Poemas, historia, música e flores para Martí en Compostela

Nadia Codesedo – Terra Sen Amos

A Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil, o poeta Anxo Angueira, o Concello de Santiago e o Consulado Xeral de Cuba na Galiza levaron domingo 27 de xaneiro, versos, prosas, música e un galano de flores a José Martí, Pai da Patria e Apóstolo da Independencia de Cuba, no 166 aniversario do seu nacemento. Pousaron a grilanda coas cores de Cuba e Galiza, o presidente da Francisco Villamil e a cónsul xeral de Cuba, aos pés do rostro de bronce do Heroe, no centro do Parque Granell de Compostela.

Algúns dos participantes na homenaxe a Martí ante a monumental imaxe de bronce.

Representando ao Concello de Santiago no acto, Branca Novoneyra referiuse a Martí como “un raro caso de poeta e político de excepción, infiltrado no ADN do pobo cubano, que segue a ser sostén moral, nestes tempos tempos difíciles e incertos, para o seu pobo e para todos nós”. A edil dixo que a mellor maneira de honrar aos poetas é lembrar os seus versos e a seguir repasou os primeiros versos do poema Hora de Voar, de Versos Libres) “Meu pan xa foi gañado: veña o verso/ e reviva, no seu comercio celmoso/ a man perdida entre cómaros escuros/ ou a de quen hai pouco/ levaba un mundo a rastras de sumas/ en fio e de revoltas contas./ Se pedires consello meu bardo/ arria do teu lombo branco/ a farpa ática e morde os salaios/ que igual que o mar airado/ teu alento a ocupar corren/ e na madeira cerne/ talla as canetas do escritorio/ e deita as cordas rotas/ ao vento ledo”.

O poeta e filólogo Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, recordou que a Cantora do Sar aprendéranos “que a única maneira de sermos cidadáns do mundo, era asumindo a nosa identidade nacional, que, tal como ela nos dixera, non é de canastros nin de parellas baixo un paraugas, pois a nosa non é unha Galiza folclórica condenada a auto-identificarse nesa visión asfixiante, redutora e deformada, senón unha Galiza á que non resulta alleo nada do mundo, de calquera terra e tempo, unha Galiza da Estrela da Liberdade, a mesma que quixo para si José Martí, e agora loce na bandeira de Cuba”.

Pechou a ofrenda, Yahima Martínez, Cónsul Xeral de Cuba quen afirmou que era grande “a débeda con Martí das sucesivas xeracións de cubanos e cubanas comprometidos na loita por conseguir o triunfo de la Revolución, perfeccionala e defendela cada día”. Dixo que “Cuba revolucionaria recibira de Martí o amor que rebordaba a persoa e a patria, a paixón pola liberdade e a xustixa, e a ferreña determinación de preservar por riba de todo a identidade e a soberanía da nación”.

“En Martí –proseguiu- bebimos a seiva da nosa identidade latinoamericana, na afirmación de a Nosa América ser unha na orixe, a esperanza e no perigo, e asemade no destino”. Recordou a advertencia de Martí, de Cuba batallar pola súa propia independencia para asegurar ao mesmo tempo a liberdade latinoame­ricana e que foi o Apóstol da Patria o que formulando que Patria é Humanidade acendeu o sentimento internacionalista de Cuba.

A representante de Cuba acrecentou que Martí deixara a lección inesquecíbel da unión nacional e da unidade das forzas en función da loita revolucionária. “Unha solidariedade –concretou- tan necesaria nestes momentos nos que o contexto político internacional maniféstase nun nível de complexidade que mal se pode comparar cos dos anos precedentes, a causa da profundidade dos cambios e da transcendencia que teñen para o futuro inmediato”.

Lembrou a Cónsul que 29 de xaneiro, á beira do aniversario de Martí, celebramos o 133 aniversario de Castelao. “Martí e Castelao –dixo- foron grandes na súa medida política e na súa dimensión de creadores comprometidos coa causa da xustiza, a emancipación e o internacionalismo; compre hoxe honrar esas dúas figuras que son Pais da Patria para Cuba e para Galiza”.

Yahima Martínez adicou finalmente un recordo a Fidel, cuxo pensamento revolucionario tomara a súa inspiración en Martí. “E por iso –proseguiu- somos e seremos martianos, como somos e seremos fidelistas, latinoamericanos e anti-imperialistas”. “Os tempos son difíciles –engadiu- mais teño a máis absoluta convicción de que co valor do noso pobo e coa solidariedade que recibimos de vostedes, o pobo cubano, saberá loitar, saberá cumprir co seu deber e saberá levar adiante o seu propósito de salvar a Patria, a Revolución e as conquistas do Socialismo”.

O grupo de gaitas dos Enxebres de San Lázaro cruzou a mañá gris de xaneiro con ruadas e outros aires que remataron por acordar no rostro de bronce de Martí un sorriso entre flores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará