O MESC chama a solidariedade con Cuba contra a desfeita da base de Matanzas

MESC – REDACIÓN DE TSA

As 45 organizacións integradas no MESC (Movimento Estatal de Solidariedade con Cuba) publicaron onte un comunicado de apoio ao pobo cubano depois da insólita deflagración acontecida na noite sábado 6 nun dos tanques de cru que forman parte da estación de Matanzas. A explosión precedeu por décimas de segundo unha bola de lume expansiva que devoraba 50.000 toneladas de cru con grandes danos. “A nada de termos o grave accidente do Hotel Saratoga –di o MESC- Cuba enfronta outro suceso maior con danos persoais e enorme desfeita para instalacións básicas da rede de enerxía do pais; e con todo, temos a seguridade de o pobo de Cuba estar a altura desta nova traxedia”. O MESC fai un chamado a asistir con renovada solidariedade a Cuba e remontar asemade a campaña internacional contra o bloqueo infame que os EUA impoñen a illa dende hai máis de 60 anos. Este combate contra o criminal cerco “sería a maior axuda para Cuba neste intre de dificultades” asegura a plataforma de solidariedade. A pouco de ter información do sinistro, unha equipa de bombeiros da PDVSA de Venezuela emprendía o voo a Matanzas igual ca outras brigadas de Mexico. A seguir, a onda da solidariedade internacional entraba en todos os despachos do goberno de Cuba.

A labarada do segundo depósito de cru, puido ser vista dende o Malecón da Habana.

Segundos despois das 11:30 da noite de domingo, o segundo tanque de fuel, a rentes do primeiro, xa convertido nunha boca de volcán, estourou logo de arder durante 40 horas, malia o cerco de auga a presión, o traballo de helicópteros alxibe e a colocación dunha barreira ignífuga de salvagarda entre depósitos. A labarada producida por este novo lóstrego, non deixou recanto de Matanzas en sombra e a bola de lume foi vista dende o Malecón habaneiro. A esta altura da noite de domingo, o reconto de danos era de un falecido e de 16 persoas desaparecidas. Os habitantes na beira da zona industrial de Matanzas foron evacuados ao tempo que se mantén o estado de emerxencia sobre áreas contiguas que poderían seren transladadas de contado. A cidade non corre perigo polo de agora.

Durante o verán, as centellas dos ceos cargados de electricidade estática son de alta frecuencia en Cuba polo que todas as instalacións de inflamábeis coma a estación de fuel de Matanzas, están provistas de pararraios suxeitos a unha periodica revisión. O Regulamento Electrotécnico Cubano prevé unha protección de alta eficiencia contra as descargas, con cableado de seguridade e tomas de terra revisadas de a pouco. Vivindo ainda baixo o espavento da base en chamas, non hai lugar para outra atención que non sexa a defensa da poboación e o combate da marea de lapas. Porén, o cerco da comunicación decretado contra Cuba polo goberno dos EUA, non deixa da atrancar unha solidariedade coma a que nestas horas volve os ollos cara Cuba dende o Caribe e o resto do mundo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará