“Quén vai darnos o futuro? Nós mesmos e só nós!” (Fidel no III Aniversario)

“Quén vai darnos o futuro?  Nós mesmos!  Quén nos ha garantir un porvir feliz para a nosa patria?  Nós mesmos e só nós!  Ninguén virá darnos nada e de ninguén máis dependerá non sendo de nós; a oportunidade é nosa e temos todo o que se precisa para loitar por ela. Tres cousas son importantes para este ano: a primeira, a defensa da patria fronte a ameaza do inimigo; a segunda, a organización e a formación da conciencia revolucionaria. […] sen conciencia revolucionaria, no poderíamos cumprir outro deber como é a planificación e o desenvolvemento da nosa economía”. Son palabras de Fidel na concentración que celebraba 2 de xaneiro de 1962, o Terceiro Aniversario do triunfo da Revolución.

Fidel na concentración popular do Terceiro Aniversario do triunfo da Revolución, en 2 de xaneiro de 1962.

“Malia o progreso económico e industrial gañado polo povo dos EUA, a flor do seu esforzo vai para grandes escadras artilladas, a armar exércitos e a pagaren bandas de vendepatrias no mundo enteiro: gandalla de traidores, exércitos de espías, de asasinos e saboteadores; o froito do esforzo do povo dos EUA vai para sementar contrarrevolución no mundo enteiro, para sobornar reacción e colonialismo, pagaren bandas militaristas e sementar neofascismo nos países nos que o fascismo fora derrotado a costa do sangue de millóns de seres humanos; en pagar o máis retrógrado e reaccionario que pode haber no mundo”.

“Pasados case dous séculos, mudou de vez o papel que representara o goberno dos EUA . Os EUA xa non loitan hoxe por nada que signifique liberdade; hoxendía non defenden nin un só átomo de liberdade en parte ningunha do mundo; os monopolistas que hoxe gobernan Washington e identifican a política e as iniciativas dese país exclusivamente cos seus intereses, loitan precisamente por todo o contrario:  por manter o colonialismo no mundo, por serviren os intereses explotadores en todo o mundo, por manter a reacción no mundo enteiro”.

“Mais non se fagan ilusións, señores teóricos do imperialismo: non todo o mundo está envelenado pola súa propaganda mentireira; non todo o mundo segue eses modelos seus, nin atende as mentiras e infamias coas que enluxan a súa propia opinión. Os pobos do mundo comprenden as mentiras que lle queren contar a diario e aprenden por experiencia propia”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará