Raúl anuncia normas corretoras da Reforma Económica e considera urxente a unificación monetária

Granma – Axéncias – Terra Sen Amos

Raúl Castro ratificou a propiedade pública estatal como garantía da viabilidade do sistema económico socialista e durante a clausura da sesión plenária da Asemblea Nacional do Poder Popular na súa VIII Lexislatura,  anunciou a publicación de normas para regular o traballo por conta propia, establecido por mor da Reforma Económica. Raúl dixo que sería aplicada a maior brevidade posibel a unidade monetária e cambiária e recordou o seu compromiso de trasmitir as súas responsabilidades como presidente dos consellos de Estado e de Goberno para a Asemblea de abril de 2018. No discurso salientou a alta participación cidadá nas pasadas eleccións para delegados das Asembleas Municipais do Poder Popular, cunha asistencia en primeira volta do 89,2 por ciento, superior a do proceso realizado en 2015.

O arrendo de terras estatais de labor en Cuba, sobe de 10 a 20 anos prorrogábeis.

O presidente referiuse ao estrago causado polo furacán Irma, ao que cualificou de evento meteorolóxico máis poderoso e violento da historia do  Atlántico, con pegada en 12 provincias, ventos fortes, choiva arreo e sulagamentos catastróficos na beiramar.  “Malia a intensidade das medidas preventivas, houbemos de lamentar  a perda de 10 compatriotas, amais de avarias importantes en 179.000 vivendas, colexios, edificios do sistema público de saúde, da indústria, as comunicacións e do turismo, e  pola primeira vez fallou o sistema eléctrico nacional”.

Os danos producidos polo Irma foron estimado en 13.185.000.000 pesos, cifra calculada a partir da paridade del peso dólar EUA. Grazas a participación de todo o pobo de Cuba e das instancias públicas, a recuperación cumpriuse a plena satisfacción en prazo breve.

Raúl reiterou, en nome do pobo de Cuba, o agradecimento pola man tendida dende todo o planeta, quer de organizacións políticas, como de movimentos de solidariedade e asociacións de amizade con Cuba.

Noutra parte do discurso, abordou a hostilidade renovada do governo dos EUA contra Cuba e das interferencias e sancións, aplicadas en desafio do  Dereito Internacional contra os paises que comercian coa illa, dentro dun andácio chamado Bloqueo que está a piques de cumprir  58 anos. Sobre a recuada do actual ocupante da Casa Branca con Cuba, Raúl recordou:  “A Revolución Cubana puido contra as acometidas de 11 administracións dos EUA e nós aquí estamos e aquí ficaremos: libres, soberanos e independentes”

Na altura de Raúl pronunciar seu discurso, ainda a Asemblea da ONU non condenara por aclamación o translado da embaixada dos EUA a Xerusalem, en desafío dos principios de soberanía. O presidente foi terminante: “Ratifico a nosa fonda preocupación e condena da decisión unilateral do goberno dos Estados Unidos, pois constitue unha grave violación das resolucións da ONU sobre o asunto, asi como do Dereito Internacional”. Non faltaron verbas de solidariedade e irmandade  para Venezuela en estado de cerco,  e, secomasi, de amizade para Cristina Hernández de Kirchner, ex-presidente de Arxentina e Luiz Inácio Lula da Silva ex-presidente do Brasil

O axuste da normativa de traballo por conta propia

As normas que regulan as formas de xestión non estatais, son obxecto de debate en Cuba dende que foran establecidas e o presidente deu mérito ao labor arreo de perfeccionamento do traballo por conta propia asi como da coeréncia das cooperativas non agropecuarias.

“Non renunciamos a medrar e mellorar as formas de xestión non estatais –dixo o presidente-  mais temos de asegurar a corrección dos cambios neste eido, e rectificar de vez toda desviación que nos aparte do camiño escollido: e no entanto, cumprimos as medidas aprobadas para os axustes precisos no sistema empresarial estatal, que abrangue a parte maior da propiedade na economia socialista de Cuba”.

En relación con estes cambios, nas sesións parlamentares sobre a Reforma da Economía, Marino Murillo Jorge, membro do Buró Político do Comité Central del Partido Comunista de Cuba e Xefe da Comisión Económica Executiva da VIII Lexislatura, forneceu detalles concretos dos avanzos  da reforma económica. En orde de urxéncia,  o obxectivo principal é a unificación monetaria e cambiaria para a que traballan máis de 200 profesionais divididos en 13 grupos. “A dualidade monetaria e cambiaria afeta a toda a sociedade, mais non se trata só de retirar unha moeda e pór un tipo de cámbio uniificado, pois temos que considerar a súa función na formación dos prezos, nos ingresos das persoas e na capacidade de compra do salario”.

Murillo reparou asemade nos límites de ingresos, entre o que menos gaña, e o que máis gaña dentro dunha cooperativa.”As cooperativas estatais pagan anticipo e distribúen utilidades, e o reparto de beneficios non se limita. Porén non pode haber unha diferenza maior de tres salarios entre o empregado que máis gaña e o que menos. A Contraloria identificou que os que menos ingresaban nunha cooperativa concreta percibian 3.000 pesos mentres o presidente tiña un salario de 37.000, catorce veces máis. Coidamos que cando tal acontece,  non é posibel falar de cooperativa senón de empresa privada. Semellante situación é inadmisibel”. O responsábel da Comisión Económica Executiva fixo tamén mención de cooperativas que vivían do traballo contratado e non do traballo dos socios, o que tamén vai contra o principio do cooperativismo.

Con relación ao traballo por conta propia, anunciou que só haberá unha autorización por traballo e persoa, contra a situación de hoxe con sete autorizadas para un mes.  No mesmo ramo, o número de autorizacións reduciranse e as establecidas na mesma especialidade, serán unificadas.

Na política agropecuaria avanzáronse normas xurídicas para cesión de terras en usufructo,  coa importante novidade de que o que antes entregábase por 10 anos,  arréndase agora por 20 prorrogabeis.  Tamén comeza a aplicación gradual dunha carga fiscal por ter terra a barbeito xa que non hai en Cuba, que ten 6,3 millones de ferrados de terra de labor– opción a deixar un arrendo a ermo.

Na hostelaria, ficaron recoñecidos os bares que viñan funcionando con licenza de paladar e para as novas autorizacións específicas dos bares, establécense funcións e encoméndanse os horarios ao Consello de  Administración Municipal.

O sentido xeral da política de goberno para os establecementos abertos ao público é o de non negar o espazo das economías non estatais, dentro de todo o proceso de actualización.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará