Os resultados da reforma económica cubana superan aos da conversión capitalista dos ex-CAME de centro-Europa

Terra Sen Amos-Redacción
Os cubanólogos dos EUA anunciaran o fin do socialismo cubano despois da caida do CAME (Consello de Axuda Mutua Económica) comezos dos 90. Vintecatro anos despois, non se cumpriu nin un só dos agoiros sobre Cuba daqueles analistas, acubillados nas universidades norteamericanas. Emily Morris, profesora do Instituto das Américas do University College de Londres repasa nun artigo publicado na New Left Review o completo fracaso daquelas arrogantes prediccións, malia ser Cuba o país máis afectado pola desaparición do mercado común dos paises socialistas e ter que aturar as consecuencias dun bloqueo que dura 53 anos.

A esperanza de vida en Cuba supera a dos EUA e a dos paises ex-CAME de centro-Europa
A esperanza de vida en Cuba supera a dos EUA e a dos paises ex-CAME de centro-Europa

Morris recorda que a maiores da desaparición do CAME,  Cuba seguia padecendo o bloqueo dos EUA, a Lei Helms Burton, a Lei Torricelli, a Lei de Axuste e a incesante hostilidade promovida desde Washington. Malia o criminal cerco, os indicativos sociais cubanos superaban os dos seus ex-socios do Leste, axiña convertidos ao capitalismo. O índice de mortalidade infantil de Cuba era do 11% no ano 90, xa daquela moito melllor ca a media do CAME, pero no ano 2000 o rubro baixaba ao 6%, o que aumentaba a súa avantaxe comparativa cos paises da Europa central empolados baixo a pruma dos EUA. O actual 5% xa sobrepasa os EUA e mellora ainda máis a posición de Cuba a respecto dos paises da OEA. Cuba tamén aumentou desde 1990 a 2000 a esperanza de vida de 74 a 78 anos. No resto dos paises do CAME, a pobreza rebaixou ese índice de 69 a 68 neses mesmo anos.

A autora do traballo denuncia a ocultación desta avantaxe obxectiva de Cuba, de parte de comentaristas cubanos emigrados que prefiren chamarse “cubanólogos” e que expresan unha manifesta fobia polo Governo Cubano. Emily Morris salienta os casos de Carmelo Mesa-Lago, da universidade de Pittsburg, ao que chama “deán dos estudos sobre Cuba”, e o de Jorge Pérez-López, director de asuntos económicos internacionais do ministerio de Traballo dos EUA, delegado do NAFTA (acordo de mercado libre entre EUA, Canadá e México) e persoeiro da ASCE, Asociación para o Estudo da Economía Cubana. A  ASCE edita en Miami a revista Cuba in Trasition, un recetario para o cambio da economía cubana ao capitalismo.

Os cubanólogos repiten que a resistencia da Revolución Cubana ás reformas capitalistas foi a única causante das carencias da economía cubana no Periodo Especial. Morris proba que todos os ex-socios do CAME pasaron por unha grave recesión nos primeiros 90 antes de entraren nunha década de recuperación que os había volver ao nivel de renda anterior á caida do Muro.

“Os economistas do eixo Pittsburg-Miami -prosegue a articulista-  desprezan dúas diferencias importantes entre Cuba e os paises centro-europeos ex-socios do CAME. O primeiro é o recordo da pobreza e penalidades na véspera do socialismo comparados coas conquistas en materia de saúde e educación que viron despois. O segundo é que mentres os centro-europeos viron na transición unha porta para se liberaren da dominación rusa, en Cuba foi vista coma unha ameaza para a súa soberanía de parte do seu insaciabel depredador histórico, os EUA”. En Cuba de feito, o goberno non fala de transición senón de axustes dentro dos parámetros ideolóxicos do nacionalismo e do socialismo para acomodarse a cambios radicais nas condicións internacionais.

Emily Morris reclama atención e respecto para o complexo traballo de reforma realizado polo governo e nota que a diferenza da drástica privatización e liquidación dos dereitos sociais nos outros ex-CAME, Cuba diversifica a súa economia coa condición de non entregar a súa política social. Un xeito intelixente e honrado de adaptarse a condicións internacionais extremadamente difíciles que está a producir máis crecimento e mellores condicións para o povo cubano que o que deu de si a receita de Washington para os ex-CAME centro-europeos e mesmo para China e Vietnam.”

Aqueles que se apuran a dar por perdida a experiencia cubana -remata a profesora da University College de Londres- deberían antes recoñecer a importancia de todo o que atinxiron. Sabendo a función dinamizadora dos mecanismos de mercado, os cubanos non se fían da prédica da desregulación e a privatización e prevén sobre todo os  custes sociais que poden ter. A súa elección política, condicionada por circunstancias internacionais extremadamente difíciles, deulles mellores resultados en termos de crecimento económico e protección social ca o que previa o Consenso de Washington.

A indignidade intelectual de Mesa-Lago e o seu comando de cubanólogos, ao ignoraren esta reveladora comparativa, non parece preocupar a críticos que chaman ao líder do Eixo Pittsburg-Miami “destacado economista e investigador de orixe cubana radicado en  EUA desde 1961”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará