O goberno do PP é o único da UE que non ten programa de cooperación con Cuba

Albino Presedo (Miami) – Terra Sen Amos

Non deixa o goberno de Madrid de borrear o alto interese que ten por Cuba e a nada que se fale da súa relación coa illa, protesta de ter inventado a corrente da Bahama e o rio Jatibonico ben antes da formación dos continentes. Porén, programar unha visita de Estado que estea a altura da proclamada amizade histórica, preséntase coma a hemiplexia maior do goberno do PP.  O gabinete de Rajoy mantén dentro da UE a liña de descalificación política máis despectiva con Cuba bloqueada por EUA, no entanto carece dun plano sustantivo de cooperación. A pantasma da Hispanidade contempla con receo a ringleira de mandatarios de todo o planeta que agardan quenda para honrar ao goberno da Revolución.

Dastis ten unha política de carpeta azul para Cuba,

A versión actual da Política da Hispanidade coa que Franco procuraba demediar o aillamento internacional, consiste hoxe, en orde de importancia, en axudas crediticias para a compra de equipa e contratación de obra pública para Perú, Marrocos, Colombia, Salvador, Nicaragua e Ecuador. Cun programa internacional de cooperación case liquidado depois da crise de 2008, Garcia Margallo anunciara que o interese estratéxico da Coroa Española centraríase en Latinoamérica, o norte de África e o sub-Sáhara. O ministro Dastis ainda non modificou estas prioridades básicas do goberno da dereita.

En Maio de 2012, o vice-ministro de Relacións Exteriores de Cuba, Dagoberto Rodríguez, recordaba ao chanceler español García Margallo que non dispuña de invitación para visitar Cuba, depois do titular do ministerio adiantar á prensa que tiña mentes de pasarse pola illa.”Sería de interese para a opinión pública –dixo Rodriguez- saber se García Margallo recebera algunha invitación verbal ou oficial para visitar Cuba, ou se coida que non precisa invitación”, declarou daquela na Habana Dagoberto Rodríguez, quen indicou a seguir: “Ao ministro non o invitou ninguén” e a seguir notou que Cuba deixara de ser colonia de España nin de ningún outro país para recomendarlle a seguir que antes de relacionar problemas internos de Cuba debería atender “a fonda crise que vive España e o enorme desacougo dunha sociedade que ten un 40% da mocidade no paro”.

Febreiro de 2015, o ministerio de Asuntos Exteriores puxérase de cuñas a conta do ex-presidente Zapatero ser recibido pola presidencia de Cuba. En tempos do bisavó de Felipe VI, a segunda carteira no protocolo do goberno, chamábase Ministerio de Estado, por asumir no cargo as relacións cos poderes planetarios. A gallifa de García Margallo, ministro encargado da diplomacia, non se comprende sen ter conta das sucesivas mancadas do PP na súa relación con Cuba.

O goberno de José María Aznar (1966) entregara a política española con Cuba a EUA ao tempo que promovía a primeira alianza da UE para romper o goberno da illa do Caribe. En 1999, obrigando a executar a infame pragmática de Bruxelas contra un país pequeno e pobre, cercado por EUA, Aznar remiraba o protocolo da visita do Rei de España, na teima de facela privada e nunca oficial. O barullo da poderosa prensa de Aznar (coñecida daquela coma el sindicato del crimen) contra o goberno da Habana,  dera lugar a caricaturas españolas contra a coroa a conta da visita real a unha ex-provincia española.

Decembro de 2014, o anunciado paseo campante de García Margallo na Habana foi un chasco: o ministro non foi recibido por Raúl Castro e o obxectivo español de interesar ao governo de Cuba nas vantaxes da OEA para a integración continental, non foi nin sequer citado na comparecencia de despedida do ministro. Expulsa da OEA en 1962,  Cuba ten hoxe un papel principal na CELAC e é EUA quen vive exiliada na OEA e degara o reingreso cubano. A última xenialidade de Margallo en Cuba, foi recomendar “unha transición da ditadura para a democrácia polo modelo español”. A delegación española lavrada a cicel dende Madrid cabo de 30 meses, rematou nunha caravana de taxis ao aeroporto José Martí, sen rastro de intendéncia cubana.

Alfonso Dastis, remuda de emerxéncia de Garcia Margallo fronte do ministério de Estado, anunciara setembro pasado o programa da primeira viaxe oficial de reis de España a Cuba. Juan Carlos acudira en 199 ao Cúmio Latinoamericano como acompañante do Goberno de Aznar e non na súa condición de xefe da Casa Real; na súa segunda visita a Cuba, para asistir ás exequias do Líder da Revolución, foi como Rei Emérito. El País informaba 6 de setembro:“Os Reis irán a Cuba no comezo de xaneiro na que vai ser a primeira visita oficial dun monarca español a illa”. Mais nun prazo breve, fontes da Zarzuela precisaron que non tiñan en programa visita ningunha a Cuba, algo que, meses depois, recoñece o propio departamento de Dastis.

O diário Juventud Rebelde, pregunta qué condición ou circunstancia tería que existir, na visión de Dastis, para propiciar a visita do Xefe do Estado español a Cuba, fóra da existencia de claras bases nas relacións de respecto mutuo, reciprocidade, igualdade e non inxeréncia nos asuntos internos. “Eis os principios básicos das relacións entre Estados, que Cuba cumpre. Outra circunstancia que imaxinar poidese a dereita española para Cuba, vai viver o soño eterno”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará