PROEZAS DE CUBA NA LOITA CONTRA A PANDEMIA

Fernando Bossi Rojas – Resumen Latinoamericano

Neste breve artigo fálase de Cuba e a súa loita contra a Covid 19, pondo en evidencia como os medios de comunicación hexemónicos mundiais e certos organismos internacionais, ningunean o exemplo do país caribeño e os seus logros en materia de medicamento, eficiencia e solidariedade.

O imperialismo exportador de armas, bloquea unha illa que envía solidariamente médicos a 58 paises.

Existe unha listaxe elaborada en 2019 que presenta aos países que brindan mellor cobertura de sanidade universal a súa cidadanía, a partir dos indicativos da Organización Mundial de Saúde (OMS). Dos 191 países desa táboa, só 25 cumpren coas esixencias establecidas pola OMS para promover e garantir a saúde das persoas. Cuba non aparece entre eses 25 países.

Compre revisar a precisión do baremo, tendo en conta o que sucedeu coa pandemia e como foi a atención cara aos contaxiados da Covid-19. Saben quen son os países que están no primeiro e no segundo posto? En primeiro lugar Francia e no segundo Italia. Lembremos que Italia, ante o colapso do seu sistema de saúde, apelou á axuda de médicos de Cuba (o país ao que asignan o posto 39) para enfrontar a epidemia.

Subirá a localización de Cuba nesa listaxe no ano 2021, despois de analizar o seu desempeño durante a pandemia?

Tamén chama a atención que o país latinoamericano mellor situado no devandito baremo é Colombia, no posto 22, logo Chile no 33 e Cuba no posto 39! Que curioso, non?

Porén, revisando as distintas cifras e estatísticas que se manexan sobre a Covid 19, inclínome a destacar aquelas que indican cantidade de mortes por cada 100 mil habitantes, debido a que dan unha dimensión real do efecto da pandemia e dos resultados da atención médica cara á poboación, considerando varios factores que, de remate, conflúen no resultado de evitar mortes e, polo tanto, salvar vidas.

1,08 falecidos por 100.000 habitantes

Considerando as cifras ao día 5 de outubro de 2020, en América, Perú é o país que ten os resultados máis preocupantes: 102,35 mortes sobre cada 100 mil habitantes, con 32.742 falecidos. Agora vexamos aqueles dous países que sitúan enriba de Cuba na lista da OMS, Colombia e Chile: 1) Colombia rexistra 53,80 mortos por cada 100 mil habitantes, cun total de 26.712 falecidos, 2) Chile mostra 69,61 mortos por cada 100 mil habitantes cun total de 13.037 Saben cantos ten Cuba? A cifra é 1,08 falecidos por cada 100 mil habitantes; o total de mortos pola Covid 19 na illa caribeña é de 123 persoas.

Non chama a atención que estes dous países que están por riba de Cuba no na listaxe mundial de saúde, rexistren unha cifra tanto máis alta de falecidos, 50 veces máis para Colombia e case 70 veces máis para Chile? Con todo a OMS, xunto ás ONGs que lle provén datos e estatísticas considera que o sistema de saúde de Colombia e Chile, privatizado en case un 90 por cento, é mellor que o cubano. Nesa mesma dirección, vale a pena mencionar que non hai ningún país en Europa, considerando aqueles con 10 millóns de habitantes ou máis, que poida presentar mellores estatísticas que Cuba. Lembremos a cifra de 1,08 falecidos por cada 100 mil habitantes na maior das Antillas. Vexamos o indicador para os países capitalistas desenvolvidos da Unión Europea. Sempre por cada 100 mil habitantes: Bélxica 88,02 falecidos; España 68,86; Reino Unido 63,75; Italia 59,58; Suecia 57,93; Francia 48,22…E Estados Unidos? Corroboramos a lamentabel cifra de 209.928 mortos, vale dicir 64,26 por cada 100 mil habitantes; 60 veces máis que en Cuba. Con todo, no ranking da OMS Estados Unidos figura no posto 37, dous lugares por riba de Cuba.

Volvendo a América Latina e o Caribe veremos que os países con menos falecidos por cada 100 mil habitantes son: Cuba con 1,08; Uruguai con 1,39; Venezuela con 2,26 e Nicaragua con 2,34. Os tres países maiores que integran a Alianza Bolivariana para os pobos da nosa América (ALBA) promedian 1.89 falecidos por cada 100 mil habitantes; e os tres países (Cuba, Venezuela e Nicaragua) limitan ou se sitúan a curta distancia de Estados Unidos, Brasil e Colombia, países que presentan cifras alarmantes e que encabezan a porcentaxe maior de mortos, todos eles entre os primeiros 10 países con máis falecidos pola Covid-19 do mundo.

Médicos de Cuba a 58 nacións

A maiores, Cuba non só está a atender á súa poboación cunha eficiencia e éxito corroborado desde calquera ángulo que se analice, senón que tamén deu resposta ao chamado doutros países, brindando a súa colaboración con médicos, enfermeiros/as e persoal sanitario especializado. O Ministro de Saúde Pública, Doutor José Ángel Portal Miranda, na súa intervención no 58º Consello Directivo da Organización Panamericana da Saúde manifestou: “Ante a solicitude de varios gobernos, 52 brigadas do Continxente ´Henry Reeve´ colaboraron no combate á pandemia en 39 países, 22 deles na rexión das Américas. Estas brigadas sumáronse aos 28 mil profesionais que xa traballaban en 58 nacións”.

Nótese que a illa, de pouco máis de 11 millóns de habitantes, conta con máis de 95.000 médicos, case 9 médicos por cada mil habitantes, e máis de 85.000 enfermeiros/as. Sabe vostede cal é o país do mundo que conta con máis médicos por cada mil habitantes? Cuba, si. Con 8,4 exactamente. Ségueo Alemaña, con precisamente a metade, 4,2; e en América Latina, Arxentina, con 4 por cada mil habitantes. Ningún país do mundo manifestou a solidariedade efectiva de maneira tan diáfana como Cuba. E por se non fose abondo,  científicos e investigadores cubanos desenvolverann a “Soberana 01”, vacina contra a Covid 19 que xa está en etapa de proba. Hai un mes aproximadamente, a vacina “Soberana 01” comezou os ensaios clínicos en humanos e converteuse na primeira de América Latina -e de todo o mal chamado mundo subdesenvolvido- en avanzar a esa nova fase. O presidente Miguel Díaz-Canel,  sinalou: “O nome da vacina recolle o sentimento de patriotismo e de compromiso revolucionario e humanista con que se traballou. Fazañas como estas reafírmannos o orgullo de ser cubanos”.

Os medios de comunicación hexemónicos fan por agachar estas informacións, ou minimizalas. Nin os éxitos no tratamento da pandemia en territorio cubano, nin a xenerosidade de Cuba ao apoiar con persoal médico a países en dificultades, nin a vacina cubana, actualmente en elaboración, son noticia para os media dominantes.

Os sobresaíntes logros de Cuba, o seu pobo, o seu goberno e a súa Revolución, axigántanse aínda se temos en conta o salvaxe bloqueo que o goberno estadounidense exerce sobre a illa. Este bloqueo contra Cuba -económico, comercial e financeiro-, que se aplica ininterrompidamente dende hai seis décadas, é o sistema de sancións unilaterais máis inxusto, perverso e prolongado que se aplicou contra país algún na historia. O Ministro de Relacións Exteriores de Cuba, Bruno Rodríguez Parrilla, no 74º Debate Xeral da Asemblea Xeral da Organización das Nacións Unidas, o 28 de setembro de 2019, manifestou: “Resultan incalculables os danos humanos que produciu a aplicación destas sancións. Non hai familia cubana nin sector no país que non as padecese. Máis do 77 por cento da poboación cubana ten nacido e crecido baixo o cerco económico que impón Washington”.

Con todo, a pesar das ataduras impostas polo imperialismo ianqui, o boicot por parte dos medios masivos de comunicación, a ocultación de certos organismos internacionais e a covardía dos lacaios de Washington, Cuba segue sendo abandeirada da solidariedade e exemplo do compromiso cos máis necesitados. Respecto diso, o 2 de outubro de 2014, o Comandante Fidel Castro sinalaba: “o persoal médico que marcha a calquera punto para salvar vidas, aínda a risco de perder a súa, é o maior exemplo de solidariedade que pode ofrecer o ser humano”.

Non parece de xustiza que o Premio Nobel da Paz sexa entregado aos médicos cubanos?

Tradución ao Galego de Paulina Gontade, para Terra Sen Amos

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *