Raúl denuncia a agresión dos EUA contra Venezuela, no XV cumio da ALBA-TCP

Cubadebate – Redacción de TSA

A agresión imperialista con Venezuela foi o centro do discurso de Raúl no XV Cumio da ALBA-TCP, na súa denuncia máis dura contra EUA dende o restablecimento de relacións diplomáticas. O discurso acaéu na data do pasamento de Hugo Chávez Frías, fundador con Fidel da ALBA. “A Alba –dixo Raúl- ten hoxe como cometido estratéxico emerxente a defensa mancomunada da República Bolivariana de Venezuela, ameazada militarmente e interferida na súa economia polo imperialismo dos EUA”.

Raúl defende no seu discurso a obra de Chávez e o crucial papel de continuador de Nicolás Maduro.

O presidente de Cuba identificou a ameaza militar e as gallifas económicas argalladas contra as conquistas sociais  de Venezuela, como parte dun plano estratéxico enderezado a desestabilizar a rexión e comprometer a paz, a seguridade, a soberania e os pasos dados na integración d´América Latina e o Caribe, por parte dos gobernos progresistas.

“Dende 1999 coa chegada a presidencia de Hugo Chávez, e máis ainda contra o compañeiro Nicolás Maduro –dixo o lider cubano- Washington despregou métodos propios de guerra, co propósito de dobregar Venezuela, dona de inmensas riquezas cobizadas polo imperialismo; o presidente Trump ven de renovar a orde executiva que declara Venezuela ameaza extraordinaria contra a seguridade nacional e a política exterior dos Estados Unidos”.

Na súa intervención, Raul criticou tamén aos que prefiren esquecer as leccións do pasado, os crueis anos das ditaduras militares e o impacto do neoliberalismo, e prefiren reinstaurar as consecuencias ruinosas que tiveron para a rexión as políticas de chantaxe, asoballamento e bloqueo, replicadas agora por EUA.

“De feito –engadiu- anúnciannos de cara lavada a vixencia e relevancia da Doutrina Monroe que proclama a supeditación colonial aos gobernos de Washington e que, como advertira Bolívar, inzou de dor e miseria á nosa América en nome da liberdade”.

Recramou Raúl o cese da agresión económica contra Venezuela para que o seu pobo poida gozar os dereitos conquistados pola Revolución e recusou a exclusión do presidente Nicolás Maduro do VIII Cumio das Américas, nunha decisión que cualificou de inaceptabel e aldraxante, propia de tempos que parecían superados.

“É inadmisibel –dixo- que un grupo de países, sen dereito nin mandado, pretenda falar pola rexión e coide que ten dereito para agredir a un membro da familia latinoamericana e caribeña, utilizando como pretexto unha suposta ruptura da orde democrática, precisamente nun país que desenvolveu máis de vinte procesos electorais e que convoca agora eleccións presidenciais, tal como antes lle requeriran, mesmo con métodos violentos”.

O presidente de Cuba preguntou por que non se denunciaban os golpes de Estado encobertos, as masacres e as desaparicións en Latinoamérica e a seguir negoulle a que chamou “desprestixiada” Organización de Estados Americanos (OEA) autoridade moral para dar leccións de democracia, gobernabilidade ou constitucionalidade.

“Viólanse os postulados de América Latina e o Caribe como Zona de Paz –denunciou a seguir- asinada polos Xefes de Estado e Goberno da Comunidade de Estados Latinoamericanos e Caribeños, no II Cumio da CELAC, na Habana, e evádese o estrito cumprimento da obrigación de non intervir, direta ou indiretamente, nos asuntos internos de calquera outro Estado e de respectar os principios de soberanía nacional, a igualdade de dereitos e a libre determinación dos pobos”.

Recordando que corresponde aos propios venezolanos dar solución aos seus problemas, Raúl dixo que estaba a falar en nome da Revolución e do pobo de Cuba e citou a advertencia de Fidel, de careceren de porvir os pobos sen unidade e sen integración.

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *