Raúl marca límites ás privatizacións no seu discurso de despedida

Arlene Pereira Souto – Terra Sen Amos

As actividades laborais que poden emprenderse en Cuba por conta propia, foron ampliadas de 127 a máis de 2.000,  unha medida que non só foi acollida con alborozo dentro do país sitiado polos EUA, senón na propia prensa dos conspiradores contra o socialismo. No seu discurso de despedida como secretario xeral do PCC, Raúl Castro notou que o entusiasmo foi breve e que a medida foi cuestionada decontado polos que soñan coa restauración capitalista e a privatización dos medios públicos. “Algúns abrazan a idea da privatización por egoísmo e cobiza, sen advertir que por ese camiño arrasarían de a pouco os alicerces da sociedade socialista, construídos a longo de seis décadas e, a fume de carozo, estragarían os sistemas nacionais de educación e saúde, hoxe de acceso universal”.

Para seu discurso do aniversario de Moncada en 2013, Raúl presentárase con sombreiro guajiro. Os alamares do uniforme non son tan importantes coma o símbolo do mambí.

A piques de cumprir 90, o heroe de Moncada e derradeiro da saga dos Castro de Armeá, ofreceuse no seu discurso de despedida do VIII Congreso “como militante revolucionario para colaborar discretamente até o final da vida”. Mais na esperada alocución, non había  faltar  seu proverbial sentido da crítica: “outros esperan facer saltar polos aires o principio socialista do monopolio do Estado sobre o comercio exterior, e teiman por que se autorice a importación comercial privada para estableceren un sistema non estatal de comercio interior”. Raúl di que non pode haber confusión nestes asuntos crríticos: “e moito menos ser tratados con inxenuidade de parte dos cadros de dirección  e os militantes do Partido; hai límites que no podemos pasar porque as consecuencias serían irreversíbeis e conducirían a erros estratéxicos e a destrución mesma do socialismo e da soberanía e independencia nacionais”.

O feito de Raúl Castro renunciar as responsabilidades de goberno, confirma toda unha cultura política probada en máis de seis décadas de Revolución en Cuba, nas que os líderes son funcionais ao proxecto de independencia e socialismo. O relevo de Raúl, coma o de Fidel antes, sucede en discreción e reciben menos importancia que os obxectivos de goberno. Un principio exemplar que deixa no limbo a narrativa dominante sobre Cuba, nas mans dos EUA; banalidade propagandística que repite dende hai sesenta anos que a Revolución Cubana é unha tiranía familiar que non vai durar máis que un lume de tixola. Contrariamente, a realidade dunha dirección colectiva máis preocupada por resistir a ofensiva imperialista conservando a propiedade socialista dos medios fundamentais de produción, aparece máis que probada nos traballos do VIII Congreso do Partido Comunista de Cuba e na naturalidade coa que acepta o cambio da xeración do Moncada, sen renunciar a continuidade dunha batalla pola independencia que o propio líder do Moncada, Fidel, situaba en cen anos antes.

Como recorda Iroel Sánchez, creador da páxina La Pupila Insomne, o sitio máis visitado de Cuba, malia a teima de sucesivos gobernos dos EUA por crearen con riadas de dólares, cabeceiras dixitais saudosas dos tempos da Colonia e da Enmenda Platt, en Cuba, non houbo máis que unha Revolución: a que comezara Céspedes 10 de outubro de 1868. Fidel, que asume o papel de continuala é, asemade, “un renovador e un rupturista polas forma de continuar a epopea cubana, pola xustiza e a soberania”. Estas formas orixinais proceden dos reveses propios, convertidos en contragolpes de enorme transcendencia. “A transformación de golpes imperialistas en vitorias son as máis populares, mais a institucionalización, depois da Zafra dos 10 millóns, o Proceso de Rectificación ou a Batalla das Ideas, son rupturas para manter os obxectivos supremos da Revolución  en cada circunstancia. O acervo do longo asedio é fundamental”.

RAÚL, LÍDER DO PROCESO DE REFORMA

A responsabilidade histórica de Raúl Castro foi a de organizar os debates populares para o proceso de reforma política e económica: unha convocatoria para continuar os ideais de soberanía e socialismo polos que loitaba o pobo de Cuba desde a invención dos campos de concentración de Valeriano Weyler, tempos que perviven no asedio imperial e no mesmo ideal por consolidar a independencia e construír a xustiza e a convivencia. O VIII Congreso do PCC advirte que se trata dun obxectivo a contramarcha do proceso acelerado a partir dos 80 no capitalismo do Norte, coa liberalización da economía, o desbarate da asistencia social, a concentración acelerada do capital, a guerra contra o Sur e a abolición do xornalismo e a cultura crítica. Unha situación de contraste que non impide aos poderosos sistemas de comunicación do capital proclamar o capitalismo como modelo moral do mundo e decretar que a construción do socialismo en Cuba é recurso aberrante e contrario aos dereitos humanos.

Molesta aos editorialistas subscritos á globalización, logo de ter anunciado cambios apocalípticos por idade na dirección da Revolución, que a solución de continuidade do goberno de Cuba aconteza en paz, formalidade prevista e confianza no futuro, tal coma sucedera na renuncia de Fidel en 2008. No entanto, a nova equipa de goberno na beira Norte do Canal da Florida, despacha aínda actas de votos denunciadas e declara que non ten chegado a hora de liquidar o bloqueo malia o fracaso completo e inhumanidade deste recurso contrario a dereito e fardel  infame nas biografías de doce presidentes anteriores.

Xa hai tempo que o bloqueo de Cuba é o máis longo da historia e malia a súa incidencia letal sobre a economía dunha illa sen recursos, o goberno socialista enfrontou a pandemia con mellores resultados que os países do seu entorno. “Son razóns para o optimismo que unha crítica profunda dos  nosos erros libere potencialidades, que poñamos na dirección do país a xeración que saíu curar o mundo e que pronto disporá  dos tres nomes que son resumo  da intelixencia e o saber que o socialismo sementou en Cuba: Soberana, Abdala e Mambisa”, dí Iroel Sánchez falando deste importante Congreso.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *