“O progreso de Cuba conta coa ciencia e o capital humano sementados en décadas de revolución” (Agustín Laxe Davila)

Agustín Laxe Davila – La Pupila Insomne

 En dous procesos paralelos e complementarios, estamos a vivir, como actores e notarios, a transformacións do modelo económico cubano, o aumento da autonomía operativa das empresas estatais e a proliferación de pequenas e medianas empresas, tanto estatais como privadas. Acompaña estes cambios un aumento dosde investimentos estranxeiros, aínda nos comezos. Ao tempo, a función da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación están cada día máis presentes no proxecto social cubano. Esforzámonos por identificar os cambios en marcha e por predicir cara a onde poden levarnos de continuar as tendencias actuais; pero é moito máis difícil predicir a que velocidades eses procesos ocorrerán. Desas velocidades relativas depende todo.

Agustín Laxe, no centro da fotografía, presenta na Feira do Libro da Habana de 2016 o seu libro “La Economia del Conocimiento y el Socialismo”.

En senso contrario continúa un proceso de deterioración da infraestrutura industrial, tal como puidemos ver nos recentes problemas de xeración eléctrica e de erosión do capital humano, ao cabo de décadas de bloqueo económico contra Cuba. Cal desas dinámicas acabará determinando o resultado conxunto? Non sabemos. A resposta depende en gran medida de nós mesmos. As economías, e en sentido máis amplo, as sociedades humanas, son sistemas complexos que responden a presión de moitísimos factores, non poucos deles con efectos non-lineais. De seguro sabemos en que sentido temos que traballar os revolucionarios cubanos e os camiños que debemos seguir.

Ese equilibrio de velocidades, que pode decidir todo, apréciase como un exemplo máis na proliferación de pequenas e medianas empresas que estamos a vivir. Aparecen a  eito, e iso é bo, pero dentro destas, as pemes estatais e de alta tecnoloxía son aínda poucas, e iso xa non é tan positivo. As iniciativas de menor risco relativo e limitado valor engadido, suceden espontaneamente a partir de actores privados. Moitos deles xa existían baixo a forma de traballo por conta propia con traballadores contratados; as empresas de base tecnolóxica, especialmente con tecnoloxías novas e complexas, contén incertezas e maiores prazos de recuperación, e deben ser guiadas por actores estatais.

Grupos de traballo que hoxe operan no sector académico público, son quen poden asumir o reto de crear pemes estatais de alta tecnoloxía, e ese podería ser un proceso determinante na transformación das nosas forzas produtivas. Para iso debemos contar con que o prazo de execución se dea nun prazo axeitado.

O socialismo require de forzas produtivas desenvolvidas, e estas teñen que xurdir da ciencia e o capital humano sementados por décadas de construción social revolucionaria en Cuba, a condición de non esquecer que falamos dun proceso de desenvolvemento que debe competir con outros procesos de signo regresivo. Nun discurso pronunciado en 1967, ao abordar a dinámica que nos impón a necesidade dun desenvolvemento acelerado, Fidel Castro definíase con esta expresión:“…milito no bando dos impacientes, e milito no bando dos apurados, dos que non viven até non dar cabo as tarefas e dos que tentan sempre facer máis do que se pode”.

Unha revolución é sempre un esforzo colosal por ensanchar a tempo o espazo do posíbel.

A definición de Fidel era válida en 1967 e tamén o é agora, porque na complexidade das sociedades humanas sempre coexisten procesos de diferente signo, e o avance ou o retroceso dependen das velocidades relativas. Os científicos cubanos temos que asumir unha responsabilidade nesta competencia de velocidades, coa mesma resolución e audacia coa que nos enfrontamos coa pandemia.

E seguir participando na defensa da Soberanía Nacional, pois só sobre esa base poderemos construír a nosa alternativa social e económica. A nación soberana pode facer realidade unha economía baseada no coñecemento, que poida inserirse con éxito no intercambio mundial de bens e servizos de alta tecnoloxía, e de coñecemento; que alimente cara ao interior, a expansión continua do noso capital humano e o perfeccionamento da igualdade e a xustiza social.

Por moito que os ideólogos imperialistas defendan agora o concepto de soberanía limitada, as funcións históricas do Estado-Nación soberano non están esgotadas para o Século XXI. Pola contra, as funcións do Estado-Nación son hoxe máis necesarias ca nunca, porque na conxuntura da desaparición do campo socialista europeo, seguida do esgotamento do modelo de globalización neoliberal capitalista, son precisas alternativas que combinen o desenvolvemento económico baseado no coñecemento a sustentabilidade e a xustiza social; alternativas que deben ser á vez localmente diversas e globalmente conectadas.

Construímos noso modelo a man, día a día, en todos os recantos da nosa sociedade. Cadaquén ten unha tarefa no desenvolvemento socioeconómico dos territorios, o aumento e diversificación das nosas exportacións e do seu contido en produtos e servizos de alto valor engadido, o aumento da produción de alimentos, o cambio na matriz enerxética cara a fontes renovábeis ou o perfeccionamento continuo do noso sistema educativo. Contamos coas conexións eficientes entre os nosos centros científicos e as nosas empresas para mellorar o enorme potencial dos Centros Universitarios Municipais, a produtividade do traballo e a rapidez e eficiencia dos investimentos.

A partir do contexto xurídico do 2021 contamos con Pequenas e Medianas Empresas de alta tecnoloxía, estatais e exportadoras. Non serán empresas grandes, mais é evidente o seu carácter estratéxico para o desenvolvemento económico e social do país. A nova Constitución establece que deben ser “propiedade socialista de todo o pobo”. As empresas estatais de alta tecnoloxía, deben ser programadas como catalizador do desenvolvemento e compoñente central do esforzo económico.

Compre sementar confianza nesta obra e considerar, con moito realismo, que non temos todo o tempo do mundo para irmos avanzando no proxecto. A dinámica relativa deses procesos pode definir o nosofuturo.

E todos somos responsabeis de que prevalezan, nas súas velocidades, os procesos de signo positivo que reforzan a nosa soberanía e o noso socialismo.

Sigamos militando, con Fidel, “no bando dos apurados”.

Artigo, publicado en TSA, que Richard Levins, biólogo norteamericano autor de  As Influéncias da Bioloxía e The Dialectical Biologist (con Richard Lewontin) dedicara a Agustín Laxe na revista Monthly Review . https://terrasenamos.org/agustin-laxe-atopa-na-ciencia-solucions-para-un-pais-pequeno-bloqueado-e-sen-recursos/

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *