O presidente de Cuba critica demoras na administración da cultura que favorecen a corrupción

Lina Barreiros – Terra Sen Amos (Habana)

A crítica dunha administración de cultura que parasita a creación e favorece a corrupción, provocou un longo aplauso de recoñecemento no IX Congreso da Unión de Escritores e Artistas de Cuba (UNEAC) Quen lanzaba esta acusación era o presidente de Cuba no seu esperado discurso de clausura dos debates. Diaz-Canel citou as protestas de “artistas e creadores que deben xestionar absolutamente todo para difundir ou promocionar seu traballo, mentres quen terían a responsabilidade de facelo exercen unha sorte de parasitismo dende a inactividade” e dixo que era “un segredo a voces que ese parasitismo favorece a corrupción”. Na súa esperada intervención, o Presidente declarou que a misión máis importante da Cultura era “desatar unha irreconciliabel batalla contra a incultura e a indecencia e que nesa briga, os creadores deberán ser máis actores que espectadores, , como pedira Fidel no seu nomeado discurso Palabras aos intelectuais.

A Revolución multiplicou o acceso a cultura. O mundo admira a promoción do libro e dos eventos de arte, música e debate en toda Cuba.

O optimismo polo avance revolucionario da cultura, a instrucción e a información nos últimos 60 anos da historia de Cuba, dominou a intervención de Diaz Canel que cualificou de  milagre a proliferación de espectáculos de danza, teatro, concertos, estreas de cine, feiras do libro, de artesanía, mostras, leccións de arte ou sesións de música popular. “Un país bloqueado durante seis décadas, perseguido con saña e infamia até na xestión de medicamentos infantís, censurado e deformado polos medios máis influintes do planeta, non se conformou só con resistir e sobrevivir (…) somos unha Revolución que pode presumir de ser contada e cantada, dende as súas orixes, co talento e a orixinalidade dos seus artistas e creadores, intérpretes xenuinos do acervo popular e tamén dos desacougos e esperanzas da alma cubana”.

Lembrou que esta revolución da cultura era un legado que a súa xeración debia aos fundadores “dende Céspedes a Martí e aos creadores que continuaron as súas loitas e mormente a Fidel, o indiscutiblel intelectual e guía da xeración histórica que, xunto coa entrega da terra e as fábricas aos traballadores, alfabetizóu, universalizóu o ensino, criou poderosas institucións culturais e nos momentos máis duros ensinóunos que a cultura é o primeiro que hai que salvar

Fidel soubera prever os riscos que para a identidade, a cultura e a unidade do pobo poderían vir da avalancha colonizadora que avanzaba da man da globalización, co acceso masivo ás novas tecnoloxías, inzado polos mercaderes modernos, non para enriquecer senón para empobrecer a capacidade crítica e o pensamento liberador. “Consciente de que esas tecnoloxías de acelerado desenvolvemento serían unha poderosa arma de educación e multiplicación do coñecemento á que a Revolución non podía renunciar nin acceder tardíamente –engadiu o Presidente-  Fidel creou a Universidad de Ciencias Informáticas (UCI) e paralelamente alertóu á sociedade cubana sobre a importancia de salvar a cultura”.

Internacionalizar a cultura cubana

Na súa intervención, animou á UNEAC a estimular a proxección internacional das industrias culturais de Cuba e a non esquecer que pésia o criminal cerco imperial contra a defensa da soberanía e liberdade da illa, mesmo nos EUA abríronse bufardas por onde entraron a música, as artes plásticas, o ballet, a danza e o teatro cubanos e outras manifestacións culturais.

Citou iniciativas como a Rede de Intelectuais e Artistas en Defensa da Humanidade e outros proxectos culturais nacido en Cuba para invitar a avangarda a proxectar o seu traballo en todo o mundo au tempo que contribuise a alimentar e soster a espiritualidad da nación.

Referiuse o presidente noutra parte da súa intervención, á relación entre Revolución e avangarda intelectual e artística e o pobo, “proposta avanzada  de Fidel que non toda a intelectualidade tiña tan claro naquela altura” mesmo co tempo xeneralizou a comprensión de que a Revolución eran os intelectuais, as súas obras e era o pobo.”Por iso –engadiu- resulta reduccionista limitarse a citar a súa frase fundamental Dentro da Revolución todo, contra a Revolución nada, esquecendo que a Revolución é máis que Estado, máis que Partido, máis que Goberno, porque Revolución somos todos os que a facemos posibel en vida e en obra. Hoxe temos o deber de traer os seus conceptos aos nosos días e defender a indiscutibel vixencia do que anunciara Fidel, evaluando o momento que vivimos, os novos escenarios, as plataformas neocolonizadoras e banalizadoras que tentan impor necesidades e, asemade, posibilidades que os anos e os avances tecnolóxicos abren”.

Recordando que o goberno dos EUA destina novos e maiores fondos á subversión, denunciou “o que din algúns contra os seus propios compatriotas nas Redes, do que é doado colexir que aspiran a gañar o penoso boleto. Apóstatas, chamaríaos Martí. Pregúntome se alguén cre que por servir ao que nos bloquea e renegar da súa propia raiz, vanlle abrir para sempre o portelo. A Revolución que resistiu 60 anos por saber defenderse, non vai deixar os seus espazos institucionais en mans de quen serven ao inimigo, sexa porque denigran calquera esforzo por resistírmos o cerco económico ou porque benefícianse do fondos para destruír á Revolución”.

Diaz-Canel dixo que os límites a libre creación comezan onde non hai respecto para os símbolos e os valores sagrados da Patria e no remate do seu discurso defendeu un país libre, independente e soberano, fiel a historia propia, garante da xustiza e a distribución xusta da renda, respectuoso da dignidade plena das persoas, no que se preserve o acceso gratuito e universal á educación, avanzando cara a un desenvolvemento económico equilibrado e sostibel, próspero, integrador, participativo, solidario e que recuse todas as formas de discriminación.

O discurso foi varias veces interrompido por aplausos, especialmente prolongados e con aclamacións de parte da asemblea, cando fixo mención dos atrancos burocráticos á creación.

O Presidente corresponde ao compromiso expresado durante a súa toma de posesión en abril de 2018 de alentar a vencer indisciplinas e erros.  Fins de xuño, na Asemblea dos Economistas, asegurou que Cuba enfrontaba un bloqueo xenocida e, asemade, vivía unha loita contra outro bloqueo interior, expresado na mentalidade importadora, inimiga da creatividade, o endebedamento excesivo, os atrancos na xestión, a corrupción e as ilegalidades. https://terrasenamos.org/creatividade-e-dilixencia-para-combatir-o-cerco-dos-eua-e-superar-o-bloqueo-interior/

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *