O director de Cubadebate denuncia o intento dun “Maidán” habaneiro para hipotecar a política cubana de Biden

O artigo de Randy Alonso explica o contexto no que se produce unha protesta de artistas no Parque Trillo e a resposta masiva da mocidade, a que corresponde esta fotografía de Cubadebate, no mesmo lugar e contra os autores da primeira convocatoria.

Randy Alonso Falcón – Cubadebate

O fracaso de Donald Trump foi dobre: perdeu a reelección presidencial e non deu dobrado a resistencia dos gobernos de Cuba, Venezuela e Nicaragua despois de valeirar contra eles o arquivo de castigos e trampas. A máis de non recoñecer o tamaño da súa derrota, non deixa de inzar problemas á administración en portas: hai uns días até ameazou con atacar sitios nucleares iranianos para abortar toda opción de diálogo co país. As forzas trumpistas non están acabadas, nin moito menos, e procuran deixar unha pegada fonda na sociedade estadounidense e no tempo a vir.

A actual administración da Casa Branca detesta Cuba: máis de 120 sancións agravaron o criminal bloqueo económico, comercial e financeiro mais nada puideron contra a Revolución. Con esa espiña dentro e a presión da dereita anticubana que lle dera o voto nas pasadas eleccións, a actual administración segue a conspirar contra Cuba, na esperanza de dar a estocada final antes do 20 de xaneiro; ou polo menos deixarlle a pista ben quente ao goberno de Biden para que non poida exporse unha convivencia civilizada co arquipélago caribeño.

O goberno electo reserva polo de agora calquera xesto de achegamento para a dereita contra-rrevolucionaria anticubana que o acusara de socialista e até comunista, nunha feroz campaña mediática de corte maccarthista. Máis ben, dixo publicamente que planea retornar á política de achegamento cara a Cuba  que Obama só puido comezar no seu derradeiro mandato, e que en pouco tempo puido demostrar que si é posibel convivir en paz e cooperación, procurando o común e respectando as diferenzas.

Os vividores do conflito, os promotores do mal contra o pobo cubano, os que se beneficiaron dos millóns de dólares que Estados Unidos destina cada ano as iniciativas agresivas e de subversión anticubanas, andan estes días en desvariada ofensiva por deixar unha escusa que hipoteque a futura política do goberno de Washington contra Cuba.

Buscan unha versión actual do desafio das avionetas de Hermanos al Rescate cuxo derribo forzara a Clinton, presidente candidato de 1996, a renunciar ao achegamento con Cuba e converter en lei o proxecto Helms Burton para afondar o bloqueo e debuxar o futuro neocolonial de Cuba rebelde.

Pretenden fomentar a inestabilidade social, converter as frustracións en protestas e aproveitar as circunstancias difíciles dun país que tivo que librar unha dura batalla contra a pandemia de COVID-19 no medio de dun brutal aumento do bloqueo e da paralización da súa principal fonte de ingresos, o turismo; buscan liderados desestabilizadores de reducidos sectores da cultura, finazados por EUA durante anos, e buscan confundir a sectores da mocidade golpeados nas súas aspiracións e calidade de vida pola mesma política de asfixia imperial contra Cuba.

    Como expresara o xeneral de Exército Raúl Castro nun discurso ante o parlamento cubano o 19 de abril de 2018: “ …os inimigos da Revolución non renuncian a penetrar, confundir, dividir e afastar á nosa combativa mocidade dos ideais, a historia, a cultura e a obra revolucionaria; sementar individualismo e cobiza, mercantilizar sentimentos e infundir nas novas xeracións o pesimismo, o afastamento da ética e os valores humanistas, da solidariedade e do sentido do deber”.

Queren prender unha faísca que desemboque nun estalido social, ao estilo dos ensaiados e executados no mundo árabe ou Ucraína. Desde as redes sociais dixitais aléntanno con toda a cara, desde o Departamento de Estado e a súa embaixada na Habana ou a partir da mafia anexionista de Miami. Quen se informan só neses espazos dixitais, pensarán que Cuba vive unha guerra civil ou unha protesta social xeneralizada. Eis o que queren para o país o imperio e seus peóns.

Máis de 60 anos de loita leva a Revolución cubana contra a resolución estadounidense de frustrala e as asechanzas dunha contrarrevolución armada e do terrorismo. O apoio maioritario da Revolución procede do pobo que nestes días de ameazas é a principal fortaleza e o mellor bastión fronte andrómenas e delirios. Cuba conta cunha cultura, unha intelectualidade, unha grande familia de artistas e creadores de cerne antimperialista. Eles son espada e escudo da nación ante os intentos de dominación.

Desde a intelixencia, a firmeza de principios, a capacidade de diálogo, e a forza esencialmente revolucionaria do seu pobo, Cuba dá resposta a esta nova  ameaza para facer mellor ao país.

    Advírtenos desde o século XIX o gran pensador cubano José Antonio Saco: Non sexamos o xoguete desgraciado de homes que con sacrificio noso quixesen apoderarse da nosa terra, non para a nosa felicidade, senón para o seu proveito […]eu desexaría que Cuba non só fose rica, ilustrada, moral e poderosa, senón que fose Cuba cubana e non anglo-americana.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *