O imperialismo dos EUA non é un problema de Cuba, é un problema da humanidade

Iroel Sánchez – Granma

E nunca esqueceremos que formamos parte deste mundo: que a nosa sorte é a sorte dese mundo, que a nosa vitoria é a vitoria dese mundo contra o imperialismo, e que a derrota dese mundo sería a nosa derrota e a nosa escravitude!

(Fidel Castro, Discurso de clausura do XII Congreso da Central de Traballadores de Cuba, 29 de agosto de 1966)

Alá por marzo de 2014, no albor do que sería o proxecto contrarrevolucionario Cuba Posible, un dos seus contribuíntes, entrevistado por unha xornalista de Miami na Illa, daba consello a Cuba para a relación cos EUA: «é mellor, para o actor máis débil, adoptar cambios para poder entrar nun mapa maior, no que predomine o liderado norteamericano». Láiase o entrevistado de os dirixentes cubanos «non se sentir cómodos co mundo realmente existente e faceren o posíbel por mudalo”.

A relación de Cuba cun veciño que ten 30 veces a súa poboación, o poder económico e militar máis importante do mundo é tan asimétrica que a proposta de cangar semellante xugo, aceptar o mundo tal cal é, renunciar a cambialo e perder a martiana estrela na fronte, poida que gorente aos que pensen máis coma estadounidenses; o plattismo (a situación de dominados pola Enmenda Platt) e o fatalismo xeográfico teñen a súa parte na historia nacional, cousa que se ensina, non nas universidades estadounidenses senón na escola primaria nacional.

A rapazada cubana tamén aprende na escola (malia algúns preferiren esquecer de adultos) que até 1959 Cuba era un país con monocultivo (canabal) en terras de propiedade norteamericana situadas no seu territorio; que exportaba un só produto (zucre) a un só mercado: os EUA. As empresas estadounidenses compraran as mellores terras a  prezo de centavos a caballería (unidad de superficie de Cuba equivalente a 2 e1/2 cuncas de Galiza, ou 133 m2) logo dunha guerra na que o seu Goberno interveu cando os cubanos tiñan acurralado ao maior exército que tivo España en América.

No dealbar da guerra pola independencia de Cuba e Porto Rico, José Martí, o seu principal organizador, deixaría escrito para a posteridade a súa vontade de dirimir asuntos críticos: «É un mundo o que estamos a equilibrar; non son só dúas illas as que imos liberar», e definiría tamén que canto fixo e faría era para «impedir a tempo coa independencia de Cuba que os EUA crucen as Antillas e arrasen as nosas terras de América».

A visiónn de Martí é universal: tratou das loitas dos pobos nas máis diversas contornas. A súa primeira obra literaria (Abdala) sucede no Oriente Medio, e non hai pobo alzado pola súa soberanía que non teña ao seu lado a pluma martiana. De Irlanda a Vietnam, como os pobos orixinarios do que el chamou A Nosa América, tiveron nel a mirada atenta e profunda sobre as súas resistencias, como tamén os obreiros de Chicago que o mundo do traballo honra cada 1ro. de maio.

Martiano exemplar, Fidel comprendeu que limitarse a denuncia das intervencións dos  EUA como criterio para tratar da Revolución no campo internacional, sen á vez tratar de cambiar o contexto, sería suicida para os revolucionarios cubanos. Pola súa visión humanista e universal martiana, pero tamén pola comprensión de que esa enorme asimetría só pode equilibrarse cunha participación activa construtiva no escenario internacional. Por iso sempre  considerou as relacións entre os EUA e Cuba dende unha perspectiva integral  e global e non só como un problema bilateral ou reducilas de bloqueo económico.

Das  nacionalizacións e os Cinco puntos da Crise de Outubro ao Xuramento de Baraguá, pasando polas batallas contra a extraterritorialidade do Título III da Lei Helms-Burton, contra o Plan Bush, polo regreso do neno Elián e a liberdade dos Cinco antiterroristas cubanos illegalmente condenados nos EUA, o Comandante fixo da loita antimperialista un instrumento de cohesión social co pobo como protagonista, unha razón para a mobilización popular en Cuba e na opinión pública internacional para que o custo político ao adversario  fose alto.

Da axuda aos movementos de liberación nacional e a formación masiva de profesionais para o Terceiro Mundo ao envío de brigadas médicas  e a exportación de competitivos produtos bio-tecnolóxicos, incluíndo as recentes e moi efectivas vacinas cubanas contra a COVID-19, o papel de Cuba no mundo foi e é mil veces superior ao esperábel dun pequeno país resistente nas fronteiras do maior imperio da historia.

O imperialismo estadounidense non é un problema de Cuba, é un problema da humanidade. As políticas dos EUA non ameazan só a Cuba, comprometen a supervivencia mesma da especie humana; a emerxencia de novas e crecentes contestacións a esas políticas, recoñecen ese papel que a illa exerceu como símbolo de resistencia a esa pretensión hexemónica.

Iso é o que explica a impresionante, diversa e solidaria recepción que acaba de ter a delegación encabezada polo Presidente cubano Miguel Díaz-Canel en Alxeria, Rusia, Türkie  e China, pouco despois de cumprir tres décadas o rexeitamento humillante ao bloqueo económico dos EUA contra Cuba na ONU, ou a descualificación case unánime dun Cume das Américas con ausencia cuaban. Non é só que eses países apoien Cuba, é tamén que ao apoiala saben que se están apoiando a si mesmos, nunha hora crítica en que as ordes de Washington xa non as obedecen nin en Arabia Saudita. Outra vez resume Martí: «Cuba non vai de pedincha polo mundo, vai de irmá, e ao salvarse salva, e obra con esa autoridade». Sábeno amigos e inimigos, como debemos saber aquí que para manter esa autoridade coa que a palabra Cuba admira ao mundo, o decisivo é o que fagamos con ese apoio, nesta Illa, e alén de nós, quen nos chamamos cubanos e cubanas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *