O exemplo e legado de Fidel reviven na súa Homenaxe Nacional celebrada en Pontevedra

Rosa Bastabales (Pontevedra) para Terra Sen Amos

Un programa feito arredor da proposta política de Fidel, do seu exemplo heroico e útil e da razón prática e solidaria como única via para construir a convivencia e combater o imperialismo e os priviléxios. O Fidel da explicación económica lúcida e de comprensión universal. Na homenaxe que lle rendeu toda Galiza no Principal de Pontevedra, reviviron os consellos do Lider Histórico da Revolución Cubana e as tarefas de liberación, mentres pairaban as saudades. No remate, un teatro ateigado e en pé coreaba “eu son Fidel” antes de entoar a Internacional como despedida.  

O Teatro Principal ao completo escoita os acordes de Cabalgando con Fidel, no comezo do programa (Foto de Merchi Santiago)
Uxia e Alberte Vilas trouxeron á homenaxe acentos da Trova e de Rosalía.

Os acordes de Cabalgando con Fidel para abrir luces nunha sá muda e a rebordar:  Contan que na praza viron de a pouco/ a Camilo e a Martí acabalcando/ e diante deles paseniño, un cabalo pasaba para ti… A balada composta por Raul Torres a finais de 2016, recorda un vello poema de Gelmann:  O pobo chámao Cabalo e fala as razóns: Fidel amontou un dia sobre Fidel e lanzouse contra a dor e a morte e ainda máis contra a poeira da ialma. Sobres os acordes últimos de Torres, o anuncio de Mónica Camaño ten a armonia dun derradeiro retrouso: “Eis unha modesta homenaxe tecida con cabeza e corazón para honrarmos a Fidel, reencarnación do espírito anteimperialista e avangarda do movemento libertador dun pobo ao que o imperio do Norte non foi quen de axoenllar!”.

O Alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores, de viaxe a Córdoba, para participar no Congreso de Seguridade Viaria, delegara na  alcaldesa vigaira Carme da Silva que expresou “a satisfacción do Governo Local por colaborar coa homenaxe: é unha honra para o Concello que a convocatoria teña lugar en Pontevedra porque Fidel é o símbolo da independencia e representa todos os principios da loita pola liberdade dos pobos”. Da Silva dixo que gardaba a lembranza das palabras de Fidel en Matosinhos (Porto) en 1998. “Foi una experiencia única e en certo xeito un anuncio lúcido porque todo o que o líder cubano ali falou, foise cumprindo”.

Amais de Carme da Silva, participaron na homenaxe Angel García Seoane, Alcalde de Oleiros; Carlos Portomeñe, voceiro do grupo municipal Alternativa de Esquerdas–Esquerda Unida de Lugo e membro de la Directiva Nacional do PCE; Rubén Pérez, Portavoz Municipal da Marea de Vigo; Montse Prado, Executiva e Diputada do Bloque Nacionalista Galego. De Cuba estiveronron Pedro Trigo, natural do Viveiro e Heroe de Moncada, José Antonio Solana Fernández, Cónsul Xeral de Cuba en Galiza e as funcionarias consulares Izary Hernández Lozano y Silvia María Iglesias Pérez. En representación da República Bolivariana de Venezuela, acodiu a Pontevedra  Mónica Sánchez, Cónsul Xeral da RBV  en Galiza.

Marta Dacosta contou a figura política de Fidel no retorno da vella toupeira da liberación, sempre a furar na procura da luz roubada, e reparou na figura das avós que transmitiran en xestos e agarimo, un sinal de  a preferéncia por todo o que emancipa. “Mulleres de carne e oso que nos foron parindo, personaxes literarias e históricas, todas invisibeis, porque se unhas son anónimas, outras, mália teren nome e coñecérmolo, foron deformadas e asimiladas; mulleres das que herdamos silandeiramente o desexo de rebelármonos e alzar  nosa propia voz”.

A luz da outra banda das barras e do mar é a mesma ca nosa: Fidel e Rosalìa como estrelas das nacións, na visión de Anxo Angueira: “tanto como na testa de Martí que nunca se detén, nin se elimina nunca, nin se enmalla nos mapas celestes made in Miami”.

Tino Vaz cantou a capela “A Raiola da Igualdade”, acompañado só pola caixa do peito e Mini e Mero recordaron a folga de fame de mil palestinos presos sen acusación formal, nin proceso,  nas cadeas dos que os colonizan, unha agonia e un aldraxe do dereito internacional que estivera sempre na axenda de combate da Revolución Cubana e nas intervencións de Fidel. A seguir, Uxía Senlle, con Alberte Vilas ao piano, reviviron o clásico de Silvio Rodriguez “A Maza” e o desafio condicional da letra máis recordada do cantautor de San Antonio de los Baños: “Descrera eu no que me escoita, e non tivese lei polo que fica, non levase nin conta do que doe, ou perdese atención polos que loitan…”.

Pepe Cáccamo recitou o poema “Que veremos arder” de Roberto Fernández Retamar, censurado na Ditadura (1970) dentro do libro do poeta cubano que, levando o mesmo título na edición orixinal, aparecera en Barcelona coma “Algo semejante a los monstruos entediluvianos”. O poeta citou no final os versos de Antón Avilés de Taramancos “Hai que romper de Norte a Sul Galiza/queimar as rozas dunha idade antiga e ver nacer o sol/ Hai que romper, romper agora!”

Logo veu o brado de Allen Ginsberg contra o imperio, na versión e declamación orquestal de Celso Parada, o recordo de Luz Fandiño de quen fora “alento de todas as vítimas da anaconda do imperialismo” e  unha coloquial chamada á resistencia de Manolo Pipas.

Cosendo as derradeiras puntadas do seu sobranceiro traballo de conductora da homenaxe,  Mónica Camaño  dixo; “A árbore de Fidel medrou en Cuba, pero as súas raíces están chantadas na nosa terra”.

O cónsul Solana, fixo tremer a fábrica do Teatro Principal coa resposta unánime do público á unha pregunta súa sobre a vixéncia de Fidel. Valentín Alvite, presidente da Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil”, recordou as razóns históricas de Cuba no exemplo e na palabra viva do Lider Histórico da Revolución.

Video  sobre a Homenaxe neste enlace: https://www.youtube.com/watch?v=wq08-DnirYc

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará