O IX Cume das Américas, reservado para os amigos de Casa Branca

Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil

O goberno de Washington anticipa o fracaso do IX Cume das Américas ao vetar a participación das posicións independentistas representadas por Cuba, Venezuela e Nicaragua. A proposta de dialogar desde o respecto mutuo para reparar un sistema de integración continental irreparabelmente derramado, non resiste nin as probas de véspera porque Biden entende que a reconstrución pasa por aceptar os intereses dos EUA o que significa outravolta o bloqueo de todas as expresións de soberanía do Sur.

López Obrador, di que non asistirá a un congreso con censuras e pregunta a Biden se acaso os presidentes de Cuba, Venezuela e Nicaragua son extra-terrestres.

A Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil denuncia este repetido acto de arrogancia do goberno dos EUA contra América Latina e o Caribe e recorda que no tempo ido dende o cume da OEA en Punta del Este (1962) a diplomacia de Washington cercou con crueldade a Cuba tratando borrar o seu exemplo de independencia e xustiza socialista. Neste propósito terrorista, sucesivos gobernos dos EUA foran establecendo oito mecanismos de integración latinoamericana que fracasaron sen remedio porque non estaban dirixidos a revivir a soberanía, acabar coa desigualdade de renda no continente Sur (a máis grande do mundo) nin a prover medios de vida, cultura e convivencia en paz senón a servir exclusivamente os intereses imperialistas.

O bloqueo infame contra Cuba foi creado polos EUA como imaxe de tortura que espantase a vontade de independencia do que Martí chamara Nuestra América. Sesenta anos despois de a OEA expulsar a Cuba, o veto contra rebeldes anota a Venezuela e Nicaragua por defenderen con heroísmo súa soberanía, mentres México, Bolivia, Chile, Arxentina, Honduras e San Vicente e as Granadinas advirten a Biden que un congreso de integración non pode admitir censuras.

A diplomacia de Washington desvaría contra o reloxo entre ofertas e ameazas polas chancelerías do Sur para conxurar o contaxio progresista mentres considera irrenunciábel a presenza no IX Cume dun delincuente coma Luis Almagro, co que conta para revivir o cadáver da OEA.

Rematemos co bloqueo de Cuba!

Impidamos as sancións e os roubos contra Venezuela e Nicaragua!

Cese a ocupación militar norteamericana en Haití!

Contra as sete bases militares norteamericanas en Colombia!

América Nosa con Martí!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *