A consulta e participación do pobo é parte básica do goberno de Cuba

O ministro de Relacións Exteriores de Cuba, Bruno Rodríguez recorda que no goberno da illa intervén decisivamente o debate cidadá

A asemblea da Unión de Escritores e Artistas de Cuba (UNEAC) debate co presidente Diaz Canel o papel da crítica na programación cultural e na promoción de cadros, en outubro de 2019.

A sociedade Cubana ten unha decisiva participación nas resolucións do Goberno e mantén e desenvolve desde as orixes da Revolución un hábito de consulta horizontal que xa é parte do acervo democrático revolucionario. O ministro de Estado de Cuba comentou na súa conta oficial de twitter que en cada proposta da comisión de reforma económica participaran máis dun millón 600 mil cubanas e cubanos e para a redacción do novo Código de Traballo o goberno incorporara 2.000.802 opinións. A participación democrática conforma as opcións capitais do sistema de goberno de Cuba a partir do principio de manter sempre aberta a comunicación e non permitir que ningunha opinión poda perderse.

O presidente de Cuba, Miguel Díaz-Canel, afirmou nunha mensaxe enviada á Asemblea Xeral das Nacións Unidas no seu 75 período de sesións, que a illa conta cunha sociedade con elevado grao de participación popular para tomar decisións e revolver problemas. Un exemplo recente, é a entrada en vigor da actual Constitución da República tras un amplo proceso de consulta. De feito, a Carta Magna foi sometida a referendo en febreiro de 2019, e ratificada polo 86,8% dos votos.  

Resumen Latinoamericano, 13 de febreiro de 2021

Vacinas cubanas contra o egoísmo e a desigualdade

Cubadebate

“Non será unha orde mundial esgotada e caduca a que poida salvar á humanidade e crear as condicións naturais indispensábeis para unha vida digna e decorosa no planeta. (…) Non se trata dunha cuestión ideolóxica; é xa unha cuestión de vida ou morte para a especie humana”.

Fidel Castro, na inauguración da Escuela Latinoamericana de Medicina, 15 de novembro de 1999.

A Solidariedade e a Xustiza seguen sendo verbas en desuso aínda cando a catástrofe compétenos a todos, como un gran Titanic universal. Un minúsculo e pegañento virus move medos, abala sociedades e sistemas de saúde, provoca reflexións a eito sobre hoxe e o futuro, mais non fai avanzar a equidade e o amor ao próximo.

Esta semana chegaran a 100 millóns as persoas contaxiados no mundo coa COVID-19 e xa son máis de 2 millóns os falecidos.

“Cada día aumenta a brecha entre os que teñen e os que non teñen. A pandemia lembrounos que a saúde e a economía están relacionadas e que estamos todos no mesmo barco. A pandemia non terminará até que dea rematado en todas partes”, dixo o Director Xeral da Organización Mundial da Saúde Dr. Tedros Adhanom Ghebreyesus.

Os números dan fe incontrastábel da valoración do experto.

A cura privilexiada

A pesar dos numerosos chamados da ONU e de diversos líderes mundiais para buscar unha resposta global á pandemia e facilitar e compartir o acceso á cura da enfermidade, predominan as visións estreitas e os oídos xordos.

“A ciencia está a ter éxito, pero a solidariedade está a fallar”, apuntou o pasado 15 de xaneiro o Secretario Xeral da ONU António Guterres. Varias vacinas están xa dispoñibeis no mundo para enfrontar ao virus SARS-CoV-2, pero o acceso a elas é profundamente desigual como o mundo que habitamos.

Até a data aplicáronse uns 66.33 millóns de doses, das que o 93% fornecéronse en apenas 15 países: EUA, China, Reino Unido, Israel, Emiratos Árabes Unidos, Alemaña, India, Italia, Turquía, España, Francia e Rusia, de acordo coa plataforma de análise de datos Our World in Data, baseado en cifras da Universidade de Oxford.

En toda África Subsahariana apenas deron administrado 25 doses de vacinas en Guinea. Países populosos como Nixeria, con 200 millóns de habitantes, están a espera da primeira dose.

A mesma lea que se viviu a inicios da pandemia cos ventiladores pulmonares, as máscaras e os traxes de protección, sucede agora coas vacinas: acaparamento, sobreprezos e especulación. “Unha carreira inmoral cara ao abismo”, como a catalogou o principal directivo da OMS.

O fondo COVAX, empeño global para facer accesíbeis as vacinas ás nacións máis pobres ou de recursos limitados, anunciou que en febreiro empezará a entregar as primeiras doses (primeiro díxose que en xaneiro), pero recoñece que se viu limitado polos lucrativos acordos de diversas nacións individuais coas firmas farmacéuticas produtoras das vacinas antiCOVID.

O alto custe das vacinas que teñen maior aprobación internacional até agora, foi outro inconvinte. Como sinalou a The Guardian o experto noruegués John-Arne Rottingen,: “A dificultade é que realmente só temos unha aprobación internacional xeneralizada para a comercialización de dúas vacinas: as dúas vacinas de ARNm. O desafío é que unha, a vacina Moderna é moi cara, e a outra, a vacina Pfizer- BioNTech, dispoñíbel no primeiro e agora aplicada en Europa, é moderadamente cara en comparación con outras, e require unha cadea de super frío. O prezo e a cadea de frío fai que non sexan vacinas ideais para administración universal”

Mentres nacións como India e Sudáfrica piden á OMS unha campaña para as farmacéuticas renunciar aos dereitos de propiedade intelectual das vacinas e tratamentos da COVID-19, que permitiría que outros fabricantes cualificados no Sur poidan expandir a produción deses antídotos; países como EUA, Reino Unido e Canadá opuxéronse á iniciativa. Tres nacións ricas que compraron ou reservaron doses abondo para inocular ás súas poboacións polo menos catro veces.

Os países de altos ingresos, representan o 16% da poboación mundial, pero posúen máis do 60% das vacinas compradas até agora. Os países ricos acaparan a maior parte da produción de vacinas.

Algunhas previsións cifran en 27% o total da poboación dos países de ingresos medios e pobres que poderán ser vacinados este ano. O Centro de Innovación en Saúde Global da Universidade de Duke estima que non haberá vacinas abondo para inmunizar á poboación mundial até polo menos 2023.

“O mundo está a piques dun catastrófico fracaso moral e o prezo deste fracaso pagarase con vidas e medios de subsistencia nos países máis pobres”, sentenciou apenado o Dr. Tedros.

O virus da desigualdade

O egoísmo das vacinas é o reflexo exacto dun mundo desigual e inxusto no que uns poucos seguen sendo os grandes beneficiarios da riqueza, para o que miles de millóns reciban o refugallo.

É o “virus da desigualdade” que OXFAM denuncia no seu máis recente informe, no cal evidencia que o errado sistema económico actual “permite que unha elite super-rica continúe acumulando riqueza no medio da maior crise económica desde a Gran Depresión, mentres miles de millóns de persoas enfróntanse a grandes dificultades para saír adiante.”

No entanto os multimillonarios viron incrementar as súas fortunas entre marzo e decembro de 2020 nun volume total de 3,9 millóns de millóns de dólares -para amasar a delirante cifra de 11.95 billóns- os máis pobres do planeta tardarán “máis dunha década para se recuperaren dos impactos económicos da crise” acentuados pola pandemia de COVID-19.

As diferenzas raciais agravaron criticamente. Nos EUA, a nación máis poderosa do planeta, se as taxas de mortalidade fosen iguais ás da poboación branca, preto de 22.000 latinos e negros non terían falecido polo brote do coronavirus. En Brasil, as persoas descendentes de África teñen un 40% máis de probabilidades de morrer por mor da COVID que as persoas brancas.

Unha das conclusións do informe OXFAM é que  “é probábel que a pandemia aumente a desigualdade dunha maneira nunca antes vista”. O Banco Mundial ten alertado que, no contexto actual, máis de 100 millóns de persoas poderían chegar á pobreza extrema.

Os 10 homes máis ricos do mundo viron aumentar seu patrimonio neto en 540.000 millóns de dólares no período de pandemia 2020. A lista encabézana Jeff Bezos e Elon Musk. Tamén inclúe ao director executivo do grupo LVMH, Bernard Arnault; a Bill Gates e ao director executivo de Facebook, Mark Zuckerberg. Segundo OXFAM, co diñeiro que atesouran estes ricos fartos podería evitarse a  pobreza causada polo virus e permitiría garantir unha vacina para apoboación do planeta.

Sol do mundo moral

Entre tanta inequidade e indiferenza, un pequeno arquipélago no Caribe, chamado Cuba, foi quen de enviar a miles de médicos e enfermeiros, nunhas 50 brigadas do Continxente Internacionalista “Henry Reeve”, a máis dunha trintena de países de América Latina e o Caribe, Europa, África e Medio Oriente, para colaborar no combate á mortal enfermidade.

Miles de vidas salvadas ou recuperadas nun escenario de total complexidade son o froito do seu solidario labor. A calidade humana e profesional das persoas que forman parte destas brigadas, supera os problemas máis diversos e deixa unha pegada de afecto, gratitude e exemplo recoñecida por todos.

Ese mesmo país, de escasos recursos económicos pero abundante en talento formado e educado, foi capaz de erixir unha industria bio-farmacéutica de avangarda, que está en condicións de producir 100 millóns de doses da Soberana 02, unha das 4 vacinas nas que traballan seus científicos. Iso permitiría inmunizar a toda a poboación cubana (sería un dos primeiros países en logralo) e dispor de máis de 70 millóns de doses para outros pobos do Sur. Xa hai países interesados en adquirila, como Vietnam, Irán, Venezuela, Paquistán e India, anunciou recentemente o Director Xeral do Instituto Finlay de Vacinas.

Investigadores desa institución traballan con países como Italia e Canadá para avaliar o impacto da Soberana 01 nas persoas que depois de padeceren COVID-19 considéranse en risco de reinfección.

“Nós non somos unha multinacional que conceda preferencia aos réditos (financeiro). Funcionamos ao revés: procuramos saúde e os réditos serán consecuencia, nunca prioridade”, explicou á prensa a pasada semana o Dr. Vicente Vérez, líder do centro principal de investigacións de vacinas en Cuba.

“O noso mundo só pode vencer este virus dunha maneira: unido”, salientou recentemente o Secretario Xeral da ONU. Mágoa que vacinas da solidariedade e da xustiza non puideran ser aplicadas nun planeta dominado polos ricos.

Orixinal publicado por Cubadebate e traducido ao Galego para TSA por Marga Lueiro.

Os EUA apoderáronse da  oposición cubana desde hai sesenta anos


Imaxe dos doce presidentes dos EUA que decidiron pola súa conta e gasto como debería ser  a oposición en Cuba e que acabaron dando o nome de colegas aos conspiradores por eles mesmos contratados para acabar coa independencia de Cuba

Rosa Miriam Elizalde – La Jornada

Ventos de cambio en Washington. Anthony Blinken, novo ministro de Estado dos EUA, menciona Cuba de pasada, nunha entrevista para a cadea MSNBC na que derruba, peza a peza, o taboleiro mundial do seu antecesor Mike Pompeo. A xornalista Andrea Mitchell pregunta se teñen mentes de revogar a inclusión da illa na lista de países patrocinadores do terrorismo, e Blinken dí que todos os asuntos pendentes seràn revisados.

Os asuntos pendentes é o feixe de castigos repartidos por Donald Trump como herdo envelenado para Joseph Biden. O apertón de caravillas lanzado na primavera de 2017, co pretexto duns ataques sónicos a diplomáticos estadounidenses na Habana, nunca probados,  acabou nas catro semanas últimas da administración republicana con ducias de medidas unilaterais e a inclusión de Cuba na lista de inimigos da humanidade.

A xenreira de Washington fronte a teima da Revolución cubana por defender a súa soberanía, nin comezou con Trump nin ficou limitada ao  plano das decisións públicas da Casa Branca. Os EUA apoderáronse da  oposición cubana desde 1959, tanto dentro como fóra da Illa. En 1960, o presidente Dwight Eisenhower lanzou unha esmagadora ofensiva para acabar con Fidel Castro: propaganda arreo, espionaxe, intervención na illa e unha forza paramilitar fóra de Cuba para futuras accións guerrilleiras.

Perdía folgos a contrarrevolución e Eisenhower  recomendou ao subdirector da CIA, Richard Bissell: “Se non os das dominado, procura que non reciba axuda ningunha”. No seu libro de memorias Reflections of a Cold Warrior, Bissell conta que a prioridade da CIA en Cuba foi un programa para fabricar unha oposición responsible, appealing and unified  (responsábel, atractiva e unificada). En 1961, a CIA levara unha morea de xente abordo e lanzou a invasión por Playa Girón,  na costa sur de Cuba, co propósito de os opositores internos completar o programa en menos de 24 horas. A estratexia ofensiva foi do republicano Eisenhower e a realización do demócrata Kennedy, por certo.

Fracasaron unha e outra vez,  e aínda teiman en formar aquela oposición responsábel, atractiva e unificada, con tan ruín sorte que careceu sempre das tres virtudes. Tanto cismou o goberno dos EUA por controlar a oposición cubana, sen disimular o seu dirixismo nin agachar os millóns de dólares do fisco gastados nela, que o proxecto  non deu chegado nin a oposición.

Até hoxe. Nestes días, o subsecretario de Estado dos EUA, encargado da relación con América Latina, chamou colegas  aos axentes pagados por eles mesmos que desafían as leis de Cuba. O embaixador en funcións dos EUA na Habana, Timothy Zuñiga-Brown, recibiu con agarimo a estes axentes nunha embaixada que cancelara todos os trámites consulares no medio dunha pandemia o que obriga aos cubanos con familia nos EUA a pedir visado en México y Guyana. E non só, porque ofreceuse a facer de chofer e escolta dos chamados opositores que, agradecidos, clamaban no Facebook que Trump era (e segue a ser) seu presidente.

Zúñiga-Brown ten a altura intelectual de Romulus M. Saunders, embaixador en Madrid dos EUA durante a administración de James Polk , encargado de negociar un acordo secreto co goberno espñol en 1848 para a compra de Cuba por cen millóns de pesos. O ministro de Estado laiárase “de ter deitado nas mans de Saunders a misión de adquirir a Perla das Antillas… Un intermediario máis capaz, podería ter levado a mellor fin a negociación con España, pois o noso embaixador Saunders só fala Inglés e, ás veces, asasínao”.

A Casa Branca adoita esquecer que a sociedade cubana non tolera nin oposición nin imposición prefabricadas e que é a intención bicentenaria do veciño do Norte, de facerse que queiran que non cunha illa no Caribe, a que formou a opinión cubana. O propio Che deixou escrito que a Revolución cubana “obrou en marxista” no por un pre-concepto senón como unha solución lóxica aos problemas reais. E un dos problemas de feito era a depredación colonial de Cuba e o destino asignado de primeiro meublé, prostíbulo e casino de Estados Unidos.

Se a administración Biden ten mentes de cambiar o cadro de Trump, debería considerar en boa hora que a peza fundamental neste xadrez con Cuba sempre foi a Raiña, a Soberana. Unha ficha de sombra largacía na política nacional e que, non por casualidade, veu dar nome a dúas vacinas: a Soberana 1 e Soberana 2.

O que non se di sobre as vacinas cubanas

Karima Oliva Bello – La Pupila Insomne

A xornalista Karima Oliva explica o contexto socialista propicio para un decisivo paso da Revolución Cubana na provisión de saúde: o recente anuncio da fabricación de 100 millóns de doses da avanzada vacina Soberana 2, producida nos laboratorios de Cuba contra a Covid19. Mentres a UE dos 27 non pode executar seu programa de vacinas a causa da batalla polo máximo beneficio privado dos laboratorios ingleses e norteamericanos, a pequena Cuba bloqueada por sucesivas presidencias dos EUA dende hai 60 anos e estorbada por multas hipócritas de Bruxelas, dá exemplo de transparencia a hora de ofrecer ao mundo o resultado brillante dos seus laboratorios. De feito, Cuba sitiada é o único país do mundo que contará con vacina propia elaborada con recursos e financiamento estatais ao 100%. A investigación cubana prepara catro candidatas a vacina para a Covid19. Dúas delas, a Soberana 1 e  a Soberana 2, proceden dos laboratorios do Instituto Finlay do Estado Cubano, nos que a maioría da equipa de investigación está composta por mulleres.

Na elaboración das vacinas cubanas participan todos os medios da sociedade socialista. A información censurada do capitalismo neoliberal non pode negar a transparencia e o éxito dos laboratorios estatais de Cuba.

1. Termos unha vacina nosa que vai ser aplicada de balde a cada cubana e cubano, é un feito importantísimo nun mundo onde non vai haber vacinas para todos e no que moitas persoas levan trazas de ficar varadas e soas fronte ao risco de contaxio. Protéxenos o Estado Cubano no medio dun panorama neoliberal onde  morreran de a pouco 51 seres humanos abandonados  polo seu Estado, nun país no que o presidente pode dicir con impunidade que “o feito de morreren vellos e doentes é lei de vida”.  Un presidente que só por ser badoco esbardalla o que moitos coñecen e calan por prudencia. Dentro do sistema capitalista, a morte dos excluídos convén, ou, polo menos, non importa ao goberno porque grazas a deus representa menos gasto público. Se puidermos saber a escala global cantas desas mortes poderían terse evitado nunha situación diferente dos sistemas de saúde, empobrecidos pola onda privatizadora e os recortes de orzamento, mesmo nalgunhas nacións poderosas, non durmiriamos tranquilos. Pero a noticia é outra: os grandes medios que amplifican propaganda contra Cuba, non farán estas análises, nin darán conta da vacina cubana.

2. Que Cuba teña soberanía e desenvolvemento científico abondo  para fabricar a súa propia vacina, e non dependa de empresas farmacéuticas feroces nun contexto capitalista rexido polo mercado, no cal a saúde humana é un dos obxectos de lucro e mercantilización fundamentais.

3. A vacina, como tantos outros fármacos, é expresión dos pasos decisivos dados nun campo científico deseñado para funcionar organicamente, integrado nunha economía socialista segundo un modelo positivo, intelixente e innovador que conxuga ciencia e empresa.

4. Pero non salientamos só a fortaleza científica, herdeira en moitos sentidos da visión de Fidel sobre o papel que a ciencia debía xogar na nosa sociedade. Estamos ante unha fortaleza política. A fortaleza dun sistema que sempre pon a vida no centro. Ante quen pregoa o fracaso do socialismo, puidésemos pensar se non é xustamente por estes éxitos e a súa potencia (a pesar de tantos ataques externos e a falla de recursos) que o socialismo se converte, para o statu quo neoliberal, nunha ameaza que debe ser borrada do mapa e da historia para que na memoria colectiva non fiquen nin rastros dela e para, deste xeito, ter o capital as mans libres para asoballarnos.

5. Por último, e non menos importante: a vacina Soberana expresa a ética, a vocación humanista e a calidade profesional de grupos de investigadores e investigadoras non só expertos na súa rama senón admirabelmente formados no compromiso e a responsabilidade coa saúde humana, entendida como ben común.

Unificación monetaria, nova escala de ingresos, eliminación de gratuidades inxustas e posta en valor do traballo, propostas para 2021

Adelante.cu

Duarte Correa – Nós Diário

O ano 2021 vai ser ano de importantes acontecementos en Cuba, no mes de abril desenvolverase o VIII Congreso do Partido Comunista Cubano e co inicio do ano puxéronse en marcha reformas no ámbito económico que introducen novidades. Desas reformas, presentadas baixo a denominación Tarefa de Ordenamento, semella o máis salientábel a unificación monetaria, coa desaparición do CUC e a redución do valor de cambio do peso cubano fronte ao dólar, pero hai moito máis.

A “Tarefa de Ordenamento” contén unha reforma integral de ingresos e a eliminación gradual dalgúns subsidios e gratuidades considerados contraproducentes ou inxustos. Son cambios importantes que como é lóxico crean preocupación na poboación, preocupación á que respondeu hai uns días o presidente Díaz-Canel, deixando claro que se fará un seguimento constante dos pasos dados e que ninguén se verá desamparado, pois “…na Cuba Socialista xamais se empregarán terapias de choque contra o pobo…”.

Estas medidas responden ao aprobado nos dous congresos anteriores do Partido Comunista, e teñen por obxectivo conseguir unha economía máis dinámica e cun mellor funcionamento das estruturas de produción, para gañar en eficiencia e produtividade.

A Covid-19 impediume visitar de novo Cuba e observar directamente unha realidade moi distinta á que coñecín no período especial, pero a observación desde a distancia lévame a seguir considerando a experiencia cubana como un exemplo para quen loitamos por construír unha sociedade máis xusta. Nin idealizo Cuba nin miro cara a outro lado diante dos moitos problemas existentes e erros cometidos, pero poño en valor o que significa a existencia dun país pequeno e pobre que busca construír o seu propio camiño, na rexión máis desigual do planeta e a poucos quilómetros dos EUA.

Nos últimos meses teño lido e escoitado a algúns que botan as mans á cabeza, agoirando o final e empregando incluso palabras grosas como traizón ao espírito da revolución. Non é estraño que a maioría desas voces veñan de xente que vive comodamente en Europa, maiormente en atalaias ou grupos sen apenas traballo social, non vaia ser que o contacto coa realidade lles desfaga as súas teorías.

O ano 2020 foi un ano duro para o pobo cubano: aos efectos do criminal bloqueo sumouse a redución do apoio dunha Venezuela tamén agredida polos EUA, e houberan de dedicar inxentes cantidades de recursos á loita contra a Covid, loita na que están sendo moito máis efectivos que a maioría dos países desenvolvidos. Ademais a inxerencia externa intensificouse, sendo as protestas do mes de novembro do Movemento San Isidro só un elemento visíbel das moitas operacións encubertas financiadas por diversas axencias norteamericanas.

Diante desta situación podían ter decidido atrasar a aplicación das reformas, decisión facilmente explicábel e entendíbel. Pero seguiron adiante, conscientes de as dificultades poder aumentar, ao manter determinadas inercias moi contraproducentes que deben ser superadas.

Un dos principais temas que está na orixe das medidas económicas, e leva sendo obxecto de debate hai moito tempo, é a necesidade de pór o traballo en valor e desterrar unha perversión disfrazada de teoría marxista que considera igualdade sinónimo de igualitarismo, e trata a quen se esforza por realizar do mellor xeito posíbel a función encomendada igual ca aqueles que coa súa pasividade son unha rémora para o sistema. Un tema complexo, tendo en conta a figura do Estado protector e a confusión existente entre igualdade e equidade, pero básico no aspecto ideolóxico; e un tema estratéxico para a economía pois só co seu avance poden ser melloradas as condicións de vida, garantido os dereitos e as importantes conquistas da revolución.

Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil"

Visit Us On TwitterVisit Us On Facebook