O protagonismo cubano en Angola e Namibia, documentado con arquivos do Apartheid e de EUA

Juventud Rebelde – Terra Sen Amos

O profesor italo-norteamericano Piero Gleijeses, estudoso da colaboración internacionalista de Cuba en África, vai presentar na Habana un completo traballo sobre a decisiva colaboración do goberno revolucionario cubano na derrota do colonialismo racista en Sudáfrica, Namibia e Angola. O seu libro Visións da Liberdade: A Habana, Washington, Pretoria e a loita polo sur de África 1976-1991 corrobora e afonda con fontes sudafricanas, norteamericanas e cubanas un ensaio histórico seu publicado en 1997 co título Misións en Conflito, A Habana, Washington e África 1959-1976. O historiador da Universidade John Hopkins de Washington, afirma que «non existe ningún país na historia moderna que exercera por un tempo tan dilatado unha política exterior tan altruísta e valente como a da Cuba Revolucionaria». Afírmao coa certeza de quen desde comezos da década de 1990 investigou a fazaña cubana en África. Gleijeses non se deu por satisfeito co seu primeiro e revelador libro e e entrega agora unha investigación completa. Asegura que no seus primeiros contactos co tema, tiña unha visión moi positiva sobre a política cubana en África, pero receaba de posíbeis fallas e erros. “Agora -asegura o historiador- a miña opinión é máis positiva, logo de 18 anos de indagacións que me permitiron coñecer algo único no mundo como é o sentido da nobreza da política exterior de Cuba”. O teimudo e acucioso investigador, asegura que necesitaba documentos oficiais de todos os implicados na guerra para poder certificar a heroica intervención, “porque nun mundo onde hai tanta xenreira e mentiras contra Cuba, non se pode depender só de entrevistas, pois recusaríanas coma opinións falsas”.

O povo de Angola despide aos soldados de Cuba en 1989
O povo de Angola despide aos soldados de Cuba en 1989

Gleijeses traballou en arquivos dende 1994 a 2001 para o seu primeiro libro Misións en Conflito, mais a nova investigación levoulle de 2003 a 2011, prácticamente 18 anos entre os dous textos. Para o primeiro recadou 3 500 páxinas de documentos cubanos, estadounidenses e doutros países. O segundo libro mellorou en cantidade e calidade debido ao acceso a documentos cubanos, como conversacións de Fidel con Gorbachov e de Fidel con líderes angolanos, da Swapo e do ANC sudafricano. Para alén, puido por fin entrar nos arquivos de Sudáfrica, que leu en Afrikáner, idioma que aprendera investigando para Misións en Conflito, xa que existía un libro importante escrito nese idioma, unha historia secreta sobre a intervención sudafricana en Angola entre 1975-76».
O profesor coida que a investigación tería sido imposíbel «sen o apoio, a brillantez e comprensión de Jorge Risquet Valdés», membro do Comité Central, con quen traballou desde 1993.

Visións da Liberdade está construido sobre tres documentacións principais: cubanas, sudafricanas e norteamericanas, a maiores de arquivos doutros paises.

«De Cuba obtiven arredor de 14 000 páxinas. Para un investigador atopar en documentos dos países adversarios a hipótese buscada é unha situación insuperábel. Se o que se quere probar é que os cubanos gañaron a guerra no sur de Angola en 1988, nin precisas  documentos cubanos, e cando escribo sobre isto no libro, fágoo cos de Sudáfrica e Estados Unidos mayormente. Eles contan que os cubanos estaban a gañar a guerra, e naturalmente é moito máis importante que o recoñezan eles.

«No primeiro libro explico o absurdo da propaganda norteamericana, ao pretender que os cubanos, fins do 1975, estableceran unha ponte aérea soviética, para dar a imaxe de a operación ser asunto da URSS. Os documentos cubanos din o contrario, pero o máis interesante é que a visión de Cuba cadre coa versión norteamericana. Kissinger recibía un informe diario sobre os vóos, que eran con avións cubanos, e tamén do tránsito de barcos que tiñan unha chea de problemas para chegaren; os soviéticos non tiñan nada a ver».

Para Piero, os historiadores estadounidenses e europeos «foron torpes ou parciais pois nin sequera utilizaron estes documentos, e continúan aferrados á mentira. «Parece unha broma: con documentos norteamericanos e sudafricanos  próbase a versión cubana».

O historiador sinala que irrecusábelmente Cuba cambiou o curso da historia do sur de África, mália os esforzos de Washington para impedilo e puntualiza: «Foron os cubanos quen fixeron retroceder aos sudafricanos en Angola en 1976; quen forzaron aos soviéticos a axudaren a Angola. Foron eles os gardiáns en Angola entre 1976 e 1988, para impediren aos sudafricanos derrocar o seu Goberno; e foron eles quen en 1988 finalmente expulsaron ao exército sudafricano de Angola. Depois forzaron Pretoria nas negociacións de Nova York, en decembro de 1988, a abandonaren o seu intento de derrocar ao Goberno de Angola, e impuxeron eleccións libres en Namibia. O governo de Sudáfrica desafiaba á comunidade internacional. A vitoria de Angola e a independencia de Namibia resultaron posibles grazas á vitoria cubana, foron factores que cambiaron o equilibrio de poder en Sudáfrica, e, en última instancia, conduciron á derrota do apartheid».

Conta Piero como os soldados cubanos frustraron a operación encuberta de Washington en Angola en 1975-76, inflinxindo a EUA a súa peor humillación en África. A seguir, Cuba mantén miles de soldados en Angola, en desafío aos presidentes Jimmy Carter e Ronald Reagan, e, con Angola como base, que apoiou aos insurgentes de Namibia e Sudáfrica (a quen Reagan consideraba terroristas) na súa guerra contra o Goberno de Pretoria. Sobre os cubanos, Nelson Mandela dixo: “compartiron as mesmas trincheras connosco na loita contra o colonialismo, o atraso, e o apartheid. Como africanos do sur saudámolos e comprometémonos a non esquecer nunca este exemplo único do internacionalismo fraternal».

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará