O filme “La Dictadura del Algoritmo” explica o uso de internet por EUA como arma contra Cuba

Angel Guerra Cabrera – La Jornada

La dictadura del algoritmo é o título dun interesante documental cubano estreado na illa o 4 de xuño, na televisión. Dirixido por Javier Gómez Sánchez, cumpre eficazmente a función de desmontar non só os intereses económicos e políticos que se esconden detrás dos algoritmos, eses supostamente neutrais modelos matemáticos, senón o uso intensivo de Internet por EUA, como arma na súa guerra multidimensional ou de cuarta xeración contra Cuba.

O filme La Dictadura del Algoritmo é acesíbel en Youtube

Toda guerra ten como obxectivo é a aniquilación do contrario. Neste caso, a forma de esa anulación é o cambio de réxime, a saber a que custo humano nun país historicamente tan celoso da súa soberanía e independencia. Esta afirmación non é un lema: está apoiada por feitos certos como son a derrota da invasión mercenaria de Praia Girón e todos os intentos de dobregar á Revolución Cubana por medios violentos.

Non debe esquecerse a prolongada e sanguenta campaña de terror de Estado contra a illa, tamén desarticulada intento tras intento. En vista destes fracasos, é significativo que ambos os dous partidos políticos de EE.UU., desde o goberno de George W. Bush até hoxe, coincidan no golpe brando como a fórmula máxica que pode crear de súpeto a percepción dunha revolución derrotada. Para logralo, instrumentan o uso masivo e moi agresivo das redes sociais.

Segundo datos oficiais, EUA inviste 50 millóns de dólares anuais en fomentar a democracia en Cuba, pero esta cifra é moi inferior á real, pois a parte máis grosa dos fondos é declarada secreta co argumento de protexer aos destinatarios, ou por formar parte do orzamento da CIA.

Unha significativa porción está destinada ao sostemento dun enorme aparello de medios dixitais cuxo único propósito é a subversión, o cambio de réxime en Cuba, como aparece manifestamente na lei Helms-Burton, posiblemente o intento máis bárbaro e agresivo de dar visos de legalidade á monstruosa inxerencia no destino político de Cuba.

Decenas de grupos e persoas reciben na illa diñeiro do contribuínte estadounidense como activistas, xornalistas independentes ou artistas. No caso do recentemente lanzado Movemento San Isidro, o papel de padriño do goberno de EUA e da súa embaixada en Cuba está probado sen ningún xénero de dúbidas.

O de movemento, claro, é un dicir; trátase dunha parvada pro ianqui do peor gusto, totalmente allea aos ideais democráticos de que si son radicais portadores a Constitución e a orde política de Cuba. Iso si, formaba parte do recente intento de golpe brando en Cuba e continúa encadrado nese criminal esquema. 

La dictadura del algoritmo expón a luz do día a maquinaria de sedución e terror que tenta impor Washington na illa a través das redes sociais, dirixida sobre todo ás novas xeracións. Por unha banda, crear unha apetencia no suxeito e logo atraelo ofrecéndolle o obxecto que conxenia con esa apetencia; pola outra, disciplinar as audiencias para os individuos non se atreveren a expresar criterio propio, pois rompe co suposto consenso existente no grupo e expón ao infractor ao fusilamento virtual no remedo de praza pública que son as redes.

No caso de Cuba, a satanización de quen ouse pronunciar palabras tan orgánicas, entrañables e propias da vida cotiá da illa como Revolución. Ou tan odiosas pero omnipresentes como Bloqueo ou Imperio. Para descualificar, aterrorizar, illar, a quen as pronuncia, os medios mercenarios de Washington crearon a etiqueta de oficialista, que atemoriza a non poucos mozos educados na idea da rebeldía.

Trátase dunha ofensiva contra as institucións revolucionarias en xeral e as institucións da cultura en particular, defectuosas como todo o humano, pero tan importantes como foron ao longo de anos de revolución para estender o concepto de cultura a todo o pobo e fomentar a aparición de talentos. Todo este drama é explicado na cinta por xente moza, estudosos e estudosas en comunicación, artistas, estudantes e un ex axente da seguridade do Estado, cuxos formulacións son cabais e interesantes, honestas, sensibeis e actualizadas sobre o devir do ciberespazo e dos recursos tramposos cos que nos ameaza a  escala internacional.

La dictadura del algoritmo posúe o vigor, a claridade racional, a potencia cultural e moral para incentivar o debate ao que convocou o VIII Congreso do Partido Comunista de Cuba sobre a elaboración da estratexia para derrotar ao inimigo imperialista na batalla das ideas nas redes sociais. E tamén, como usar esas redes para formar valores patrios, socialistas, internacionalistas e crear patróns éticos e gustos estéticos á altura do proxecto revolucionario.

LA DICTADURA DEL ALGORITMO está en aberto en youtube.

Sobre este filme, ler tamén o artigo de Atilio Borón en Cubadebate http://www.cubadebate.cu/opinion/2021/06/07/la-dictadura-del-algoritmo-comentarios/

(Versión en Galego de Hermelinda Dacal)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará