O Bloqueo atravanca tres xiros de Euskadi-Cuba para brigadas medicas cubanas na Arxentina

Euskadi-Cuba.org

Tres bancos da UE recusaron transferéncias da Asociación Euskadi-Cuba para intervencións solidarias da medicina cubana na Arxentina, ao seren ameazados con sancións dos Estados Unidos dentro da política de Bloqueo que se prolonga dende hai 56 anos e que foi intensificada dende 2017 pola presidencia de Donald Trump. A Comisión Europea non fixo ningún comentario sobre esta nova chantaxe mafiosa de EUA contra bancos de paises fundadores da UE, que non incumpren lei internacional ningunha por xiraren cartos procedentes de recadas solidarias. Os bancos son os alemáns Deutsche Bank e Commerzebank AG e o italiano Unicredit. Privadamente, os bancos recoñeceron as ameazas de EUA e os alemáns cobraron comisións polo xiro non realizado.

Recepción de brigadas médicas cubanas na Arxentina en 2017.

O Departamento de Tesoureria dos EUA, a medio da OFAC (Oficina para Control de Activos Extranxeiros) ten imposto altas multas, contrarias ao Dereito Internacional, a bancos europeos por presunta violación do Bloqueo financeiro a Cuba por exemplo 9.000 millóns de dólares ao BNP Paribas, 1.700 millóns ao Commerzbank, 787 millóns ao Credit Agricole ou 536 millóns ao Credit Suisse.

EUA entremétese nas operacións comerciais con Cuba e sanciona ao sistema bancario internacional cando trata coa illa. Mália a fiscalización estadounidense ser contraria a Lei, institucións bancarias que teñen por oficio esta clase de tratos, néganse a xirar cantidades a Cuba por temor a seren sancionados como sucedera en 2007 co banco neerlandés ING, que recusara transferir 60.000 € para as vítimas cubanas do furacán Irma de parte da Asociación de Amizade con Cuba da República Federal de Alemaña (Ver noticia de 17 de setembro de 2017 en Terra Sen Amos http://www.terrasenamos.org/o-banco-holandes-ing-negase-en-nome-do-bloqueo-a-facer-unha-transferencia-a-cuba-de-60-000e/)

O ilegal Bloqueo manifestábase a traveso da OFAC contra xiros entre Cuba e Europa mentres que agora os bancos europeos recusan transferir recadas solidarias con destino a intervencións de equipas médicas cubanas en terceiros paises. O primeiro incidente foi a fins de xaneiro cando Euskadi-Cuba tentou transferir á fundación Un mundo mejor es posible, ONG de Buenos Aires que coordina co Goberno de Cuba varios programas de saúde e alfabetización na Arxentina. Os fondos procedían dunha achega das Juntas Generales de Gipuzkoa para equipar o Centro Oftalmológico Ernesto Che Guevara de Córdoba, onde milleiros de persoas sen recursos recuperaron a visión grazas a solidariedade cubana.

En 22 de febreiro de 2018, o banco italiano Unicredit negouse a realizar unha segunda transferencia para o mesmo proxecto, procedente de Ezker Anitza-Izquierda Unida, que decidira apoiar o programa solidário de Euskadi-Cuba con Arxentina. A  asociación basca demorou case dous meses en atopar outro banco intermediario, o Commerzebank AG, con sede en Francoforte, que realizou a operación 12 de abril. Porén, unha semana depois, negouse a realizar un novo xiro de Euskadi-Cuba á fundación argentina Un mundo mejor es Posible, consistente en case 7.000 € das Juntas Generales de Gipuzkoa.

Mes e medio (xullo de 2018) demorou Euskadi-Cuba en atopar unha nova entidade bancaria intermediaria, neste caso a Fiare Banca Ética, disposta a realizar a transferencia.

O criminal Bloqueo de EUA a Cuba, foi condenado 26 veces na Asemblea Xeral de Naciones Unidas. Na última ocasión por 191 votos, aclamación que foi contestada con ameazas contra os paises votantes por Nikki Haley, embaixadora estadounidense na ONU, formada no grupo de presión ALEC, no  que participan ATT, Coca-Cola, Pfizer ou ExxonMobil, petroleira que cobiza as reservas de Venezuela.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará