O exemplo de ouro de Andel, que non podemos perder

Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil

Vaise unha libraria de Letras Galegas e un espazo de relación arredor do país e do rio grande da escrita, das cántigas medievais, do xornalismo airado de Lamas Carvajal, de Eça de Queiroz, do Sar de Rosa, de Eugénio de Andrade, do Arnoia de Ferrin. Mais non nos pode compensar a visión pesimista dun tempo que estraga só o que nos pertence, de maneira que, se no libro maior da Reacción aparece un apunte de fracaso, faremos o preciso para nun tempo breve probar o contrario. Andel non foi nunca un supermercado de letra impresa, senón un espazo para relacionar intelixencia, ideas, critica, autores, experiencia lectora e o idioma, en Galiza e no mundo. Nunha cidade obreira na que o poder relea os tempos de encontro para alén das oito da tarde, e frustra a participación das persoas suxeitas a horarios de traballo de dia, a xenerosidade persoal de Concha e Xaime Nogueira non deixou de prover veladas memorábeis no Andel, arredor dunha narración nova, de poesía, historia ou plástica. Polo tanto, ben certo é que a biosfera perde cando unha libraria pecha, probabelmente máis que co diámetro medrado do maldito burato do ozono, mais, a diferenza do que non permite a estratosfera, nós podémonos servir sempre do modelo de Andel. Un Estatuto Autonómico que nacera coa promesa de primar a Cultura e a Lingua, maltratadas dende o Medioevo e defendidas até hoxe polo pobo cun heroísmo que non ten réplica no mundo, aparece agora entregado ao transvase de orzamento para a clase privilexiada mentres nega recursos para recuperar o idioma e a escrita. A experiencia de Andel entréganos instrumentos para desafiar tamaña aldraxe. Para unha asociación activa dende hai case corenta anos (lucidez dos fundadores) coma a Francisco Villamil, será case imposíbel recoñecer atrancos materiais e políticos máis altos ca os que houbera de remontar a Revolución Cubana. Grazas a Concha e Xaime Nogueira por nos legar o exemplo de ouro de Andel que non podemos de ningún xeito perder.

Cristina Escobar, popular presentadora do programa Mesa Redonda na TV Cubana, fala en Andel no 2015. Á súa beira, a actual presidenta Erea del Rio, que actuara como moderadora do coloquio.


A Asemblea da Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil, elixe presidenta a Erea del Rio Iglesias

Terra Sen Amos – Redacción

Erea del Rio Iglesias é a nova presidenta da Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil. A Asemblea reunida en sesión extraordiaria o pasado dia 24, aprobou por aclamación a candidatura da escritora e filóloga de Bouzas (Vigo) que dende 2012 forma parte da xunta de goberno na que ocupara diferentes responsabilidades e cargos. Na obra de Erea del Rio salienta o labor por documentar e pór en valor o protagonismo das mulleres na cultura e na ciencia, con particular atención ao caso de Galiza e ao de Cuba. O seu libro María Muñoz de Quevedo, la Escuela Coral Cubana (2016) revela a importancia da excepcional musicóloga coruñesa dentro do Grupo Minorista (1923-28) verdadeiro fermento anti-imperialista da Revolución. A nova presidenta da Villamil, ten estudado tamén o protagonismo revolucionário do movimento feminista en Venezuela. O seu traballo como Lectora de Cátedra Galega da Facultad de Artes y Letras (FAYL) da Universidade da Habana e no Arquivo de Galiza do Instituto de Literatura y Lingüística, afonda no rego que decruara Xosé Neira vilas sobre a cultura galega en Cuba no século XX.Erea del Rio remuda na presidencia da Francisco Villamil a Xosé Carlos Abal López-Valeiras, que deixa un importante labor de mellora dos sistemas de comunicación e edición da asociación asi como unha máis activa relación co anti-imperialismo dentro e fóra do pais.

Erea del Rio no centro de fotografia durante a presentación de “Maria Muñoz, A Escola Coral Cubana, en marzo de 2016, en Vigo. Na mesa están Neira Vilas e Alonso Montero, xunto aos representantes do Concello e da editora.

Michael Pompeo e o Grupo Prisa acusan a Cuba de imperialismo en Venezuela

Alba Regueiro – Caracas

Moisés Naim, ex­-ministro do goberno de Carlos Andrés Pérez  e co-responsábel do Caracazo, acusa agora a Cuba de imperialismo en Venezuela e de causar todos os problemas da República Bolivariana. Dende o Grupo Prisa, do que é analista de cabeceira, Naim culpa ao que el chama potencia cubana, de estar detrás de todas as decisións do goberno de Caracas. O Tribunal Interamericano sentenciara por delictos de lesa humanidade ao goberno de Carlos Andrés Pérez, por ter decidido no Caracazo en 1989 o uso de fogo real que causou 5.000 mortos. O pobo protestaba daquela contra un tarifazo económico preparado polo ministro Naim, que agora vive unha segunda vida de mestre de opinión de Prisa, conselleiro da NATO e redactor-xefe de Foreign Policy, a revista da CIA.

Maduro anunció que os saboteadores do sistema nacional de electricidade serán sancionados. (Foto de Al Mayadeen

A rede de emisoras e diarios do Grupo Prisa en Latinoamérica presentan a opinión de Naim dende Washington, onde reside, como a máis autorizada sobre os atrancos multiples causados a Venezuela e, en particular , sobre o recente apagón. “Teño en Caracas familiares de avanzada idade e problemas médicos que viven nun andar 12 e están sen luz –di o exministro e xornalista- e estamos a falar dun crime contra unha nazón, pero o que máis ven aos ollos e a indolencia e indiferenza do Goberno a vista dos apuros que pasa o pais”.

O entrevistado conta que pésia súa experiencia coma ensaista, analista, profesor de economia e mestre en ciencia política, había aspectos que non acababa de comprender na realidade de Venezuela dende a chegada de Hugo Chávez e a institución da República Bolivariana. “Fomos lentos en descobrer que Venezuela fora ocupada de feito por unha potencia estranxeira e que esa potencia é Cuba. Tardamos moito en decatarnos!”. A seguir, o arúspice de Prisa para a realidade de América, explica que non hai manifestacións masiva do pobo de Venezuela “porque os militares cubanos torturan a fillos, padres e irmáns dos venezuelanos que protesten, con técnicas de represión dunha crueldade non experimentada en ningures en América”.

O Grupo Prisa convida a mesma entrevista a Antonio Ledezma, candidato frustrado a presidencia de Venezuela e alcalde de Caracas que leva ano e medio en Madrid escapado da Xustiza de Venezuela por delictos comúns. Ledezma saúda a Moises Naim coma “meu compañeiro de gabinete” e entre os dous pintan un futuro inmediato de enfermidades infecto-contaxiosas e ruina total a causa do apagón que segundo coinciden en sinalar, foi causado polo incompetencia e corrupción do goberno de Maduro. Tan afoutos descreben a traxedia do andazo, que por un intre a audiencia ten a sensación de que os relatores están a falar do seu propio pais.

A revelación de que unha pequena illa sen recursos naturais salientábeis e bloqueada dende hai 60 anos polos EUA é responsábel de imperialismo torturador en Venezuela, prodúcese a penas unhas horas de o ministro de Estado dos EUA, Michael Pompeo, explicar en rolda de prensa que Cuba é a primeira causante dos problemas que vive a República Bolivariana. “Ninguén fixo máis por levar a morte e a miseria a Venezuela -declarara en roda de prensa Pompeo- que os comunistas da Habana, pois Cuba é o verdadeiro poder imperialista en Venezuela e o goberno de Diaz Canel é culpábel por lle prestar axuda política a Maduro e a súa gandalla”.

Apenas 48 horas depois destas declaracións, o presidente Maduro, informou que o ciberataque ao Sistema Eléctrico Nacional do 7 de marzo, fora realizado dende as cidades estadounidenses de Houston e Chicago, baixo a dirección do Comando Sur do exército dos EUA. De porparte, o goberno de Caracas deu conta da plena recuperación do servizo de electricidade, depois do criminal atentado.

“O máis revolucionario que está a facer a Revolución é a revolución das mulleres” (Fidel)

“O fenómeno das mulleres na Revolución é unha revolución dentro doutra revolución. Se alguén preguntase que é o máis revolucionario que está a facer a Revolución, responderiamos que o máis revolucionario que está a facer a Revolución é precisamente isto: a revolución que está tendo lugar nas mulleres do noso país. Se alguén quixese saber que foi o que máis nos aprendeu a Revolución aos revolucionarios, responderiamos a lección que están a darnos as mulleres”. Eran palabras de Fidel na clausura da V Plenaria Nacional da FMC, 9 de decembro de 1966, reproducidas 8 de marzo na prensa de Cuba.



Unha novísima pionera cubana, na secuencia revolucionaria de Celia Sánchez e Vilma Espín. (Composición publicada na portada do Granma de 08.03.19)

“De feito, esa forza potencial é superior á que os máis optimistas de nós poderiamos ter previsto nunca. Se cadra no fondo de nós había un algo de menosprezo non consciente pois que a realidade está a probar, apenas iniciado o camiño, todas as posibilidades e todo o papel que a muller pode xogar nun proceso revolucionario (…).

“E se as mulleres coidasen que a súa situación dentro da sociedade é unha situación óptima, se as mulleres entenden que a súa función revolucionaria dentro da sociedade cumpriuse, estarían cometendo un erro.

“A nós parécenos que as mulleres teñen aínda moito por loitar, que teñen moito por facer, moito para chegaren ao lugar que realmente deben ocupar (…).

“Se as mulleres no noso país eran dobremente explotadas, eran dobremente humilladas, iso significa que nunha revolución social as mulleres deben ser dobremente revolucionarias”.

“E isto talvez explica, ou contribúa a explicar por que a muller cubana apoia tan decididamente á Revolución, tan afervoadamente á Revolución, tan firmemente á Revolución, tan fielmente á Revolución. Porque é unha revolución que significa para a muller dúas revolucións e unha dobre liberación: a da muller formando parte dos sectores humildes do país, dos sectores explotados do país; e discriminada non xa como traballadora, senón discriminada como muller dentro desa mesma sociedade explotadora”.








A cláusula de dominio da lei Helms Burton busca a recolonización de Cuba

Granma – TSA

O goberno terrorista de Washington tenta aplicar agora a reclamación de propiedades en Cuba prevista na lei Helms Burton, que todos os ocupantes da Casa Branca dende Clinton (asinante do texto) mantiveran en suspenso por temer graves riscos para a política exterior dos EUA. A lei é máis intervencionista ca a Enmienda Platt de 1901 e o Tratado de Reciprocidade, de asinatura forzada aos cubanos para lles daren unha independencia de cartón pintado. O anúncio de Washinton provocou a enérxica protesta do goberno da Habana da que informamos a seguir.



A agresión en avalo do goberno Trump contra a illa, foi contestada por Habana nos termos máis duros. Washington ameaza con permitir, a partir do vindeiro 19 de marzo, que ao abeiro do Título III da lei Helms-Burton, poidan presentarse demandas xudiciais en tribunais dos Estados Unidos contra empresas cubanas incluídas na Lista de Entidades Cubanas Restrinxidas elaborada polo goberno de Washington en novembro de 2017.

O goberno de Cuba entende que o listado é arbitrario e ilexítimo, e representa unha escalada do Bloqueo, e estende os seus efectos extraterritoriais pois prohibe aos cidadáns estadounidenses realizar transaccións financeiras directas coas entidades sinaladas na lista.


O ministerio de Mike Pompeo anunciou que mantería en suspenso por só 30 días as accións xudiciais por igual concepto en contra doutras entidades cubanas ou estranxeiras con vínculos comerciais ou económicos en Cuba.

Dende a súa entrada en vigor en 1996, a lei Helms-Burton procurou universalizar o bloqueo económico, mediante presións brutais e ilegais de Estados Unidos contra terceiros países, os seus gobernos e as súas empresas. Persegue asfixiar a economía cubana, e promover ou aumentar as carencias da poboación co propósito de impoñer en Cuba un goberno que responda aos intereses de Estados Unidos.

Por súas pretensións ilexítimas e pola violación que implican do dereito Internacional, a lei Helms-Burton e o Bloqueo concitan o rexeitamento universal, reiterado durante case tres décadas, nos máis importantes organismos rexionais e internacionais. O exemplo máis recente foi na Asemblea Xeral das Nacións Unidas cando o pasado 1 de novembro foi obxecto de dez votacións consecutivas de rexeitamento, nas que o goberno dos Estados Unidos ficou so co seu propio voto.

O título II da lei Helms-Burton dispón que o derrocamento do goberno revolucionario, a posterior tutela do país por un interventor estadounidense e o ulterior establecemento dun goberno contrarrevolucionario e subordinado a Washington, terían como tarefa inequívoca a devolución ou pago aos antigos propietarios de todas as propiedades que sexan reclamadas por antigos donos ou os seus descendentes, sexan estadounidenses ou non, despois das nacionalizacións ou de as abandonaren. En todo ese tempo, o bloqueo económico permanecería en pleno vigor.

Reclamantes dos EUA arrogaríanse o dereito, por mor desta lei extra-territorial, de restitución ou pago de casas nas que viven cubanos, predios sobre os que se erguen polígonos, terra agrícola onde cultivan e producen, a escola onde se educan os seus fillos, o hospital ou o policlínico onde reciben servizos médicos, o solar do seu centro de traballo ou negocio particular; a lei institúe aínda acredores dos EUA polos servizos de electricidade, auga e comunicacións subsidiados da poboación cubana.

Para o goberno de Cuba, esta pretensión é só imaxinábel nas mentes de quen identifica o solo e bens cubanos como unha posesión colonial. “O Bloqueo económico só podería cesar unha vez atinxido ese obxectivo da lei Helms-Burton, que descansa sobre dúas mentiras fundamentais: a noción de as nacionalizacións, realizadas a pouco do triunfo revolucionario, seren ilexítimas ou indebidas e a idea de Cuba constituír unha ameaza para a seguridade nacional dos Estados Unidos”

Cuba recorda que as nacionalizacións leváronse a cabo amparadas por leis, con estrito apego á Constitución e en conformidade co Dereito Internacional. “Todas as nacionalizacións contemplaron procesos de compensación xusta e conformada que o goberno dos Estados Unidos negouse a considerar. Cuba alcanzou e honrou acordos globais de compensación con outras nacións que hoxe invisten en Cuba como España, Suiza, Canadá, Reino Unido, Alemania e Francia”.

Para o ministerio de Estado de Cuba, a verdadeira ameaza para a paz e a seguridade da rexión son as declaracións e accións irresponsábeis do goberno dos EUA e a conxura contra América Latina e o Caribe no afán declarado de impoñer a Doutrina Monroe.

A Lei de Reafirmación da Dignidade e Soberanía Cubanas do 24 de decembro de 1996 establece que a lei Helms-Burton é ilícita, inaplicabel e sen valor nin efecto xurídico algún. Considera nula toda reclamación amparada en devandita lei, por calquera persoa natural ou xurídica.

Segundo estipula esa lei, as reclamacións de compensación polas propiedades nacionalizadas poderán formar parte dun proceso de negociación sobre a base da igualdade e respecto mutuo entre os gobernos de Cuba e os Estados Unidos, examinadas de conxunto coas indemnizacións ás que o Estado e o pobo cubanos teñen dereito con motivo dos danos e prexuízos causados polo bloqueo e as agresións de todo tipo cuxa responsabilidade corresponde ao goberno dos EUA. Segundo esta previsión legal, ficará excluído de futuras posibeis negociacións quen invoque procedementos e mecanismos da lei Helms-Burton en prexuízo doutros.

O goberno cubano reitera aos socios económicos e as empresas estranxeiras que operan en Cuba, todas as garantías para o investimento estranxeiro e os proxectos conxuntos. A Constitución Cubana, ratificada por ampla maioría no referendo do pasado 24 de febreiro de 2019, recoñece no seu artigo 28 tamén esas garantías, incorporadas na Lei de Investimento Estranxeiro Nº. 118 de 29 de marzo de 2014.

Recorda o goberno da Habana que o anuncio dos EUA incrementa obstáculos aos obxectivos de desenvolvemento e progreso económico de Cuba. “Porén, os EUA seguirán a fracasar no seu propósito de someter pola forza a vontade soberana dos cubanos e a nosa determinación de construír o socialismo. Prevalecerá o sentimento maioritario dos pobos de Cuba e dos EUA que prefiren melllorar as relacións e criar convivencia civilizada e respectuosa.


















Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil"

Visit Us On TwitterVisit Us On Facebook