O governo español admite a necesidade de reparar erros e inxustizas graves cometidas contra Cuba

Berenice Sobral – Miami*

Coa recente visita do presidente español a Habana, reloce quén tiña razon e como o tempo coloca cadanseu no seu sitio. A política española de apurar o eterno cerco de Cuba (Aznar) ou delegar na tirania de Washington e finxir inocéncia (Felipe González) remata no recoñecemento de Pedro Sánchez na Habana, de que España chega con moito retraso, eufemismo que admite a necesidade de reparar erros e inxustizas graves. Aznar desafia agora alarmado a fórmula dun observatorio hispano-cubano de Dereitos Humanos adiantada por Sánchez na súa visita, no que as sancións poden recaer naturalmente sobre España e as graves infracións cometidas polo seu governo.

Os crimes de Aznar poderian ser sancionados agora na Comisión Hispano-Cubana de Dereitos Humanos, anunciada por Pedro Sánchez na Habana.

Case non quedaba memoria da Posición Común promovida por Aznar en 1966, que consistía en procurar a cesión da soberanía política de Cuba mediante un aumento do Bloqueo. A primeira comparecencia pública de Aznar logo de chegar ao governo, foi para declarar que a paciencia do seu partido acabara con Cuba. A súa beira estaba o vicepresidente estadounidense daquela, Al Gore, quen, comovido, premeu o brazo do presidente español antes de lle dar grazas.

A  prensa española non editorializara sobre o arrumallo de quedar coa illa a prezo de saldo e, nun estado de ilusión no que se anticipaban proxectos para a liquidación inminente da Revolución Cubana, algúns empresarios españoles denunciaran que Franza, Italia e Inglaterra procuraban no entanto mellorar a súa relación coa Habana. De feito, a maioria das chancelerias da UE comprenderon que a súa posición no Caribe gañaba con só marcar distancias con Aznar e a súa rabiosa ofensiva contra a Revolución Cubana. Boa parte do tempo perdido do que agora fala Sánchez procede da arroutada de Aznar e da natural desconfianza co que o trataron os socios da UE.

Os dereitos humanos aludidos na Posición Común, eran en todo caso universais e indivisibeis, segundo denunciara Cuba. O dereito ao traballo é fundamental o mesmo que os económicos, sociais e culturais, e non poden ficar nun deixar facer, senón que precisan garantías e responsabilidades directas dos Governos. Sobre a definición de presos políticos, cerne da Posición Común, Cuba denunciaba o sen sentido de dar esta cualificación a unha persoa acusada con probas irrecusábeis de recibir pagos dun governo extranxeiro para conspirar contra as leis da illa, xa que Francia ou os EUA cualifican de axentes de potencias extranxeiras aos que realizan as mesmas actividades dentro das súas fronteiras. No territorio ilegalmente ocupado pola base naval de Guantánamo, sucédense as violacións de Dereitos Humanos con presos forzados a se alimentar cando fan folga de fame, baixo condicións que o dereito define como tortura sistemática. Grupos mercenarios actuantes en Cuba, arróganse a condición de opositores e gañan nas televisións oficiais da UE, suxeitas a censura, o insólito privilexio de seren entrevistados en tempos de máxima audiencia.

Cuba leva anos preguntando como funcionarían os dereitos humanos na UE se padecese as mesmas condicións que sofre a illa baixo o bloqueo económico, comercial e financeiro.

Fontes de a Moncloa explicaron que a referencia a todos os dereitos humanos, aparece literalmente no texto do acordo que indica o dereito de ambas partes a expresaren súa opinión. España, o pais da UE con máis denuncias comprobadas por torturas, o que ten maior índice de paro na mocidade de todo o ámbito comunitario, o que protexe a tiranía Seudita, terrorista contra os autobuses escolares do Iemen, poderá explicar na Comisión cal é o seu estilo de cooperación co governo que mantén a cadea de Guantánamo ou achega armas para bombardear o campo de concentración de Gaza indefenso.

*Berenice Sobral é  socióloga e profesora da St. Mary School de  Miami (Florida)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *