O EXABRUPTO DE CHÁVEZ

O falar de Chávez levanta as pedras.

Temos necesidade desa maneira de falar para fuxirmos da retórica de oficina a que nos teñen acostumado nas xuntanzas de xefes de Estado. Temos que buscar unha lingua de exabruptos, intempestiva, violenta, sorpresiva, que rompa as falas de aparecidos coas que nos falan en tan altas ocasións.

O trinta por cento dos latinoamericanos vive so a liña de pobreza: ese era o asunto a discutir; a outra linguaxe, a das formas, queda para os corros dos latricadores. Claro que ese falar carece da forza do exabrupto. O exabrupto que expresa a miseria e a dor da fame, o que non abdica, o que berra a enfermidade e as enfermidades neurolóxicas dos nenos latinoamericanos por desnutrición.

Chávez é un impulsivo que denunciou a complicidade do goberno español no golpe que o quixo derrocar no 2002.

Chávez berra que mete medo. Cando o mandan calar, berra máis forte.

A figura do ex presidente Aznar xunto a Bush e Blair na foto do imperialismo criminal do ataque a Iraq. Imborrable na súa obsecuencia extrema. Berro enxordecedor da traizón da ética. Polo que máis queran, non borren esa foto da memoria!

Necesitamos un falar diferente, un falar de ermos sen alimentos, sen auga, sen saúde, sen esperanza. Falas novas que expresen miseria e que nos doia o corpo ao escoitalas- Inventar un falar que non produza beleza, senón fame infinita, mortalidade infantil, onde os nosos ollos se desorbiten como neses monstros sen lactacións. Falas sensacións son as de Chávez: que non calan nunca, que produzan convulsións como respostas, que nos fagan epilépticos por un anaco, que nos cadavericen. Exabruptos ben vidos.

Exabruptos novos, obscenos polo subversivo. A grande desgracia que xa se interiorizou como normal é a resignación, a tristura, a adaptación. O exabrupto é a esperanza, aínda que se ofendan os reis por un anaco, o falar confrontativo do mestizo Hugo trae novas esperanzas, como cando o liberou baixando dos outeiros a humildade humillada dos pobres e menesterosos que se convertían en humanos ao liderarlos Chávez.

Abonda de edificios de linguaxe que non nos serven máis para expresar, que xa non abranguen nada, que xa non explican nada, palabras baleiras de conferencias e simposios. Necesitamos exabruptos que expresen os ollos rebentados de fame, as dores infinitas, os ouveos.

Que estoure a impostura toda e deses entullos nazan as falas novas. A beleza dos restos, poesía dos entullos.

Á cacharela coas linguaxes vellas, olor a trampa, a impudicia, a corrupción por todos os cantos. Necesitamos a fala dos parrulos nas fontes dos cabecitas do 17 de outubro.

Dos indios de Morais que tanto escandalizan aos brancos bolivianos.
Construamos unha linguaxe chea de exabruptos.

Chávez é obsceno.

Potencia de novas palabras que cambien a linguaxe que xa non di nada, de retórica de estafermo e pelica barolenta que envellece e escoitala xa dá vergoña.

Fala nova, leda e poderosa para unha humanidade nova. Precisamos de moitos exabruptos para que non haxa máis vidas alporizadas, ciscadas, subhumanas, no noso continente.

Un ouveo moi grande. Para iso necesitámote moito, benquerido Hugo Chávez, pelexando sempre coa forza da túa fala.

Exabrupto puro arreo. Que os burgueses e os terratenentes se escandalicen, pero ti fainos sentir invencibeis por un anaco.

As revolucións sociais sempre foron grandes exabruptos. Escandalosas. Co teu mestre, o grande Fidel, o inmortal, sempre ao teu carón.

Página 12 Bós Aires 13.11.07

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará