RELACIÓNS CIENTÍFICAS CUBA-EE.UU.

 Michael T. Clegg e Sergio Jorge Pastrana

Nuns poucos anos, as dúas academias nacionais de ciencias máis antigas do mundo fóra de Europa- as dos Estados Unidos e Cuba- celebrarán o seu aniversario 150. No entanto, malia a proximidade de ambas nacións e de moitos intereses científicos comúns, o embargo estadounidense sobre os intercambios con Cuba, que comezou desde 1961 e actualmente baséase na lei Helms-Burton de 1996 e regulacións subseguintes, bloqueou en gran medida os intercambios científicos. É hora de establecer unha nova relación científica, non só para atender retos compartidos en saúde, o clima, a agricultura e a enerxía, senón tamén para comezar a construír as bases dunha cooperación noutras áreas.

As restriccións á cooperación científica entre Cuba e os Estados Unidos privan a ambas comunidades científicas de oportunidades que poden beneficiar ás nosas sociedades, do mesmo xeito que a outras do noso hemisferio, particularmente no Caribe. Cuba destácase cientificamente no manexo e mitigación de desastres, na produción de vacinas e na epidemioloxía; pero os científicos cubanos poden beneficiarse aínda máis do acceso a instalacións de investigación que están máis aló das posibilidades de calquera país en vías de desenvolvemento e a comunidade científica dos Estados Unidos pode beneficiarse da ciencia de alta calidade que se desenvolveu en Cuba.

Por exemplo, Cuba atópase tipicamente no paso dos furacáns que se desprazan cara aos Estados Unidos continentais e que traen gran destrución, como foi o caso do Furacán Katrina e de novo o mes pasado o Furacán Ike. Os científicos e enxeñeiros cubanos aprenderon a protexer as poboacións ameazadas e a minimizar os danos. Malia que o furacán Ike estaba rexistrado como categoría 3 cando golpeou a Cuba, houbo menos perda de vidas logo de tres días de impacto, que as ocorridas cando máis tarde golpeou en Texas como un furacán de categoría 2. Compartir os coñecementos nesta esfera benefícianos a todos.

Outro exemplo importante no que a cooperación científica puidese salvar vidas é a extensa experiencia de investigación cubana sobre enfermidades tropicais, tales como o dengue. Esta enfermidade viral é epidémica nos trópicos, notablemente nas Américas, pero un dos primeiros brotes rexistrados tivo lugar en Filadelfia, no século XVIII. Hoxe, un dos centros máis sobresalientes do mundo dedicados ao estudo do dengue está en Cuba e aínda que é moi activo na cooperación científica con América Latina e África, case non interactúa con científicos estadounidenses. O dengue é unha ameaza para os Estados Unidos continentais e compartir recursos do coñecemento para contrarrestar brotes da enfermidade sería un investimento na seguridade de saúde de ambos pobos.

Cuba tamén deu importantes pasos na biotecnoloxía, incluíndo a produción de varias importantes vacinas e anticorpos monoclonais. A investigación en Cuba continua expandíndose en diversos campos, que van desde os tratamentos contra as adiccións ata a preservación da biodiversidade. Os científicos cubanos participan da cooperación en investigacións con moitos países, incluíndo ao Reino Unido, Brasil, México, China e a India. Con todo, non hai ningún programa de cooperación na investigación con ningunha institución científica dos Estados Unidos.

O sistema de valores da ciencia -apertura, comunicación compartida, integridade e un respecto polas evidencias- ofrece un marco para o intercambio aberto e puidese auspiciar enfoques baseados na evidencia que se trasladen desde a ciencia ás areas da sociedade, a economía e a política. Ademais de permitir nivelar mutuamente coñecementos e recursos, os contactos científicos puidesen construír importantes lazos culturais e sociais entre os pobos. Un recente informe do Consello de Relacións Exteriores argumenta que os Estados Unidos necesitan reconstruír o seu compromiso coa América Latina porque xa non son a única forza significativa deste hemisferio. As políticas estadounidenses que son vistas como penalizando inxustamente a Cuba, incluíndo a imposición de limitacións ao comercio que se estenden ata limitar as relacións científicas, seguen minando a posición dos Estados Unidos en toda a rexión, especialmente porque nin Cuba nin ningún outro país do hemisferio, impuxo este tipo de regulacións.

Para comezar, reclamamos que a actual licenza que permite viaxes limitadas de científicos estadounidenses a Cuba, segundo dita a Oficina de Control de Activos Estranxeiros do Departamento do Tesouro dos Estados Unidos, sexa ampliada de forma que permita unha cooperación directa en investigacións. Á vez, Cuba debe favorecer o aumento do intercambio científico. Permitir aos científicos que se relacionen plenamente non só apoiará o desenvolvemento en ciencias, senón que tamén puidese favorecer interaccións positivas noutras frontes para promover o benestar humano. O embargo dos Estados Unidos a Cuba limitou os intercambios nos últimos 50 anos. Permítannos celebrar os nosos mutuos aniversarios dando inicio a unha nova era de cooperación.
Sergio Jorge Pastrana é o Secretario de Relacións Exteriores da Academia de Ciencias de Cuba.

Michael T. Clegg é o Secretario de Relacións Exteriores da Academia Nacional de Ciencias dos Estados Unidos.

Fonte: Rebelión

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará