Roberto Fernánde Retamar: risco e verdade

Xosé Maria Álvarez Cáccamo – Terra Sen Amos

“Creo na poesía de risco e verdade, que xorde necesariamente dunha situación concreta, non nos moldes nin nas fórmulas. Creo na vertixinosa complexidade do ser humano, na vida. Por isto unha poesía pode ser e acaso debe ser política e íntima, esperanzada e amarga, humorística e dolorosa. Sendo nós así, en medio das grandes experiencias que nos tocou o privilexio de compartir”.

Moitos somos os lectores e lectoras a quen nos tocou o privilexio de compartir a palabra poética de Roberto Fernández Retamar, destinada á comunicación vibrante e cordial cos seus destinatarios e fundamentada nos alicerces que con tan notábel lucidez se expresan na anterior declaración de principios, un fragmento do prólogo do autor ao seu libro Palabras de mi pueblo, de 1985. Son certezas moi semellantes ás que dirixiron, por exemplo, a escrita de Celso Emilio Ferreiro, a que el chamaba a súa Antropoética, afirmación do compromiso radical coa vida e o destino do ser humano, que inclúe, naturalmente, alén da manifestación da intimidade, a da solidariedade de dimensión política. Son as poéticas da experiencia integral, que sobardan definitivamente o estreito marco do social realismo, a consigna elemental, o alegato de intención pedagóxica.

Contra aquelas liñas de elemental deseño e ineficaz resultado estético e mesmo político, Roberto Fernández Retamar, nado en La Habana en 1930 e falecido na súa cidade o pasado día 20 de xullo, comparte cos lectores e lectoras certezas e dúbidas de cerna persoal, a confidencia autocrítica, a memoria e a afirmación do amor familiar, a nostalxia, a paixón íntima tanto como a de alcance colectivo. Viviu Retamar o compromiso revolucionario como consecuencia inevitábel da emoción humana e política propias, porque, fronte ao molde ou a fórmula, el apostou pola “poesía de risco e verdade, que xorde necesariamente dunha situación concreta”. Como neste verso: “Coas mesmas mans de agarimarte ando a construír unha escola”.

Na mesma dirección que seguen os seus compañeiros e compañeiras xeracionais, os da primeira promoción da Revolución, entre eles Fayad Jamis, Pablo Armando Fernández, Heberto Padilla, César López ou Nivaria Tejera, Retamar orienta o seu discurso na procura de novas inflexións comunicativas, de formato conversacional. A partir dos anos da Revolución a súa poética singularízase polo uso dunha moi especial fórmula de equilibrio entre o substrato simbolista da súa formación e o fluír quebrado dunha conversa que obedece o ritmo espontáneo do pensamento e se alonga en formato de verso expandido, de versículos que se abren en fugas de amplificación ou demoran en pausas reflexivas e evocativas. Domina o poeta os aparellos dun oficio e a norma dun estilo notabelmente singular, unha fala poética que, en palabras do crítico Cintio Vitier, consegue recoller “o estrépito silandeiro das cousas” e, en moi acertada visión de Federico Álvarez, se caracteriza pola súa “extraña densidade aérea, ingrávida”. 

Eu sentinme felizmente obrigado a procurar os matices sensíbeis dese silandeiro estrépito, da ingrávida densidade aérea da poesía de Roberto Fernández cando me ocupei na tradución ao galego dunha selección da súa obra, que editou Galaxia en 2008 e que se titulou Conversa. Tiven entón a oportunidade de coñecer con vagar suficiente e desde unha ollada necesariamente analítica a súa obra poética completa, que xa me seducira na mocidade, cando lera, nos primeiros 70, o seu libro Algo semejante a los mostruos antediluvianos. O propio autor, no momento en que o coñecín en La Habana no ano 2008, na compaña de Neira Vilas, case pediu desculpas pola chocante proposta daquel título, cita de Maiakovski. O libro, destinado á colección El Bardo, titulábase inicialmente Que veremos arder, denominación que coincidía coa dun poema do mesmo volume onde se evocaba a loita dos revolucionarios de Sierra Maestra e que fora suprimido pola censura franquista, polos monstruos antediluvianos do fascismo español. Os editores consideraron en consecuencia que tal promesa de lume liberador no debía ser pronunciada tampouco na cuberta nin na portada do libro, que foi rebautizado co absurdo título ao que eu fixera referencia no meu encontro con Retamar.

Desde aquela e logo de confirmado o encargo do meu labor de tradución de Retamar, outros títulos seus viñeron a ampliar o meu coñecemento e admiración pola súa obra: Alabanzas, conversaciones (1955),  Con las mismas manos (1962), Buena suerte viviendo (1967), Juana y otros poemas personales (1981), Hacia la nueva (1989), Aquí (1995), Hemos construído una alegría olvidada. Poesías escogidas 1949-1988. Desde aquela tamén, através do correo postal e do electrónico, disfrutei dunha fantástica oportunidade, a de ir tecendo unha moi grata conversa de amizade arredor da vida e da poesía cun home apaixonado, entregado á causa da Revolución Cubana, intelixente, xeneroso e cordial, cuxa personalísima voz poética reflicte de xeito natural a figura da súa persoa, que, lamentábelmente, xa non veremos máis arder. Arde, segue a arder, iso si, a súa palabra de grande poeta.

Xosé María Álvarez Cáccamo, Vilaboa, Xullo 2019

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará