Obama di que o Bloqueo non durará moito

Terra Sen Amos – Redacción

Facendo balance dun ano de conversas con Cuba, Obama salienta os pasos dados nas viaxes e na comunicación bilateral e anuncia un aumento da opinión contra o Bloqueo na maioría republicana da Cámara, no que se apoia para prever que o cerco será historia nunha data non lonxana. Nunha entrevista de aniversário concedida a axéncia de prensa de Yahoo, o presidente declárase satisfeito do restablecimento de embaixadas, despois de 54 anos de belixeráncia unilateral, das viaxes a Cuba e das visitas á illa do chanceler John Kerry, da ministra de Comercio Penny Pritzker e do ministro de Agricultura Tom Vilsak.

Un ano depois de reiniciar o diálogo con Cuba, Obama anuncia que o Bloqueo non durará.
Un ano depois de reiniciar o diálogo con Cuba, Obama anuncia que o Bloqueo non durará.

O xefe da Casa Branca mide as palabras como se da illa do Caribe pendese o equilibrio do edificio imperial e celebra que o proceso de relación bilateral estea en marcha coas visitas de varias das carteiras do seu governo e as autorizacións de viaxes. “Temos asinado acordos de navegación e de protección de áreas marítimas”, recordou Obama. O xornalista de Yahoo interésase polo Bloqueo, o valadar que interfire dende os Estados Unidos a relación internacional con Cuba e a resposta do presidente non se refire directamente a Lei Helms Burton, máis perniciosamente aplicada ca nunca no ano do achegamento,  senón a regulamentos colaterais que poden cambiar a opinión. “Entra dentro dos nosos cálculos que o Congreso decida (sobre o Bloqueo) o ano vindeiro. Xa teño dito, e repetireino, que o Bloqueo (o presidente e a Administración usan o termo eufemístico “embargo”) puido ter virtualidade nos 60 ou no comezo dos 70, mais ao cabo de 50 anos vemos que perdeu todo sentido e non produciu os cambios que procurabamos”.

A Presidencia norteamericana xa anunciou que andaría con pés da lá a hora de usar as súas prerrogativas executivas para intervir a aplicación do Bloqueo, mais o Governo de Cuba foi claro ao expresar que a soberanía e os asuntos internos do País non se negocian, nin se poden pedir concesións a cambio da derogación de medidas unilaterais establecidas por Washington.

Pola primeira vez, Obama asumiu implicitamente o dereito de Cuba sobre Guantánamo ocupado, mália adiar a negociación para alén da súa presidencia. Reiterou o seu interese por visitar Cuba, coma en entrevistas anteriores, ainda que nesta ocasión foi algo máis concreto e sorpresivo ao citar os inconvintes: “Non está ben visto que un presidente de Norteamerica visite un país comunista”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará