“O enfrontamento básico de Cuba é co capitalismo transnacional porque eliximos soberanía e xustiza social” (Enrique Ubieta)

Enrique Ubieta Gómez – Alma Mater

O xornalista Enrique Ubieta, que ten participado no comando médico contra a Pandemia en Italia, critica nun artigo que ven de publicar no sitio Alma Mater,  aos  que non consideran necesaria a defensa da ideoloxía revolucionaria e recorda que nos últimos anos debilitouse no país a capacidade mobilizadora mentres se aplicaban políticas que primaban a iniciativa individual e avanzaba a ideoloxía liberal nalgúns sectores da sociedade. O autor do texto, coida que é ridículo falar de empoderamiento popular, se nos verdadeiramente afectados pola pobreza, o bloqueo e a pandemia, non se manifesta unha conciencia de clase. “Aceptamos o diálogo no marco da Constitución socialista (partido dirixente, ideoloxía martiana, marxista-leninista e fidelista)  que foi votada por unha inxente maioría de cubanos”.

Ubieta contou nun fermoso libro a súa experiencia coa brigada médica cubana en Turín.

O autor di que para saber  o que pasa en Cuba compre explicar  a relación do socialismo cubano cos centros mundiais de poder e as debilidades e insuficiencias da Revolución. “Non comprenderemos o 11 de xullo –advirte-, se non vemos que o obstáculo externo que enfronta a independencia cubana non se reduce á confrontación de intereses cun ou dous ou moitos gobernos norteamericanos (…) o enfrontamento de base é co capitalismo transnacional : eis o inimigo estrutural, porque o camiño que eliximos é o da soberanía nacional e a xustiza social. Non haberá paz. É unha guerra que non coñece normas éticas e na cal non existen comportamentos ou solucións de convivencia que non se sustenten na forza ou a conveniencia”.

Subliña Enrique Ubieta que “nunca antes fora o Bloqueo, dunha maneira tan directa e evidente, responsábel de mortes en Cuba; noutros  tempos, viamos só números, listas de perdas abstractas, que presentaban algúns e outros negaban con cinismo. Ben sabido é que a morte roubaba destemidos balseiros no mar alto, ou nenos e adultos nos hospitais, por falta de medicamentos; había quen achacaba esas perdas a decisións persoais ou ben a enfermidades que non tiñan cura. A persistente pandemia da Covid-19, ao elevar o número de contaxios e mortes, e tocar co seu dedo imprevisíbel calquera veciño ou familiar, incrementa medo e frustracións. Hai erros que agravan a canseira dos homes e mulleres que traballan día e noite por salvar vidas nos hospitais ou fóra deles. A indiferenza burocrática agrava o cadro, mais non tanto coma a falta de respiradores artificiais, de balóns de osíxeno, de camas ou de antíxenos”.

O bloqueo recrecido, impide a compra de medios e materias primas para a fabricación de medicamentos, de divisas que poidan remediar as necesidades do pobo, do petróleo necesario. “A guerra é total –di-  e os minguados  recursos do país van para a sanidade e para a produción e compra de alimentos; fabrícanse respiradores, créanse e prodúcense vacinas e antíxenos. Mais a prensa do capital e os seus satélites culpan ao goberno de falla de eficiencia. A disputa non é pola verdade, é polo poder. As reclamacións dos sectores máis afectados polo afogo económico (pandemia + bloqueo recrecido) podería asumirse como natural, e aínda que é un resultado planificado polos que nos bloquean, a irrupción de protestas non é consecuencia lineal desas condicións. A pandemia e as crecentes e sostidas dificultades materiais, xeraron tamén un espontáneo movemento de solidariedade cidadá, que se traduciu, por exemplo, no arribo á cidade de Matanzas, cando esta era o epicentro da enfermidade e parecía gravemente colapsada, de centos de voluntarios de todas as provincias: estudantes, profesionais, artistas ou traballadores por conta propia”.

Pregunta o autor se un país cativo e rebelde, que resiste a dominación transnacional con recursos limitados, poderá acceder á prosperidade material. Responde asertivamente  mais precisa que será imprescindíbel definir o concepto socialista de prosperidade. “A cultura hexemónica no mundo é capitalista; a que chamamos socialista, é apenas unha contra-cultura sen inserción económica estábel no mercado global. Alemaña do Leste, víase na obriga de competir en bens de consumo coa do Oeste, e, malia ter un nivel de vida alto (e non só a respecto dos países de economía máis feble) fracasou no empeño. Da relación humana cos obxectos nace o consumismo, elemento básico para o crecemento económico do sistema capitalista e a reprodución dos seus valores, impón normas inalcanzábeis e contraditorias co socialismo. A prosperidade en termos de Miami, non só é inalcanzábel no contexto dunha guerra de intereses transnacionais, tamén é indesexábel para o proxecto nacional de Cuba”.

O capitalismo transnacional —cuxa cabeza visíbel son os EUA— traballa no desmonte da unidade (consenso) da Revolución dende hai décadas.  Para Ubieta a realidade resultante do chamado Período Especial, reabriu e agrandou  as desigualdades latentes na sociedade cubana, e a desfeita do chamado campo socialista, desarmou o discurso e o horizonte. “Fidel –recorda- era consciente diso, e na segunda metade dos anos noventa do século pasado lanzou dúas cruzadas en aparencia distintas, mais enlazadas, que emprazaban a ideoloxía da Revolución no seu verdadeiro centro: dos humildes, polos humildes, para os humildes. Refírome á Batalla das Ideas no interior (o resgate, protagonizado polos mozos, dos máis desfavorecidos por circunstancias biográficas e sociais) e ao internacionalismo médico cubano, unha tradición da Revolución que renacía coma obxectivo principal en tempos diferentes. A mocidade participante na Batalla das Ideas non era atraída por melloras materiais, senón por poder encher as súas vidas de sentido e traelos desde as marxes ao protagonismo da sociedade”.

A transcendencia do internacionalismo médico estaba buscada para o interior e o seu sentido era máis ideolóxico que económico. “As dúas iniciativas –recorda- retomaban a práctica da solidariedade, corazón do socialismo no seu longo e permanente proceso por conquistar a xustiza total. Ambos programas, sinala o autor do artigo, buscaban reciclar dende o protagonismo xuvenil, a vocación revolucionaria. Entre os anos 1999 e 2000, participei cos médicos e enfermeiros cubanos no Programa Integral de Saúde en Centroamérica; os internacionalistas percibían apenas 50 dólares mensuais e eran asignados nas zonas máis apartadas de cada país, sen maiores comodidades. A misión era asumida con orgullo. Nos últimos anos, o Continxente Henry Reeve relanzou ese espírito solidário, nunca desaparecido nas múltiples misións dispersas no mundo, pero non sempre asumido da mesma maneira por todos seus integrantes. Dende a primeira gran misión en Paquistán, pasando polo heroico combate ao Ébola en África Occidental (e nomeadamente pola súa magnitude e significado, nestes case dous anos de pandemia)  o Continxente encarna o sentido avivecedor  da ideoloxía revolucionaria, concibido por Fidel”.

“Para o imperialismo era urxente diluír a ideoloxía da Revolución, sobre todo, despois da desaparición física de Fidel –engade Ubieta- porque no caso cubano é o nó que sela a unidade. Un imperialismo que a segunda metade dos noventa, fixo por fracturar e desacreditar os nexos do marxismo coa tradición cubana de pensamento, en especial co legado martiano. No novo século primou o ataque frontal ao comunismo.  Comparto a interpretación do filósofo cubano Rubén Zardoya: “Hai ideoloxía alí, e só alí onde están en xogo os ideais sociais; onde se producen, circulan e consúmense ideais sociais”.

Presentar aos heroes coma escravos

O internacionalista refírese a dous esforzos paradigmáticos da estratexia imperialista: “a) darlle volta ao impacto ideolóxico do internacionalismo médico cubano, facendo que  apareza nos media coma un mero acordo comercial, no que o traballador da saúde deixaba de ser heroe para ser presentado coma escravo. Isto significa para o autor do artigo, “anular a súa excepcionalidade de home-muller novo, disposto a salvar vidas a risco da propia e sen interese de lucro, para inserilo no mundo da compra-venda e igualalo, con perdas materiais, ao mundo da medicina privatizada. Non se trata só de impedir noso posíbel gaño económico, enténdase ben: para o inimigo é máis importante reducir todo a perdas e ganancias; b) desvalorizar o deporte revolucionario oposto ao profesional —no que algúns deportistas poden facerse millonarios— e convencernos de o deporte profesional ser superior e que é eerrado afastarnos del porque os triunfos deportivos cubanos, na burbulla amadora, son arela propagandística do goberno revolucionario. En ambos casos —máis no segundo que no primeiro— esas campañas inimigas atoparon defensores inxenuos ou maliciosos no seo da nosa sociedade. Foi moi positiva na miña opinión a mobilización dos brigadistas cubanos do Continxente Henry Reeve cara ao interior do país, porque romperon co falso concepto de existiren dúas solidariedades, a externa e a interna”.

O autor ten denunciado que o propósito de desideoloxizar á mocidade cubana, non é máis que unha re-ideoloxización no senso inverso, e discorre nos circuítos intelectuais por tres camiños:

1. A reactivación das liñas ideolóxicas que precederon á unidade dos revolucionarios cubanos, superadas ou conxeladas polo trunfo da unidade fidelista, tanto das correntes derrotadas (por exemplo, o anti-comunismo), como daquelas que se integraron á nova visión, cualitativamente diferente a todas. Neste sentido, enxálzase o período de intensa loita ideolóxica que precedeu á conformación desa unidade, como cúmio da creatividade. “Para probarmos a falsidade desa tese, léan o iluminador libro A historia nun sobre amarelo. O cine en Cuba (1948–1964) de Iván Giroud, publicado de forma recente polo ICAIC.”

2. A interpretación do diálogo ou da unidade como lugar de converxencia de todas as ideoloxías, sen preeminencia de ningunha. Arguméntase que a diversidade actual da sociedade cubana esixe a aceptación de todas as correntes ideolóxicas, así coma do multipartidismo. Lembremos que, de cantas ideoloxías existen, só a que parte do marxismo é radicalmente anticapitalista. Neste punto, os ataques céntranse no Partido Comunista —obxecto dunha permanente demonización— que constitucionalmente rexe os destinos da Patria. É preciso comprender o contexto rexional, onde os esforzos de construción de camiños anticapitalistas prefiren concertacións políticas, ideoloxicamente antagónicas, a unha construción ideolóxica unitaria como a cubana. Esas experiencias rexionais, xorden de eleccións burguesas, multi-partidistas, e, a pesar das medidas revolucionarias, seguen a ser burguesas, alomenos no seu aspecto formal. Non podemos esquecer que moitos teóricos e antigos militantes, perderon a fe e renunciaron de feito á superación do capitalismo, aínda que o seu discurso non deixe de maldizer o capitalismo.

3. A negación do ideolóxico. A ideoloxía como dogma a superar, coma un obstáculo ou rémora do pasado que impide a aceptación de solucións pragmáticas. Din: o pobo non precisa discursos, senón comida, coma se as formas de produción e distribución de alimentos, en calquera país e circunstancia histórica, non respondesen a determinados modelos de sociedade. Coma se as ideas, os ideais (as metas, os horizontes) non se artellasen en palabras; coma se a ideoloxía revolucionaria puidese existir só en verbas, de costas viradas á práctica.

Lemas reciclados

A estratexia inimiga aparece clara recorda o autor do artigo: “denigrar o acto revolucionario para baleiralo de contido e confundir á mocidade desmobilizada. Puños erguidos, folgas de fame (ou simulacros delas), nais pagas a tanto a hora, vestidas de branco como as dignas Avoas da Praza de Maio;  lemas reciclados. Un grupo de mulleres cargadas de alfaias, reunidas nunha rúa de Miami, portando cartaces de apoio á candidata presidencial da dereita peruana, corea o lema peruanos unidos, xamais serán vencidos!. Comparan o inexistente Movemento de San Isidro (cuxos representantes encomian o imperialismo)  co poderoso Black Lives Matter (anti-sistema)  pero este, que non é parvo, non cae na trampa; e din que os que aldraxan os símbolos nacionais de Cuba e piden a invasión da súa Patria polo exército dos EUA, non teñen parecido cos queimaban a bandeira e desprezaban o himno do imperialismo estadounidense para protestar contra a invasión a Vietnam ou máis recente, contra o asasinato de afroamericanos pola policía”.

“A ofensiva imperial –engade o autor- acusa agora aos líderes da esquerda de fraude e corrupción —adoita suceder cos líderes da dereita—, someténdoos a xuízos onde mesturan verdade e mentira; menten a conciencia cando falan de desaparecidos en Cuba; engadan incautos cando piden o cese da represión no país (non en Colombia; non en Chile ou nos Estados Unidos)  Coidan que esquerda e dereita son a mesma cousa; con cinismo, dinque vivimos na era da posverdad. Un mozo contrarrevolucionario, ante as evidencias incontestabeis de a súa lideresa  estar finxindo unha folga de fame (mentres a Unión Europea e os Estados Unidos clamaban pola súa vida), dixo: “tanto me ten que sexa mentira; seguirei dicindo que é verdade”. O 11 de xullo, en Cárdenas, unha rapariga que participaba na manifestación contrarrevolucionaria respondía a un funcionario do Partido sobre si recibía ou non diñeiro por iso: “Si, e que? A ti páganche tamén”.

Sobre o reparto do grupo concentrado fronte ao Ministerio de Cultura o pasado 27 de novembro, o autor do artigo acusa: “non todos eran artistas; foi liderado de forma rápida por figuras con vínculos explícitos con entidades oficiais ou para-oficiais do goberno estadounidense. Neste caso, cun pouco máis de elaboración, a reideologización aparecía envolta en reclamos de carácter liberal-burgués, un deles en verdade inusitado (nunca praticado polos capitalismo): que se permita, sen interferencias, o derrocamento do modelo socialista. Tanto foi así, que puxeron en fuga as defensores do diálogo”.

2017. Alguén pregunta se os Lineamientos Económicos e Sociais do Partido, entón recentemente aprobados, eran centristas.  Responde o autor: “A pregunta recollía unha das confusións máis estendidas do últimos vinte anos. A meu ver, a condición de calquera programa político está definida polo seu sentido: neste caso, a apertura dun camiño de desenvolvemento para o socialismo anticapitalista en condicións excepcionais —un só país, pequeno e pobre, fronte ao imperialismo estadounidense e mundial—, e ese obxectivo serviríanos de compás para os axustes necesarios. O compás non é a letra dun manual ou de calqueroutro texto aprobado nun congreso; o compás, como sempre dixo Fidel e repetiu Raúl, é o pobo. “Estreitamente vinculada con estes conceptos de alcance estratéxico, verdadeiramente estratéxico para o presente e o futuro da Patria —confirmaba Raúl en Santiago de Cuba, o primeiro de xaneiro de 2014—, está a frase pronunciada por Fidel aquí, case a esta mesma hora, desde ese balcón exactamente, fai hoxe 55 anos, coa que, pola súa eterna vixencia desexo concluír as miñas palabras, cito: «A Revolución chega ao triunfo sen compromisos con ninguén senón co pobo, que é ao único que debe as súas vitorias». Cincuenta e cinco anos despois, no propio lugar, podemos repetir con orgullo: A Revolución segue igual, sen compromisos con ninguén en particular, só co pobo!. Xa que logo, non se trata de facer todo o que a xente di ou pensa (xa sabemos como se constrúen no mundo os estados de opinión, como repetimos opinións prefabricadas coma se fosen nosas) Polo xeral, é o que un grupiño di que a xente di. Estar co pobo é ser parte del”.

A esencia dun Goberno revolucionario non se define pola arte da gobernabilidade. Iso é un requisito, pero non o resultado de medidas de equilibrio que responden a conxunturas específicas, salienta. “Non hai que esquecer que bordeamos un precipicio, por un camiño estreito —en tanto non damos atravesado a montaña—, e que todo colabora para facernos caer: o vento natural e un exército pago de sopladores de vento. Nada garante que non perdamos o equilibrio. Mais só a forza colectiva do noso pobo e a plena identificación cos humildes pode impedilo. Eis o camiño que debemos transitar. O crecemento económico en por si non define o triunfo final dese percorrido”.

A confianza salienta na recomendación final do artigo: “Compre mobilizar ás masas, dar protagonismo á mocidade, redimir en actos a ideoloxía da Revolución. O sucedido o 11 de xullo en Cuba non marca un rumo novo na práctica política nacional, como arelan os que non poden xa distanciarse do concepto burgués-liberal de democracia; mais pode ser, para alén da súa evidente planificación e xestión dende Washington, un golpe de compás que nos lembra cara a onde hai que mirar. Creo que hai conciencia diso, e por iso, agora, somos máis fortes”.

Tradución ao Galego e edición de Rosalía Eiras.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará