O mundo recusa de novo o Bloqueo contra Cuba

Rosa Miriam Elizalde – La Jornada

A coral resolución dos países que integran as Nacións Unidas a prol de rematar co bloqueo a Cuba, emitida na cuarta feira contra o goberno de Estados Unidos, é máis que unha vitoria diplomática da Illa que chega puntualmente cada ano desde 1992 (agás en 2020, cando foi suspendido pola Habana por causa da pandemia) Un recordatorio da longa espera do pobo cubano por un acto de xustiza que dea volta a esa situación de anguria na que hai abuso de poder, uso desproporcionado da violencia e intención moi específica de destruír, totalmente ou en parte, un grupo nacional, étnico ou racial, na súa totalidade, que é o que define como xenocidio a Convención de Xenebra de 1948.

Martirena (Granma)

Somentes algúns casos de matanzas masivas son considerados xenocidio de maneira inequívoca pola comunidade internacional. Porén, non hai outra maneira de chamar a este horror de máis de 60 anos que obrigou varias xeracións de cubanos a enfrontar a súa vida cotiá baixo unha mesta néboa e afondar nas nada sobrenaturais formas de maldade que é quen de desenvolver unha minoría poderosa, contra millóns de persoas polo delito de existir. Se non é xenocidio negarlle ao pobo medicamentos, alimentos, acceso á maioría dos servizos de Internet, ás finanzas e ao comercio entre iguais no medio dunha pandemia, haberá que inventar como Raphael Lemkin unha palabra para chamar a un crime sen nome.

Cómo contabilizar cantos morreron en Cuba por non teren o medicamento que precisaban ou por non lles chegar a tempo. O informe presentado polo ministro de Estado cubano Bruno Rodríguez, que corresponde só aos danos do bloqueo de 2020,  ten 60 páxinas de feitos contrastados, sen un só adxectivo: gastos a maiores, cousas que non chegaron porque tiñan algún compoñente estadounidense -desde un avión até un respirador destinado a unha sala de terapia intensiva-, nomes de empresas que se negaron a fornecerlle ao país tecnoloxías, materias primas, reactivos, medios de diagnóstico, medicamentos, recursos, equipos e pezas de reposto necesarios no sistema de saúde pública.  Todo iso no medio dunha pandemia mundial.

Se unha imaxe chegou ao corazón de Cuba, foi a de George Floyd asfixiándose no chan mentres o policía non levantaba o xeonllo do seu pescozo, a pesar dos salaios da vítima dicindo que non podía respirar. O vídeo deu a volta ao mundo e desencadeou a maior protesta antirracista en Estados Unidos desde os tempos da loita polos dereitos civís dos anos sesenta.

E esa sensación de impotencia de moitos estadounidenses ante o que consideran, con razón, unha sistemática actuación abusiva do poder? No caso dos 8 minutos e 46 segundos de agonía de Floyd, foi clave a existencia dun vídeo que gravou toda a escena, pero a pregunta que segue no aire, mesmo despois da condena ao policía asasino, é cantas persoas morreron ou sufriron en silencio simplemente por non haber cámara cando o sistema as afogaba.

O xeonllo que asfixia está sempre aí, invisibel, sobre o pescozo de alguén. Pasa co bloqueo, esa andrómena. A moitos hailles parecer unha neitegada. Non a quen se atopa nunha sala de terapia intensiva en Cuba, ten un fillo malo u pasa seis horas nunha cola para comprar un alimento que antes das 242 sancións a maiores de Donald Trump e antes de a pandemia facerse crítica, podía ter de man sen tanto esforzo.

Rodney Hunter, representante de Joseph Biden na ONU, levou o cinismo até o extremo de asegurar  que o bloqueo é unha bendición para o pobo de Cuba e que as sancións son un recurso legal, unha forma lexítima de lograr obxectivos de política exterior. De milagre non engadiu que o bloqueo é un pretexto do goberno cubano, como repiten de memoria outros funcionarios de Washington. É coma se o policía que matou a George Floyd dixese que o seu xeonllo no pescozo era un pretexto da vítima para asfixiarse.

Resultan máis que xustificadas as escenas de alegría en Cuba cando na sede a ONU en Nova York o mundo dixo non, por enésima vez, ao bloqueo de Estados Unidos.  O número humillante de 184 países a prol da resolución cubana  -con só dous en contra (Estados Unidos e Israel) e 3 abstencións (Colombia, Brasil e Ucraína)-  coincidiu con outra noticia, se cadra máis esperanzadora: científicos cubanos lograron levar a termo as dúas primeiras vacinas latinoamericanas. Unha delas, Abdala, ten unha taxa de eficacia do 92,28%.  A felicidade en casa do pobre, ás veces dá para máis.

Tradución a Galego de Áurea Esmelle, da Redación de Terra Sen Amos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará