O internacionalismo médico cubano foi un compoñente central da Revolución (SEGUNDA PARTE)

Alejandro Pedregal – El Salto

O profesor de psicoloxía ambiental, Don Fitz, que ensinou en varias universidades dos EUA, especialmente na área de Saint Louis, Missouri, ven de publicar Cuban Health Care: The Ongoing Revolution (A atención médica cubana: unha revolución en marcha) Na primeira parte da entrevista para o medio cubano El Salto, reproducida en versión galega en TSA o pasadia dia 5, Fitz explica o contido desta revolución médica.  Nesta segunda entrega da conversa, aborda a resposta do sistema asistencial cubano aos andazos que castigaron a illa dende 1959 así como a construción e mellora sucesiva da rede ambulatoria que na actualidade é un modelo estudado por todo o mundo. Fitz di que o labor de máis de 400.000 profesionais médicos cubanos en 164 países durante seis décadas de Revolución, transmitiu ao mundo a imaxe verdadeira dunha utopía política feita realidade.

A heroica campaña de Cuba contra o Ébola en Africa foi internacionalmente recoñecida, mesmo polos paises do Norte que bloquean o seu dereito a adquiriren equipo médico no mercado global.
Como atendera Cuba as crises sanitarias que precederon a actual pandemia?

As campañas de vacinación comezaron en Cuba a pouco de triunfar a Revolución e a estrutura dos policlínicos integrais aumentou enormemente a súa efectividade. En 1962 o 80% dos menores de quince, foron vacinados contra a poliomielite en once días; esa mesma campaña nacional durou un só día en 1970. A malaria foi erradicada en 1967, do mesmo xeito que a difteria en 1971.

A febre do dengue, transmitida por mosquitos, golpea Cuba cada pouco. O que é verdadeiramente único é que os seus estudantes de medicina en Cuba, van de porta en porta facendo avaliacións. Nas aulas da Escuela Latinoamericana de Medicina (ELAM) coincide alumnado de máis de cen países con gran variedade de acentos. Non teñen problemas en ir ás casas, buscar plantas que atraian mosquitos e mirar nos teitos por se houber auga estancada.

En 1981, os institutos de investigación de Cuba crearon o Interferón Alfa 2B para tratar o dengue, un medicamento que deveu vital para enfrontar a COVID-19. Desde 2003, o Interferón Alfa 2B producido pola cubano-chinesa ChangHeber, probou a súa eficacia e seguridade na terapia de enfermidades virais como a hepatite B e C, o herpes zóster, a SIDA e o dengue. Cuba investigou múltiples medicamentos, malia o bloqueo dos EUA que obstrúe o acceso a tecnoloxías, equipos, materiais, finanzas e mesmo intercambio de coñecementos.

Coa chegada da SIDA, o primeiro paciente de Cuba morreu en 1986. Illando os soldados que deran positivo no VIH ao regresaren da guerra en Angola, unha sañuda campaña contra Cuba vía na corentena prexuízos contra os homosexuais. Ficou demostrado que isto era parte dos intentos de desacreditar a Cuba porque 1º) os soldados que regresaban de África eran maioritariamente heterosexuais (como o eran a maioría das vítimas africanas da SIDA), 2º) Cuba puxera en corentena a pacientes con dengue sen que se deron protestas, e 3º) os propios EUA tiñan un historial de corentena de pacientes con tuberculose, polio e mesmo SIDA.

No fin da URSS, decembro de 1991, acabou o comercio de Cuba co COMECON que representaba cinco mil millóns de dólares; a economía cubana en caída libre, exacerbou a crise da SIDA. A taxa de infección polo VIH na rexión do Caribe só foi superada polo sur de África. O bloqueo reduciu simultaneamente a dispoñibilidade de medicamentos, xa que fixo que os produtos farmacéuticos existentes fosen escandalosamente caros e interrompeu as infraestruturas financeiras utilizadas para a compra de medicamentos. Se a suma destes factores non abondase, Cuba abriu a comporta do turismo para ter divisas. Como era previsíbel, o turismo trouxo un aumento na prostitución. O risco de contaxio era evidente.

A resposta do goberno non demorou. Reduciu drasticamente os servizos en todas as áreas, agás dúas que foran consagradas como dereitos humanos: educación e atención médica. Os institutos de investigación médica desenvolveron unha proba diagnóstica propia en 1987. E as probas de VIH superaron os doce millóns en 1993.

Na altura do 90, cando os homosexuais convertéronse nas principais vítimas do VIH, o prexuízo foi oficialmente desafiado e nas escolas ensinábase que a homosexualidade era unha realidade como tantas outras da vida. Proporcionáronse condóns gratis nos consultorios médicos e, a pesar do seu alto custo, Cuba proporcionou medicamentos anti-retrovirais (TAR) gratis a todos os pacientes.

O esforzo unido e ben planificado de Cuba para facer fronte ao VIH deu os seus froitos. Mentres Cuba tiña douscentos casos de SIDA, a cidade de Nova York, con aproximadamente a mesma poboación, tiña 43.000. En Nova York E os neoiorquinos tiñan moitas menos probabilidades de visitar o África subsahariana, de onde un terzo dun millón de cubanos recén regresara da guerra pola independencia de Angola. En 1997, Chandler Burr escribiu en  The Lancet que Cuba tiña “o programa nacional contra a SIDA con máis éxito do mundo”, malia ter só unha pequena fracción da riqueza e os recursos dos EUA.

Co virus do Ébola foi diferente, pois dábase principalmente no África subsahariana e os cubanos non frecuentaran esa área durante décadas. Cando o virus rebordou todo o previsto no outono de 2014, gran parte do mundo entrou en pánico. Os EUA proporcionaron apoio militar e outros países prometeron diñeiro. Cuba respondeu co máis demandado: enviou 103 enfermeiras e 62 médicos voluntarios a Serra Leoa. Con 4.000 membros do persoal médico xa en África, incluídos 2.400 doutores, Cuba estaba preparada para a crise antes que comezara. Como moitos gobernos non sabían como responder ao andazo, Cuba capacitou a voluntarios doutras nacións no Instituto de Medicamento Tropical Pedro Kourí da Habana. En total, ensinou a 13.000 africanos, 66.000 latinoamericanos e 620 caribeños a tratar o Ébola sen infectarse.

O límite da medicina capitalista, aparece con máis claridade con esta pandemia?  

O máis salientábel do sistema de saúde cubano son 1º) todas as partes están completamente integradas nun só conxunto que pode responder a problemas médicos, 2º) todos no país participan no sistema para poder aproveitaren as experiencias colectivas do país, e 3º) baséase na crenza de que todos deberían recibir atención médica completa como un dereito humano. O sistema médico dos EUA baséase no principio de que cada empresa debería estar en disposición de obter a maior ganancia posible. A pesar dun embargo desapiadado que impide a Cuba recibir as subministracións médicas necesarios, ten unha esperanza de vida máis longa e unha taxa de mortalidade infantil máis baixa ca dos EUA. Ao mesmo tempo, Cuba gasta ao redor do 5% por persoa cada ano do que gastan nos EUA. en atención médica. O sistema da EE.UU. non pode afastarse da procura de ganancias, polo que manexará peor as futuras pandemias.

Un factor que moitos ignoran, mesmo moitos que entenden as vantaxes do sistema cubano, é o papel central da agricultura animal no fomento de pandemias. Os animais domésticos apíñanse cruelmente en pequenos espazos e os hábitats dos animais salvaxes son tripados a diario. Isto maximiza o potencial de mutacións virais como a COVID-19. A industria de alimentos non pode admitir o perigo que isto representa para a saúde humana, xa que poría en perigo o seu negocio e beneficios. Todos debemos alentar a sistemas de saúde como os de Cuba e Venezuela a analizar o perigo da gandaría industrial e ter debates abertos sobre como reducir a produción de carne.

Ao triunfar a Revolución, todo o sistema de saúde foi transformado.

A medicina non era algo illado, senón compoñente esencial dunha transformación social que continúa. Estas transformacións incluían á campaña de alfabetización, saneamento, reforma agraria, salarios e métodos agrícolas, dieta mellorada, pensións, novas estradas, novas aulas, novos fogares, auga corrente, anti-racismo e igualdade de xénero.

O primeiro desafío médico para a Revolución foi poder brindar atención médica de balde, como dereito humano, a quen nunca viran un médico, especialmente cubanos negros e de áreas rurais. Isto traspasou fronteiras, pois buscou levar atención médica a outros países. Campañas de vacinación e un conxunto de programas destinados a erradicar enfermidades en Cuba;foron un éxito .

A desconexión entre os servizos de saúde, resolveuse en 1964 coa creación dos policlínicos integrais que integraron as diversas asistencias. O aspecto máis revolucionario deste cambio foi que cada cidadán tiña un único punto de entrada ao sistema de atención médica a través da súa área xeográfica específica. A medicina cubana incluíu con rigorosidade ao 100% da poboación e o concepto de entrada único prevaleceu varias reformas.

Porén en 1974 houberon de cambiar de clínicas a policlínicos comunitarios. No antigo sistema, os pacientes ían ás clínicas. A partir de 1974, as clínicas irían á comunidade. Estas clínicas desenvolveron equipos de médicos e enfermeiras, baseados en especialidades e estes equipos especializados serían responsábeis da área da clínica.

Xurdiron novas contradicións dentro deste sistema clínico, sendo unha das máis importantes que os equipos de médicos e enfermeiros baseados en especialidades tiñan áreas demasiado grandes para coñeceren ben aos pacientes. En 1984 a medicina cubana comezou a cambiar cara a equipos de médicos e enfermeiros en consultorio de veciñanza ou oficina de médico. Os equipos vivían na veciñanza ao que estaban asignados, tiñan especialidade en medicina xeral para os problemas máis frecuentes e tiñan unha área abondo pequena para cada paciente poder ir ao consultorio e médicos e enfermeiros atinxiren todas as áreas. Este sistema sobreviviu até hoxe e inclúe case ao 100% dos cubanos. Os equipos de médicos e enfermeiros de veciñanza coñecen a cadanseus pacientes polo seu nome e están completamente integrados con clínicas, hospitais, escolas de medicina, hospitais especializados e institutos de investigación.

Como se manifestou a visión internacionalista ao longo do tempo?

Pasaran só quince meses da Revolución, e Cuba enviou médicos a Chile, tralo sismo de 1960. En 1963, foi unha brigada médica a Alxeria, que loitaba pola súa independencia de Francia. Tamén foron brigadas ao Zaire, Congo e Guiné Bissau, para acompañar aos asesores militares. Durante as guerras angolanas de 1975 a 1988, Cuba enviou entre 700 e 800 profesionais médicos para apoiar ás súas tropas. A asistencia cubana internacional expandiuse a nivel mundial, de modo que ao final das guerras de Angola tamén enviara brigadas médicas a Benin, Burkina Faso, Camerún, Cabo Verde, Guinea Ecuatorial, Ghana, Guinea, Madagascar, Malí, Mozambique, Nixeria, Santo Tomé e Príncipe, Séichelles, Serra Leoa, Somalia, Tanzania, Uganda, Zambia e Zimbabwe. Cuba mesmo estableceu unha facultade de farmacia en Jimma, Etiopía.

As brigadas médicas máis grandes enviadas a América Latina e o Caribe foron a Perú, Xamaica, Granada e Nicaragua. Pequenas brigadas, foron a Bolivia, Colombia, Güiana, México, Panamá, Surinam e Santa Lucía. Outros países que recibiron axuda cubana foron Irán, Iraq, Libia, Mauritania, Marrocos, Iemen do Sur, Siria, Sahara Occidental, Afganistán, Sri Lanka, Vietnam, Laos e Ucraína. Entre 1975 e 1991, máis de 70.000 traballadores humanitarios cubanos foron ao estranxeiro. Ao mesmo tempo, Cuba trouxo a máis de 50.000 alumnos de todo o mundo para estudar nas súas escolas, cubrindo o custo total da súa educación. En 1984, Cuba asumira a viaxe e gastos de residencia de estudantes de 75 nacións, practicamente todos de países pobres onde os estudantes xeralmente debían pagar pola súa educación. O número de estudantes que veñen estudar a Cuba incrementouse aínda máis en 1999, cando abriu a ELAM. Para 2020, a ELAM capacitara 30.000 médicos de máis de cen países.

En seis décadas de Revolución, máis de 400.000 profesionais médicos cubanos traballaron en 164 países e melloraron a vida de centos de millóns de persoas.

Como influiu o Che na idea de medicina revolucionaria?

O Che tomara un descanso de nove meses na Facultade de Medicina de Buenos Aires en decembro de 1951 para viaxar en motocicleta por Arxentina, Chile, Perú, Colombia e Venezuela. Quería gañar experiencia práctica coa lepra. Na noite do seu 24 aniversario, o Che cruzou o río a nado na colonia de San Pablo en Perú para unirse aos leprosos e atendelos. Non se conformaba con estudar e simpatizar con eles; quería acompañalos e entender a súa existencia. Estar en contacto con persoas pobres e famentas mentres estaban enfermas transformou ao Che. Imaxinou unha nova medicina, con médicos que atenderían á maior cantidade de persoas con atención preventiva e concienciación pública sobre a hixiene. Uns anos máis tarde, o Che uniuse ao Movemento 26 de Xullo de Fidel Castro como médico e atopábase entre os 81 tripulantes do Granma que chegou a Cuba o 2 de decembro de 1956. Despois da vitoria do 1 de xaneiro de 1959, a nova Constitución cubana incluíu o soño do Che de atención médica gratuíta para todos como dereito humano.

Décadas antes de a COVID-19 infectar o mundo a imaxinación do Che pasou de médico a médico. Claro que o funcionamento interno do sistema médico actual de Cuba non foi obra súa. Pero o seu exemplo inspirou a curadores que teceron deseños adicionais a unha tea que agora se desprega no cinco continentes. Miles ou millóns de persoas ven imaxes semellantes dun futuro diferente. Se as súas ideas permanecen mentres as estruturas sociais desintegran, unha idea revolucionaria pode converterse nunha forza material para a construción dun mundo novo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *