O problema do cerco a Cuba e Venezuela está no capitalismo

Angel Guerra Cabrera – La Jornada

O réxime de Trump arrafaña outravolta contra Venezuela e Cuba, na véspera atenta da 74 Asemblea Xeral da ONU e alampea seu odio contra gobernos e pobos de testa ergueita que non venden o dereito a decidiren seu destino sen interferencias externas. Calumnias e ameazas contra Caracas, Habana, Managua e, inevitabelmente, Teherán, xunto cun barullar macartista contra o socialismo e o comunismo, van do seu púlpito abaixo mentres China e Rusia levan tamén munición de fogueo. A Trump non lle cabe n corpo o arsenal do imperio tan farto en armas que non pode ter réplica, segundo el mesmo xura. Milhomes alzado sobre un arsenal nuclear que aldraxa a diario o dereito internacional e refuga o colapso climático coa soberbia de resultar o principal contribuinte a suba de temperatura global.

O caricaturista basco Asier é o autor desta imaxe premiada en Nova York.

A conducta do lider neofascista contra Irán, precedida da retirada do nuclear tratado 4 1, deixa a porta entornada para un conflito letal nunha zona inzada de bases militares, buques e avións de guerra de Estados Unidos e de gobernos inimigos da antiga Persia armados até os dentes e por onde cruza 30 por cento do petróleo no mundo.

Aproveitando a caixa de resonancia mediática polo inicio do segmento de alto nivel da Asemblea Xeral, a banda trumpista lanzouse con toda ao pescozo de Venezuela bolivariana. O fracaso do plan de comezos de ano para derrocar de vez o goberno democrático de Nicolás Maduro, cebou ainda o xenocida propósito de asfixiar a economía de Venezuela para consumir con fame e enfermidades a paciencia do pobo. Sen desbotar unha intervención militar, persegue ese obxectivo con novas esfregas de bloqueo e raterías sen conto para abalar o goberno.

No entanto pinta como corruptos e cómplices do narcotráfico e do paramilitarismo aos líderes civís e militares, unha caloña hipócrita, unha contaminación consciente e criminal da opinión. Por máis dano que fagan á patria de Bolívar, o pobo de Venezuela e os seus irmáns latinocaribeños defenden a esperanza do proxecto chavista de independencia, democracia participativa, ampliación e elevación educacional e cultural, saúde para todos, redistribución social e disminución da pobreza e a desigualdade, lanzado dende 1999 por Hugo Chávez e defendido a ferro e fouce por Maduro, electo á presidencia de Venezuela en 2013 e aclamado de novo en 2018.

Luns 23, á marxe da ONU pero en Nova York, unha reunión do ilegal Grupo de Lima, seguida por outra dos ministros de relacións exteriores do espurio Tratado Interamericano de Asistencia Recíproca (TIAR), cargou de novo contra Caracas. Os acordos xurdidos de ambas reunións falan de levar a límite o cerco e a parálise da dirixencia venezolana, coma se fosen criminais. “Necesitan máis presión económica, verán máis sancións de parte de Estados Unidos”, declarou o criminal de guerra Elliott Abrams, comisario de Washington contra Venezuela.

Asembleas protagonizadas por un Iván Duque desesperado por botar terra sobre os constantes asasinatos de loitadores sociais e exguerrilleros no seu país, logo dos acordos de paz, que non han ir a pique porque están defendidos por millóns de colombianos que non desexan a guerra. Duque tamén fai por ocultar o incremento da actividade dos paramilitares e narcotraficantes e o crecemento nunca visto da produción de coca. Todo iso en contraste cos éxitos de Venezuela na súa loita contra esta peste.

Paralelamente, o secretario estadunidense do Tesouro, Steven Mnuchin, anunciou novas medidas de cerco das empresas navieras e buques que levan petróleo a Cuba, depois de Washington prometer o bloqueo total do cru. Quere culpar a Cuba do fracaso dos plans contra Maduro por causa da sempre denunciada e nunca probada presenza de militares e oficiais cubanos en Venezuela.

As delegacións na  Asemblea Xeral das Nacións Unidas houberan de aturar a torpeza de Bolsonaro, pero fomos moitos os que gozamos deste disparo de Evo Morales: “Digámolo ben claro: a raíz do problema está no capitalismo; o problema de fondo está no modelo de produción e no consumismo, na propiedade privada dos recursos naturais e na distribución desigual da riqueza”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará