O longo saqueo de Haití rebelde a mans dos imperios e a persistencia do colonialismo por débeda

Raúl Antonio Capote – Granma Internacional

Haití foi a primeira nación libre de América Latina e o Caribe, a primeira nación do mundo moderno orixinada nunha revolta de escravos, e a segunda república do hemisferio occidental. En 1804, o pobo haitiano despachou aos colonialistas franceses, puxo fin a escravitude e proclamou a independencia. A Revolución Haitiana converteuse nun pesadelo para os colonizadores con posesións no Caribe. A pantasma de Saint-Domingue roubaba o sono aos donos de escravos.

Haití pagou durante 122 anos a débeda da súa independencia,un saqueo que pervive aínda.

Para a nación nova, as potencias imperiais decretaron un integral bloqueo cultural, económico e político que impedise o contaxio. Dúas décadas despois de proclamada a independencia, en 1825, buques de guerra franceses puxeron cerco á nova nación e lanzaron un ultimato: ou pagan unha indemnización ou prepárense para a guerra.

Un emisario do rei Carlos X entregou a demanda do imperio Francés, que esixía o pago das propiedades confiscadas pola Revolución Haitiana: 150 millóns de francos ouro, uns 21.000 millóns de dólares de hoxe, a pagar en cinco prazos. Cominaban a nova nación a indemnizar os empresarios coloniais franceses polas propiedades e os escravos que perderan.

Mediante o acordo de rebaixar o 50% o arancel das importacións francesas, o presidente haitiano Jean Pierre Boyer asinaba 17 de abril de 1825, a Real Ordenanza de Carlos X, que lles prometía recoñecemento diplomático francés a cambio da criminal indemnización e da porta aberta a comercio con Francia. Condicións que Haití non podía atender, dadas as condicións da súa economía, o que a emprazaba ao bloqueo naval e a unha guerra estragadora, mais os xenerosos colonialistas fixeron unha proposta imposíbel de recusar: un empréstimo acordado pola banca privada de Francia.

O resultado foi unha débeda multiplicada por dous que, sumada aos intereses, chuchou o sangue do pequeno país que había tardar 122 anos en liquidar a factura da súa independencia.

A maiores, e segundo o relato do The New York Times, cando o exército estadounidense invadiu Haití no verán de 1915, un grupo de marines entrou ao banco nacional e roubou 500.000 dólares en ouro, diñeiro que días máis tarde ingresaba nun banco de Wall Street. Usando como pretexto o caos financeiro e político que vivía o país, os EUA ocupárono militarmente. En coherencia coa súa política na rexión, Haití quedou a cargo dun procónsul militar estadounidense.

Unha cuarta parte da renda de Haití, foi desviada durante máis de dez anos ao National City Bank, para atender a factura estendida polo goberno dos EUA en concepto de axudas prestadas ao país, segundo explica The New York Times.

O delito de insubmisión: o caso de Cuba

En xaneiro de 1959, outra pequena illa do Caribe, Cuba, desafiaba ao poder imperial estadounidense, declarábase primeiro territorio libre de América e atrevíase a construír a primeira nación socialista no hemisferio. A superpotencia, sentíase na obriga de castigar de vez o delito de insubmisión. Dende aquela, empregaron todas as variantes de guerra contra a illa rebelde, entre elas a económica.

Como parte esencial do propósito de crebar e eliminar a alma do pobo cubano, inventouse un procreo coñecido co nome de  lei para a liberdade e a solidariedade democrática cubana. Que semellanzas podemos ver entre o plano que propuña este proceso e o que aplicaran os franceses contra Haití? Abreviemos algúns capítulos, igual de infames, da Lei Helms Burton, como tamén é coñecida.

É preciso imaxinar dous escenarios hipotéticos, digamos que imposibeis para os que temos fe na capacidade de resistencia e valor do noso pobo. Primeiro: O inimigo imperialista e os seus aliados, facendo uso do seu poderío militar, logran ocupar a maior parte do país e establecer un goberno de transición, logo de proclamar o fin da Revolución. Segundo: A desunión, o engano, o desalento sementado polo inimigo, a traizón, farían que deixásemos cair a espada como en 1878, sen descartar un Baraguá.

Teriamos daquela eleccións libres e democráticas? Non. Ese goberno de tránsito, nomeado a dedo polas tropas intervencionistas, non pode convocar eleccións até que o Congreso de Estados Unidos non o aprobe. O Presidente estadounidense ou o seu procónsul nomeado ao efecto, debe elaborar cada seis meses un informe ao Congreso para dar conta do proceso de transición na Illa ocupada.

E canto vai durar ese proceso se establecen, cada seis meses, a necesidade dun informe? Que tempo permanecerán en territorio nacional as tropas gringas?

Resposta para ambas preguntas: Non se sabe (recoméndase ler o Plano Bush).

De remate, logo de quen sabe cantos anos, o Congreso dos EUA aproba que se realicen eleccións. E que pasa co bloqueo económico, comercial e financeiro? Seica fora arriado ao se proclamar o fin da Revolución?

Non, non desaparecera; non é ese o asunto; mantense intacto durante a transición, como preciso recurso de de presión.

Realizadas as eleccións nunha Cuba sen Revolución no poder, ocupada polos gringos, teriamos un presidente e un goberno ao estilo e ao gusto imperial. Preguntas insistentes: Rematarán o bloqueo? Finalizará a guerra económica? A resposta é non. Iso non é o que establece o procreo.

O presidente deberá certificar ao Congreso a devolución ou pago no seu valor aos antigos propietarios estadounidenses, incluídos os cubanos convertidos logo de 1959 en cubanoamericanos, todas e cadansúa das propiedades nacionalizadas, intervidas ou decomisadas dacordo coas leis revolucionarias validadas polo dereito Internacional.

A indemnización ou compensación, segundo calcularon expertos estadounidenses en 1997, tería un valor aproximado de 100.000 millóns de dólares. Para pagar procesos, indemnizacións e débedas, o imperio ten unha solución: que os gobernos cubanos negocien préstamos cos bancos estadounidenses, o FMI, etc., que xerarían intereses cada vez maiores e crearían unha espiral inacababel de saqueo.

Igual que anos antes os haitianos, os cubanos tardariamos décadas en saldar unha débeda case impagábel, pois como podería resarcila un país arrasado, esquilmado, empobrecido pola guerra e a ocupación, un país que perdería boa parte dos seus fillos en idade de traballar e producir? Porque ben claro debe ficar que non poderían ocuparnos sen que defendamos cada man travesa de territorio patrio. Porque ficaríamos nas mans de delincuentes dispostos a chuchar até a derradeira pinga da riqueza nacional.

Thomas Piketty, un dos economistas consultados por The New York Times no seu traballo sobre Haití, refirese a esta política de saqueo coma neocolonialismo por débeda.

O delito de rebeldía é o maior pecado que un pobo pode cometer. Os imperios non perdoan xamais aos rebeldes. Un insubmiso deixa unha semente que pode abrochar moitas xeracións despois.

A Revolución Haitiana foi un sementeiro de revolucións. Mal puideron o  castigo, a saña colonial borraren o exemplo e inspiración que puxeron en pé a nosa América pola súa independencia, unha e outra vez, incansabeis como os bravos guerreiros que derrotaron aos mellores xerais, nacido o século XIX.

Texto traducido para TSA por Frances Laval



Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará