OS CARCEREIROS DE GUANTÁNAMO REPARTEN NA UE CONSELLOS PARA CUBA

Pascual Serrano

A previsión de que mes de xuño vindeiro o Consello da Unión Europea aborde a continuidade, a conxelación ou a eliminación definitiva das sancións impostas a Cuba en 2003, froito do idilio entre Aznar e Bush, encendeu alarmas en Wáshington.

A xira europea do procónsul de Bush para Cuba Eis a razón de que a Casa Branca envíe de xira por Europa ao seu home para Cuba. Trátase de Caleb McCarry, nomeado por George Bush en xullo de 2005, no denominado Plan para a Transición en Cuba, procónsul para a illa, algo así como aquel Paul Bremen que designaran para Iraq.

En McCarry acaen abofé as condicións para a misión: é fillo dun axente da CIA, traballou na oficina do senador Jesse Helms, o que fora copatrocinador da lei que agudizou o bloqueo contra Cuba, e xa puxo en práctica os seus dotes de desestabilizador en Haití, onde foi encargado de canalizar o diñeiro do Partido Republicano para derrocar a Jean Bertrand Aristide.

Algo polo xeito pretenden agora con Cuba. McCarry xa recibiu 60 millóns de dólares para a súa transición, que se suman a outros douscentos anteriormente asignados. Cuba considera que o mero nomeamento de McCarry viola o dereito internacional e a Carta Fundacional das Nacións Unidas na medida en que ten como obxectivo un cambio de sistema nun país soberano cun goberno elixido democraticamente.

Visita case clandestina
A xira comezou o 7 de abril e incluíu Berlín, Bruxelas, Oslo, Estocolmo e Madrid, aínda que, a diferenza doutras ocasións, a tónica dominante foi unha discreción case clandestina.

Nalgúns casos as visitas non foron anunciadas nin publicitadas. Isto confirma que se trataba dun labor sorrateiro e de presión, máis que de levar á opinión pública europea unha posición de enfrontamento contra Cuba, que saben de antemán que non terá acollida pola cidadanía europea.

O obxectivo de Cuba como elemento fundamental da súa axenda recoñecíao xa un portavoz do Ministerio alemán de Relacións Exteriores, quen cualificou a visita de “encontro ordinario”, aínda que desvelaba que se tratarían “temas latinoamericanos en xeral e cubanos en particular”.

En Estocolmo, McCarry reuniuse na embaixada estadounidense cos grupos contrarrevolucionarios suecos receptores de fondos da Administración Bush.

Todo fai pensar que os recentes escándalos financeiros protagonizados polos grupos de Miami polo uso indebido das millonarias axudas da USAID (a axencia federal estadounidense que distribúe fondos con intencionalidade política baixo coartada de solidariedade) provocarán que, cada vez máis, a Administración estadounidense mire ás organizacións contrarrevolucionarias europeas como destinatarias adecuadas para eses fondos.

Isto xa provocou as primeiras cotenadas entre estes grupos: mentres o director da revista da contra Misceláneas de Cuba, Alexis Gainza, intentaba facer méritos ante McCarry anunciando e entregándolle exemplares da súa revista, onde se incluía unha entrevista co procónsul, o director de CubaNuestra, Carlos Manuel Estefanía, criticaba a ausencia na reunión da embaixada doutro editor dunha revista anticubana, Guillermo Milán.

E é que parece que se en Miami por cada anticastrista hai unha organización, en Suecia hai unha organización e ademais unha revista, probablemente co único obxectivo de que a coñeza a USAID.

Casualmente, durante a xira de McCarry, o seu gran valedor en Europa, o checo Vaclav Havel, presentou en Bruxelas a Fundación Europea para a Democracia, que di, busca impulsar a democracia fóra da Unión Europea “dende o Tibet até Cuba”. Ou quizais, deberían dicir, só en Tibet e Cuba, é dicir, dúas rexións a intervir para golpear a países que non se pliegan a Estados Unidos.

Acompañoulle o presidente da Comisión Europea, José Manuel Durão Barroso, quen tamén exerceu de anfitrión no Cume das Azores, onde Bush, Aznar e Blair anunciaron tamén a súa particular “democratización” de Iraq.

A Fundación non ocultou que ten como estratexia prestar “asistencia financeira para apoiar a oposición interna contra réximes ditatoriais ou activistas de países onde as liberdades son fráxiles”. Entre os primeiros inclúen a Cuba, e entre os segundos a Bolivia e Ecuador.

Tamén recoñecen que esperan financiarse dos gobernos da UE e a Comisión Europea, ademais de fundacións privadas, sen dúbida promovidas por esas multinacionais que tan molestas están coas políticas de recuperación dos recursos naturais que promoven os gobernos progresistas latinoamericanos.

Havel precisou que “non se trata só de apoio económico, tamén necesitan axuda intelectual, política e dos medios de comunicación”.

Parece que o apoio cidadán e popular é irrelevante no seu modelo democratizador, só necesitan diñeiro, gobernos e grupos de comunicación.

En Madrid, a presenza de McCarry desenvolveuse practicamente na clandestinidade; ata o conservador ABC cualificouna de “desapercibida” e de “diplomacia discreta”.

Na capital española reuniuse con Javier Sandomingo, director xeral de Iberoamérica, o embaixador estadounidense en España, Eduardo Aguirre; Carlos Alberto Montaner, acusado polo goberno cubano de participar en accións terroristas contra Cuba e o empresario cubanoamericano Leopoldo Fernández Punjals, fundador de Telepizza, quen vendeu en 1999 a súa participación embolsándose 50.000 millóns de pesetas das de de entón, deixando a súa cotización cunha caída do 50 % do prezo das accións e sen repartir ningún dividendo entre o resto dos accionistas.

Calquera analista recoñecerá que o discurso de EEUU sobre os dereitos humanos e Cuba é só unha coartada para tomar o control da illa. O denominado Plan para a Transición en Cuba é un despropósito que burla a Carta Fundacional das Nacións Unidas na medida en que ten como intención derrocar un goberno soberano.

Un plan que, como denunciou o goberno cubano, contén un anexo secreto que evidencia métodos preocupantes, que se reserva a Casa Branca para conseguir os seus obxectivos.

E en canto á parte “bondadosa” do plan, contén promesas tan ridículas como “alfabetizar aos cubanos” un pobo que está alfabetizando a decenas de países- ou vacinar de sarampelo, nun país onde se erradicou esa enfermidade hai décadas e onde a incidencia da enfermidade é máis baixa ca nos Estados Unidos.

Ante os silenzos sobre os resultados da xira de McCarry por Europa, só o tempo dirá se a UE de verdade ten a firme decisión de adoptar unha política propia e independente cara a Cuba ou seguirá aceptando as presións e chantaxes de Estados Unidos.

O goberno da illa demostrou que non ten ningún problema para abordar unha discusión sobre os dereitos humanos con Europa. O goberno español púidoo comprobar en abril do pasado ano tras unha reunión do ministro de Exteriores español co presidente entón en funcións, Raúl Castro.

Tras aquel encontro, os dous ministros de Exteriores difundiron un comunicado conxunto onde se acordaba “establecer un mecanismo bilateral de consultas políticas, incluído un diálogo en materia de dereitos humanos, con vocación de permanencia”, que ten como primeiro principio o “pleno respecto á soberanía nacional das dúas partes, á igualdade soberana de ambos os Estados, ao seu marco xurídico e ordenamento constitucional, e a non inxerencia nos seus asuntos internos”.

Corresponde a España lograr que en xuño a política da Unión Europea sexa a dun diálogo entre iguais, para o que a primeira medida é aceptar a lóxica esixencia da Habana de eliminar definitivamente as sancións contra Cuba.

Que veñan a Europa os xestores de Guantánamo a pedir sancións para o resto da illa por violación dos dereitos humanos é só unha proba máis dos paradoxos absurdos da política internacional.

Publicado en “Rebelion

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará