OS MEDIOS OCULTAN A VITAL PARTICIPACIÓN DE CUBA NA VITORIA DE MANDELA SOBRE O APARTHEID

Gustavo Luca – Terra Sen Amos.

“Na historia de Africa non existe outro caso dun povo alzado en defensa dun dos nosos”, declaraba Mandela ao Granma 27 de xullo de 1991. O primeiro presidente democrático de Sudáfrica honraba con estas palabras a contribución decisiva de Cuba na derrota do sistema racista do Apartheid e recoñecía o empeño de Fidel Castro naquela loita que o líder da Revolución Cubana chamara “a causa máis bonita”. A mesma prensa que condenaba a Mandela a cadea perpetua por terrorismo, despídeo con bágoas na hora do seu pasamento e procura non citar o protagonismo de Cuba na liberación de Namibia e Angola que obrigara á rendición de feito dos racistas de Sudáfrica.

Tropas cubanas chegaran a Angola en 1975-76. Derrubada a ditadura portuguesa no 74, un goberno de transición formado polo MPLA de Agostinho Neto, o FNLA de Holden Roberto e a UNITA de Jonas Sawinbi, comprometérase a dirixir Angola até as eleccións de novembro do 75. Antes da votación, soldados do Zaire colonialista de Mobutu entraron en Angola con braceletes do FNLA, engano inútil porque o MPLA prevalecía pese a superioridade en armas (procedentes de Sudáfrica e Estados Unidos) dos partidos mercenarios.

OS MEDIOS OCULTAN A VITAL PARTICIPACIÓN DE CUBA NA VITORIA DE MANDELA SOBRE O APARTHEIDPara impedir a cantada vitoria do MPLA, un exército da Sudáfrica racista invadiu Angola 14 de outubro do 75. A Pretoria do Apartheid e os seus vitais socios británicos, belgas, alemáns, holandeses e franceses (o corazón da UE) asesorados por militares israelíes, receberon dos norteamericanos permiso para internacionalizaren a guerra. Avanzando os racistas con relativa facilidade cara Luanda, Fidel Castro resolveu atender a petición de Agostinho Neto para envío de tropas. Fronte a intervención de Cuba, a coalición colonialista recuou para alén da extrema de Namibia (27 de marzo de 1976). Nas súas memorias, Kissinger recoñece a trascendente intervención de Cuba, non supeditada a política dos soviéticos en Africa (máis preocupada polo avanzo dos tratados de desnuclearización) e admite que Fidel Castro “é o auténtico líder revolucionario” daquel tempo.

Con Pretoria resistindo en Namibia, as tropas cubanas axudaron aos angolanos a recusar as incursións de Sudáfrica en Angola. Setembro de 1987, as Forzas Armadas Sudafricanas (SADF) concentraron tropas para un ataque decisivo contra as defensas de Cuito Cuanavale, no sueste de Angola. Os aliados do estado racista daban por segura a caida de Cuito pero 23 de marzo de 1988 o ataque da SADF foi parado “de forma definitiva e inapelábel” polas tropas cubano-angolanas.

Os epitafios dos grandes medios din que Mandela convencera aos racistas con superiores razóns morais e firmeza humanitaria e pacifista. Silenzan que despois da matanza de Sharpeville, en 1960, o Congreso Nacional Africano (CNA) liderado por Mandela optara pola vía armada e a sabotaxe. Caido no 62, Mandela foi condenado a cadea perpetua. “Agora din que Mandela foi a persoa que rematou co Apartheid sudafricano -escrebe Atilio Borón-, pero isto é unha verdade a medias porque a outra metade do mérito correspóndelle a Fidel e á Revolución Cubana. Grazas ao nobel internacionalismo da Revolución Cubana, non se perdeu a independencia de Angola, sentáronse as bases para a emancipación de Namibia e o Apartheid sudafricano recibiu a sentenza de morte”.

Na cadea, Mandela escribira marzo de 1988 sobre a crucial batalla de Cuito Cuanavale, deseguida coñecida coma o Stalingrado de Africa: “foi o abrente da liberación do noso continente e do noso povo”. En 1995, Mandela lembraba que os cubanos chegaran a Africa “coma doutores, mestres, soldados, expertos agrícolas e nunca como colonizadores. Compartiron connosco as mesmas gáveas na loita contra o colonialismo, o atraso e o Apartheid e nunca esqueceremos o seu exemplo de desinteresado internacionalismo”.

Compre lembrar por fin, que nas brigadas de tanques que arrollaban aos soldados do racismo armados pola CIA, camiño da fronteira de Namibia, estaban Fernando González LLort e Gerardo Hernandez Nordelo e que, anos antes, René González Schwerert fora condutor dun tanque T 34 en Angola. Estes tres voluntarios forman, xunto a Ramón Labañino e Antonio Guerrero, o grupo dos Cinco Heroes cuxa liberación das cadeas norteamericanas está a ser reclamada universalmente. Heroes revolucionarios en Africa contra o Apartheid e presos nos Estados Unidos por defenderen o seu país contra o terrorismo que ampara a CIA.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará