O presidente de Venezuela celebra o 62 aniversário do Moncada nunha carta de parabéns a Fidel

O presidente da República Bolivariana de Venezuela, Nicolás Maduro, enviou unha carta ao líder histórico da Revolución cubana, Fidel Castro, co gallo do 62 aniversário do asalto aos cuarteis Moncada e Carlos Manuel de Céspedes, 26 de xullo de 1953. “Transcorreron xa 62 anos dos asaltos ao Cuartel Moncada e ao Cuartel Carlos Ma­nuel de Céspedes e, con todo, hoxe máis que nunca sentimos, Comandante Fi­del, a chama viva de liberación que ardeu ese día en toda Nosa América e para alén, indicando un camiño que seguiron xa varias xeracións: un camiño que anda e seguirá andando”, di o presidente Maduro na súa misiva.

Imaxe dunha recente visita do presidente Maduro a Fidel.
Imaxe dunha recente visita do presidente Maduro a Fidel.

Miraflores, 26 de xullo de 2015,
Comandante Fidel Castro Ruz.

Pai e Mestre noso:
Dende o corazón do Pobo de Bolívar e de Chávez, chégolle o testemuño do noso respecto, admiración e agarimo ao se cumprir 62 anos dos asaltos ao Cuartel Moncada e ao Cuartel Carlos Ma­nuel de Céspedes. Neste glorioso aniversario, celebramos a súa querida presenza e a entrañable referéncia que vostede encarna. Celebramos ao Pai e ao Mestre dos revolucionários e as revolucionarias da Nosa América e do mundo; ao Pai e ao Mestre do seu fillo amado, o noso Co­man­dante Eterno.

Celebramos ao adaíl que xunto dun fato de valentes, dun grupo de mulleres e homes mobilizados polo que Martí chamaba vergoña patria, encabezou o que deviría nun real e verdadeiro asalto ao porvir.

Na reivindicación do luminoso e inmorredoiro legado de José Martí, aquel 26 de xullo de 1953 o heroísmo e o sacrificio escintilaron no máis alto. Non en balde naquel memorabel alegato que é A Historia Absolverame, vostede sinalou que o autor intelectual e máximo líder desta xesta non era outro que o Apóstolo.

Correron 62 anos dos asaltos ao Cuartel Moncada e ao Cuartel Carlos Ma­nuel de Céspedes e, con todo, hoxe máis que nunca sentimos, Comandante Fi­del, a chama viva de liberación que ardeu ese día en toda Nosa América e para alén, indicando un camiño que seguiron xa varias xeracións: un camiño que anda e seguirá andando.
De 1953 até os nosos días, o espírito de moitos Moncadas avivou e aviva as loitas dos pobos da Patria Grande pola súa Independencia definitiva. Ben pode dicirse que o 26 de xullo alcanzou vida perdurábel. E como cantaba o gran trovador cubano Noel Nicola: Hai un almanaque cheo de días 26.

Haydée Santamaría, Melba Hernández, Raúl Gómez García, Boris Santa Coloma, Abel Santamaría, Giraldo Córdova Cardín, Juan Almeida, Xúlio Trigo, son tantos os nomes entrañábeis de quen partiron físicamente pero séguennos iluminando desde ese lugar que nomea tan fermosamente esa inmensa voz de Cuba que é Fina García Marruz: …  alí onde a luz non esquece aos seus guerreiros.

Cada 26 de xullo, cando o pasado asáltanos de novo, Comandante, a memoria esplende outra vez para advertirnos a quen fixemos nosa a bandeira da Revolución, que só os sacrificios enaltecen e fan posibel un porvir máis noso.

Crear, Comandante, a memoria imborrábel do Moncada proxéctase en nós coma o máis irrenunciábel compromiso revolucionário. Somos fillos e fillas de Bolívar como tamén o somos de José Martí, de Fidel e do Che. De certo, as re­vo­­lu­cións verdadeiras non son nin calco nin copia, como dicía Mariátegui, senón criación heroica de cada Pobo, mais somos conscientes de a Revolución Cubana ser pedra fundacional dentro do devir histórico da Patria Grande.

A Patria é ara e non pear, dicía Martí. Aquela consumación combativa do Asal­to ao Cuartel Moncada, vista na distancia, é encarnación na historia da pedra sacrificial albiscada por Martí, ante a cal déixase o mellor do alma humana para logo agardar as revelacións. E revelación colectiva foi o 26 de xullo, para unha Revolución victoriosa.

Coido que ao soar a hora decisiva de 1953, en vostede, Comandante, ecoaba esta impresionante certeza martiana: … o ser verdadeiro non mira o seu mellor acubillo, senón de que lado está o deber; e dese ser, o soño de hoxe será lei de mañá.

En datas de dignidade e de vitoria, a presenza do noso Xigante pódese sentir con maior intensidade. Máis cercanamente, Fidel, hoxe recordo as súas palabras para vostede porque con elas identifícome e subscríboas plenamente: Quero renderlle tributo a Fidel e ao seu longo andar polos nosos pobos, acordándonos. Fidel é un soldado, soñador, exemplo sen dúbida para todos nós e para xeracións enteiras de latinoamericanos, caribeños e loitadores do mundo.

Co maior fervor revolucionario, reciba o máis forte e infinito dos abrazos de quen se sente un moncadista destes tempos de Revolución latinoamericana e ca­ribeña.
¡Chávez vive, a Patria segue!,

¡Até a Vitoria Sempre!,
¡Independencia e Patria Socialista !,
¡Viviremos e Venceremos!,
¡Que viva a irmandade entre Cuba e
Venezuela!
¡Que viva Chávez!
¡Que viva Fidel!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará