Reclaman a restauración da estatua de Martí en Vigo, na celebración do seu 167 aniversario

En primeiro termo, a dereita, a Cónsul Xeral de Cuba e a presidenta da Francisco Villamil, sábado pasado por auga nos xardín de Montero Ríos de Vigo.

Terra Sen Amos

Arredor da estatua de Martí na beiramar central de Vigo, a solidariedade con Cuba en Galiza honrou a data do 167 aniversário do nacemento do Pai da Patria Cubana, nunha xuntanza convocada pola Asociación Francisco Villamil . Erea del Rio, presidenta da Asociación, presentou a ofrenda de flores, á beira da Cónsul Xeral de Cuba en Galiza e Astúries, Yahima Martínez Millán, que reclamou a restauración da estatua de Martí. Entre o público, membros da dirección local do BNG, CIG, En Marea, EU, PCPG e Asemblea da República así como Martín Pacheco, cónsul xeral da República Bolivariana de Venezuela en Vigo; unha representación do consulado da Re pública Arxentina, e o poeta e arquitecto do I Plan Caracas, Farruco Sexto, asignado ao Consulado de Venezuela en Vigo, e Xosé Luis Méndez Ferrín e Xacinto Barreiro entre outras persoas.

O compromiso de Martí coa independencia de Cuba, precede a súa maioría de idade, segundo o relato de Erea del Rio que abriu o acto:  “Aos 17 sufriu un conselho de guerra por escribir unha carta na que cualificaba de traidor a un condiscípulo seu, crioulo, que se inscribira como cadete no Corpo de Voluntarios da colonia”. Encadeado con zuncho de ferro sobre o cadril e unha bola con máis peso ca o seu levián corpo, Martí pasa por traballos forzados coa dignidade de quen xa ten resolto pór  a súa vida ao servizo da liberación nacional. “A colosal figura de Martí representa a dignidade de Cuba fronte ao incremento do cruel bloqueo, nun proceso que ven dende  1868 co Pacto do Zanjón e que continúa na guerra necesaria do 1895. O pensamento de Martí está máis vixente ca nunca e é clave para entendermos o proceso actual de toda América Latina”,  dixo a presentadora antes de citar a Francisco Villamil, emigrante de A Veiga a Cuba, nomeado xeral da tropa mambisa que emprende en 1872 a invasión da illa dende Santa Clara. A condena dos recentes actos vandálicos cometidos en Cuba por uns delincuentes contra a figura de José Martí, aldraxando unha figura exemplar para todo o pobo cubano, tanto polo seu ideario latinoamericanista como polo seu pensamento descolonizador, foi recibida por un aplauso do público.

Yahima Martínez Millán, Consul Xeral de Cuba en Galiza e Astúries, dixo que en Martí déranse cita caracteres de home comprometido, brillante orador, pensador insigne, crítico de arte, poeta, precursor do modernismo, mestre, ensaísta, visionario, político e revolucionario. “Nada do humán lle foi alleo e trascendeu a biografia e a Historia cando dixo Patria é humanidade”.

Martí consagrouse como organizador da Guerra da Independencia de Cuba no século XIX e inspirou a Revolución que acabou coa ditadura  en 1959.  O seu mérito foi asemade o de concienciar a todos os pobos da Nosa América. A poucas horas de perder a vida no campo de batalla escrebe “xa estou a diario en risco de dar a vida polo meu pais e de evitar a tempo, coa independencia de Cuba, a invasión dos soldados dos EUA e que caigan con esa forza sobre as nosas terras de América…”.

A Cónsul dixo que as campañas mediáticas inimigas difunden un falso chamamento a liberación de Cuba que val para aldraxar Martí e os símbolos patrios, baixo reclamo dun presunto dereito á liberdade criativa ou para aquelaren o mercado de criminais e mercenarios pagados con fondos do goberno dos EUA, e profanar monumentos do Apóstol ou prexudicar Cuba. “Representan a decadencia dun grupo de cubanos que perderon a esencia do ser fronte outros que traballamos pola unidade e a solidariedade”.

Yahima Martínez Millán fixo referencia directa ao pésimo estado de conservación do monumento a Martí en Montero Rios e recordou que, para a cubanía, calquera desleigo co símbolo da nación é intolerábel: “Martí non pode estar descoidado polo que representa para a humanidade e por iso renovo o meu compromiso de realizar as xestións necesarias para restaurar este monumento”. Un aplauso unánime do público, agradeceu estas palabras da Cónsul que confirman un comentario publicado no “Faro de Vigo” da mesma data, como parte do anúncio da homenaxe a Martí.

Antón Sánchez acompañou con gaita tumbal o Himno de Galiza e a seguir foi entoada a Bayamesa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *