“Operación Carlota” en Angola: a escrava rebelde en Cuba simboliza a loita contra o apartheid

O cartaz en Luanda, coas fotos de Agostinho Neto e Fidel, preside a festa de 17 de novembro de 2015 que celebra os 40 anos do fin do apartheid.

Moncho Leal – Terra Sen Amos

O 10 de abril pasado unha brigada de 214 persoas de persoal sanitario cubano, do continxente “Henry Reeve”, chegou a Angola, a requirimento dese país, para combater a COVID 19.

Viñeron á memoria imaxes da historia de Angola. A “Operación Carlota”. En outubro de 1975, un mes antes da independencia angolana, un continxente militar cubano chega clandestinamente ao país africano para axudar na formación militar das forzas guerrilleiras que van tomar o poder. Henry Kissinger, o todopoderoso responsabel da política exterior de EUA, dirixía o plan para impedir que o Movemento Popular para a Liberación de Angola, MPLA, asumira o goberno.

Agostinho Neto, que sería o primeiro presidente de Angola, solicitou axuda internacional, xa que estaba sendo agredido o país polo exército surafricano. Só Cuba respondeu.

Cuba estaría presente até maio de 1991, 16 anos nos que participaron 380 mil combatentes e 50 mil civís que colaboraron decisivamente.

Caeron en combate 2.107. Cuba xa estivera antes, despois do 1 de xaneiro de 1959, en Alxeria, Congo, Guinea Bissau, Cabo Verde e Etiopía. Tamén logo en Namibia.

Estando Nelson Mandela na prisión escribiu para referirse á loita solidaria de Cuba con Angola :”É a primeira vez que un país veu doutro continente non para levarse algo, senón para axudar aos pobos africanos a conseguir súa liberdade”.

Cando saíu da cadea, en 1990, logo de 27 anos preso, e cando fixo a súa primeira saída ao exterior, a Cuba no 1991, Nelson Mandela falou do papel imprescindibel de Cuba na liberación de Angola, Namibia e no fin do réxime do apartheid. Mencionou a decisiva batalla de Cuito Cuanavale, onde un dos principais mandos militares foi Manuel Díaz, galego e cubano que participou nas loitas que deron lugar ao triunfo da Revolución. Nesa batalla foi derrotado o exército de Sudáfrica.

Participaron forzas militares de Cuba, Angola e Namibia na vitoria.

Logo miles de mozos e mozas africanas estudaron en Cuba e Cuba formou nos países respectivos a centenares.

Carlota foi unha escrava cubana, descendente de Angola, que liderou unha sublevación nos enxeños azucreiros en 1843. Todo un símbolo, vitorioso máis dun século despois de que fora despezada polos escravistas.

Sobre Cuba en Angola, tamén en arquivo: http://www.terrasenamos.org/cuba-e-a-solidariedade-revolucionaria/

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará