O libro “Palabras Galegas para Fidel” será presentado en Compostela e Vigo como limiar da homenaxe nacional ao Lider da Revolución

Terra Sen Amos – Redacción

A Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil vai presentar dia 19 de abril en Compostela e 25 en Vigo,  Palabras Galegas para Fidel, un libro feito para recordar a figura de quen foi lider histórico da loita pola independencia e o socialismo no seu pais e o mais decisivo promotor da solidariedade internacionalista na batalla contra o imperialismo. Como resultado do traballo de edición realizado para o libro, o ronsel de Fidel abroia en opinións espontáneas e abertas, cruzadas de agradecimento e emoción, recollidas en todo o pais e ordenadas á beira de artigos asinados por un escollido feixe de nomes do sindicalismo, a cultura, a representación política, o feminismo, a militancia nacionalista de esquerdas e o compromiso de fondo con Cuba.

Cartaz da presentación do libro homenaxe a Fidel

 

O libro inclúe unha prolixa antoloxía do pensamento de Fidel escolmado no cumprido arquivo das súas intervencións, entrevistas, conversas, reflexións e artigos. Un amplo reconto do pensamento de Fidel sobre todas as materias que el considerou imprescindíbeis para construir a liberación do seu pobo e de todos os pobos do mundo. A presentación  será  en Santiago mércores 19 de abril ás 20.00 na libraría Pedreira, rúa do Home Santo, 55 e a seguir en Vigo o día 25 martes, á mesma hora, na librería Andel, no 102 da Avenida Camelias.

A homenaxe a Fidel inclúe a edición e distribución do libro antes dun acto programado baixo o mesmo lema de Palabras Galegas para Fidel no Teatro Principal de Pontevedra para  sábado 29 de abril ás 19.30. Este encontro aberto, será presentado por Mónica Camaño e nel intervirán Anxo Angueira, Marta Dacosta, Pepe Cáccamo, Manolo Pipas, Celso Parada e Luz Fandiño. No apartado musical actuarán  Tino Baz, Mini e Mero e Uxía Senlle e para pechar o acto falarán Miguel Anxo F, Lores (alcalde de Pontevedra), José Antonio Solana (cónsul xeral de Cuba en Galiza), Willy Toledo (activista e actor) e Valentín Alvite (presidente da Asociación Francisco Villamil).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *