprar o azúcar, foron os rusos quen nolo compraron.

-Ben, perguntaba iso porque nalgunha ocasión tes dito que Cuba conquistou a independencia económica precisamente cando desapareceu a URSS…

-Si, claro. Tiñamos independencia política, pero non tiñamos outra opción. Fecháransenos todas as portas. Como demos sobrevivido ao bloqueo, os norteamericanos aproban a Lei Torricelli. A finais do 91, o presidente Bush pai di: “En seis meses estou na Habana”. E pasaron 6, 9, 10 meses e Castro seguía aí e non había revolta como en Berlín. Que pasa?, perguntábanse en Washington. Entón impulsaron a Lei Torricelli e tampouco lles deu resultado. Por que? Á altura de 1993 -que foi cando tocamos fondo- o PIB caera un 38 por cento en relación aos anos en que existía a URSS. Repara: na miña casa, nós facíamos 3 comidas todos os días e ben, tiñamos electricidade as 24 horas, e de súpeto pasamos a unha comida ao día, pasamos semanas sen luz, o transporte público paralizouse por completo, fechamos 75 por cento das fábricas, pero non fechamos ningún hospital, ningunha universidade, ningunha escola primaria ou secundaria… Tiñamos 22.000 bolseiros estranxeiros, incluídos norteamericanos, non botamos ningúen, non lles dixemos “fagan as malas e váianse”, non, dixémoslles “fiquen, partillen a vida connosco”. Priorizamos os nenos e os anciáns. Os traballadores dese 75 por cento das industrias fechadas continuaron a receber o seu salario. Non botamos ninguén. O ministro Solchaga -que o bon amigo Felipe González nos mandou para nos asesorar- dicía: “Non, vostés o que teñen que traer aquí é o FMI. Vostés teñen que deixar toda esa xente na rúa”. 85 por cento das vivendas eran da propiedade do pobo, eran de cada un. Miña nai no ano 69 xa se fixo propietaria da súa casa. Non, non, vostés teñen que cambiar todo iso, dicíanos Solchaga. Naturalmente non lle fixemos caso. Optamos pola solidariedade. E saímos adiante. En 1993 freamos a caída e xa no 1994 comezamos a crecer. Estivemos medrando desde 1994 até 2012, segundo as estatísticas do Banco Mundial e o FMI, a un 4,7 por cento de promedio anual. Embora o bloqueo, comezamos a levantarnos de novo. Viron que non caíamos e promulgaron a Lei Helms Burton, unha lei totalmente extraterritorial, por iso a imensa maioría dos países do mundo votan contra ela. En outubro na asemblea da ONU ningún faltou á votación, houbo 191 votos contra o bloqueo a Cuba e só 2 a favor, os EUA e Israel.

Aí está o Che. Estamos pensando con cabeza propia. O primeiro que dicía o Che é que había que pensar con cabeza propia, que non había que copiar ninguén. Sendo arxentino, el confiaba moito na criatividade do pobo cubano. Con esa criatividade derrotamos os yankees en Playa Girón, saìmos airosos da crise dos míseis, derrotamos os sudafricanos en Angola, un exército que até tiña armas nucleares, e freámolos e sentaron a conversar, Nelson Mandela fixo un recoñecimento expreso en Nacións Unidas do noso papel, porque as nosas tropas xa estaban entrando en territorio sudafricano… Liberamos Namibia! Esa criatividade comezámola entón a aplicar na sobrevivencia e en criar un modelo alternativo.

-Nunha visita anterior túa ao Estado, en 2011, pouco despois do VI Congreso do Partido Comunista Cubano, concedes unha entrevista e dis que a causa pola construción do socialismo en Cuba pasa por gañar a que cualificabas como a “guerra sen cuartel contra a burocracia”. Como vai esa guerra?

-Non a gañamos aínda. Na historia da Humanidade non hai ningún pobo que puidese derrotar a burocracia. Nen Raúl Castro. Raúl Castro vaise agora en abril sen ter podido derrotar a burocracia. Non hai unha persoa -igual que o seu irmao Fidel- máis antiburócrata e máis revolucionario que Raúl. Marcha e non puido. A burocracia agrícola non a puido derrotar. A burocracia é forte, é realmente forte. Mais nós si que pregamos [submetimos] a democracia que herdamos. Ten en contra cal é a nosa herdanza. Nós por quen fomos invadidos? Fomos invadidos polos españois. A burocracia española nunha colonia. Eu non che teño que explicar en que consiste iso.

-Está claro que non [rimos].

-E despois da española tocounas a yankee. Coidado! Non hai unha burocracia máis corrupta. Nós liberámonos desas [da española e da norteamericana]. Nós o que logramos é que esa burocracia funcione baixo principios revolucionarios. A educación en Cuba é 100 por 100 gratuíta. A saúde pública é 100 por 100 gratuíta. 21 de novembro meu sogro foi operado dun cancro nun pulmón. Detectáronllo o 5 de novembro. Unha operación de cancro en Cuba non pasa de dúas o ou tres semanas desde que cho detectan. Pasárono polos aparatos máis modernos, non tivo que pagar nada, non houbo que ir ver a ningún político. Nada! O 21 de novembro operárono. Logo foi a unha sala de terapia intensiva. Miña esposa dicíame: “Carlos, esta é unha nave espacial. Meu pai está cun médico e unha enfermeira, cada 8 horas rotan os equipos, un médico para el só!” Aos tres días subírono para a planta e está encantado e feliz e non tivo que pagar un quilo. Iso é así. Por iso estamos aquí aínda.

 

-En 2011 naquela entrevista indicabas que naquela altura 98 por cento da riqueza do país era propiedade estatal. En 2014 porén a Asemblea Nacional cubana regula o investimento do capital estranxeiro no país. Houbo mudanzas significativas desde entón?

No sustancial non. Neste momento no que estamos pensando…

-Non hai desembarco de capital foráneo á vista?

-O problema é que con Obama se abriu unha posibilidade. Raúl e Obama chegaron a firmar abrir embaixadas de novo, asinamos 23 acordos. Non só no plano económico, tamén en cuestións como seguranza aérea, contra o narcotráfico, contra a lavaxe de diñeiro suxo. Mais veu Trump, que está nas mans da mafia cubana norteamericana terrorista, ten en conta que o presidente da comisión de intelixencia do Senado, Marco Rubio, gaña millóns ao ano co seu negocio da contrarevolución contra Cuba. E o presidente Trump ten unha denuncia pola trama rusa. Entón para desviar a atención inventaron unha enfermidade [que supostamente afectaría membros da comunidade diplomática norteamericana na Habana], sen que, claro, haxa a menor proba [de que sexa responsabilidade da intelixencia cubana]. Portanto, as relacións arrefriaron e o bloqueo aumentou, o que fixo que o ano pasado tivésemos algunhas dificuldades financeiras. En todo caso, e mesmo nesas circunstancias, Raúl xubílase co mérito de ter refinanciado a débeda externa de Cuba. Quitounos de enriba miles de millóns de dólares. O que estamos agora é pensando en mudar débeda por investimentos, isto é, facer copropietarios a algúns dos nosos acredores. Mais por iso non perdes soberanía. Continuamos igual. 98 por cento da riqueza en mans do pobo. Aí estamos!

-Após o chamado debate dos liniamentos [o deseño da política económica do país], un proceso concluído en xullo de 2017 e caracterizado por unha moi significativa participación popular, o goberno cubano decidiu apostar no fomento das cooperativas. Un modelo de descentralización da economía que dalgún xeito ten ecos da Iugoslavia de Tito.

-Non, non ten nada a ver. Ese é un defeito. Non o tomes a mal. Iso é o que lle pasa a Occidente e por iso non entenden Cuba. Sempre tratan de vernos cos espejuelos de outras experiencias. O modelo iugoslavo. O modelo chinés. O modelo vietnamita. Non entenden nada. Por aí non. Ese proceso continúa. Mais é certo que a aparición de Trump ten freado un chisco a aparición de negocios privados cubanos, o que vostés chaman aquí as pemes.

-Cando caia a URSS caerá Cuba. Cando morra Fidel caerá Cuba. Cando Raúl deixe o poder caerá Cuba. Supoño que estarás farto de escoitar isto -tanta profecía incumprida-, porén teño inevitabelmente que che perguntar que pensas que vai pasar cando Raúl abandone a dirección do país, en abril deste ano.

-Vai funcionar todo moito mellor. Moito mellor.

-Por que? É que Raúl o fixo mal?

-Non, non, en absoluto. A ver. Os pais tratamos de que os fillos sexan mellores. A miña filla é mellor do que eu. Traballei para iso. Meu fillo ten 6 anos e xa está pensando en montar unha fabrica de robots. Eu con 6 anos non pensaba nesas [ri]. Nós formamos xeracións mellores do que era a nosa. Por iso nos vai ir mellor a partir de agora.

-Pergúntoche isto porque saberás que a esquerda occidental non sistémica ten certo medo de que o socialismo en Cuba poda estar en perigo.

-Non, que non teman. Contéstoche cunha discusión que tiven en Roma sobre que cousa era China, se socialista ou capitalista. Eu dixen: non, os chineses son chineses. Vostés non entenden nada. Os chineses teñen unha cultura de miles de anos atrás. Se ti non estudache Confucio ti non entendes nada. Os chineses metéronlle man ao socialismo porque grazas a el Mao logrou quitar o pobo chinés das fames negras e vestir e darlle comida e teito a 600 millóns de chineses. Iso conseguiuno o socialismo. E por iso foron ao socialismo. E de súpeto repararon en que, tal e como ía o seu socialismo, estaba estancado e que, ante a presión do imperio, había que procurar alternativas e entón botaron man de instrumentos capitalistas. E hoxe é a primeira potencia do mundo.

-O Che criticaría algúns aspectos da política económica chinesa.

-Eu non sei o que pensaría o Che hoxe en día. Talvez estaría aquí ao meu carón a me dicer: “Levas razón”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará