Por sempre Fidel

G. Luca – Terra Sen Amos

Cando Cuba, cativa de tamaño e máis que grande en valor, consigue defender a súa independencia contra forzas superiores, os adversários consoláronse con votos dun fracaso inminente,  e anunciaron que o seu mellor e único aliado sería a natureza mortal dos líderes.  Mais o final da vida do símbolo da Revolución Cubana, asinala o fracaso máis completo para as profecías de catástrofe, xa que o visibel é unha onda de agradecimento e razón xeral, para alén do previsto polo propio Fidel Castro no seu texto de defensa do proceso de Moncada (1953) cando prometera que, por riba da condena dos mortais, o xuicio do tempo lle sería propicio.

Na Serra Maestra, Fidel coidaba que o combate da ilustración era tanto o máis importante ca o das armas.
Na Serra Maestra, Fidel defendia  que o combate da ilustración era tanto o máis importante ca o das armas.

Os parabéns para o que no remate representa a vida de Fidel e a non rendición de Cuba, son dominantes en todo o mundo, mesmo por parte dos que gastaron tesouros en tinta e imaxes para recusar as ideas do socialismo e a independencia. Na Asemblea Xeral da ONU que votaba hai un mes contra o cerco político, económico e comercial, estaba Alxer que recibira no 63 axuda da Revolución Cubana contra os que lles minaban as fronteiras por encarga do colonialismo; estaba Congo axudado por comandos cubanos chegados de Tanzania; aparecia Siria, hoxe en guerra e exílio, da que foi aliada Cuba nos combates do 73, cando o Yom Kipur; non faltaba a Angola, criticamente axudada por Cuba na guerra do 75 ao 91, nin Nambia, Suláfrica, Zimbawe e Mozambique liberadas en Cuito Canevale. Por riba do longo cerco xeral da OEA contra Cuba, votaban contra o Bloqueo todos os povos americanos que recibiran solidariedade e axuda da Revolución, nomeadamente Nicaragua, Panamá, Bolivia, Venezuela, Arxentina, Ecuador, Brasil e Chile.

Como non recordar o protagonismo de Fidel na segunda metade dos 80 contra a débeda externa que para os economistas do sistema dominante era condición inviolábel, baixo palabra científica. “Cúlpanme por dicer que a débeda é impagábel mais a culpa hai que llela botar a Pitágoras, Euclides, Arquímedes e Pascal… ao matemático que prefiran -proclamaba Fidel- porque son as súas razóns as que proban que a débeda non se pode pagar pois se pedirmos a unha persoa contala dólar por dólar, a razón dun segundo por dólar,  demoraría 11.574 anos en auditala; unha débeda de 19.478 dólares por quilómetro cadrado sen contar os intereses do capital”.

O compromiso de Fidel coa cultura e a educación, salienta no livro “Ideologia, conciencia y trabajo político”, que recopila as súas intervencións dende 1959, e a importáncia da súa actividade intelectual foi abordada por Gianni Miná, Tomás Borge ou na extensa serie de entrevistas de Ignacio Ramonet, que ten versión en Galego. A continuidade de toda unha vida defendendo a ilustración e e a formación crítica, ten hoxe expresión no programa “Yo si puedo” de alfabetización levado por Cuba a todo o mundo. O grande Herminio Barreiro consideraba que a Fidel chegara a influéncia neo-ilustrada e racionalista da emigración Galega do primeiro cuarto do XX, recoñecida por Fernando Ortiz. “O orgullo cubano e o orgullo de Fidel en matéria de conquistas educativas -di Barreiro no programa da mostra da Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil sobre as escolas emigrantes chegadas de Cuba-  pode quedar expresado nunha afirmación terminante dentro dun discurso pronunciado en 2003 na Praza da Revolución, cando dixo que entre todos os paises grandes e pequenos, ricos e pobres, Cuba, no campo da educación, ocupa xa o primeiro lugar”.

Coa dirección de Fidel Castro, e baixo un cerco encarnizado e ilegal que continúa mália o restablecemento de relacións diplomáticas cos EUA, Cuba puido presentar resultados superiores en materia de desenvolvemento humano, de combate da ideoloxia racista, de emancipacion da muller, de asisténcia médica universal e de reduccion da mortalidade infantil.

A irmandade revolucionária Galego-Cubana súmase ao recordo activo de Fidel, pola permanéncia do seu exemplo, no mesmo senso que convoca nesta hora a redacción de Cubadebate: “Cuba chora a Fidel mais tamén agradece o priviléxio de telo por 90 anos, porque con él, a Illa e a Revolución ocuparon un lugar no mundo. Teremos saudade de ti, Comandante, e ímoste querer sempre, como defenderemos esta Revolución que ti alzaches cos pobres da terra”.

Unha reflexión sobre “Por sempre Fidel”

  1. “da mostra da Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil sobre as escolas emigrantes chegadas de Cuba”, ¿onde é esa mostra?, encantaríame poder vela….por certo o autor deste artigo onde se topa?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *