¿SABE QUE HAI CINCO CUBANOS PRESOS NOS CÁRCERES DE EE UU POR LOITAR CONTRA O TERRORISMO?

O 12 de setembro de 1998, o FBI detivo a Gerardo Hernández, Ramón Labañino, Antonio Guerrero, Fernando González e René González, acusados de ser axentes non rexistrados do Goberno Cubano. A súa única misión era penetrar nos grupos da mafia anti-cubana que operan impunemente en Miami para desvelar os seus planos terroristas contra o pobo cubano. Ningún deles tiña antecedentes penais, nunca foran acusados de violar a lei ou transgredir ningunha norma ou regulación; non posuían armas nin estiveran involucrados xamais en actos de violencia ou disturbios de ningún tipo. Con todo, foilles negada a posibilidade de acollerse á liberdade baixo fianza.

Desde o mesmo día do arresto, foron sometidos a confinamento solitario en cinco prisións diferentes, pechados no chamado burato durante 17 longos meses.

O xuízo celebrouse en Miami nun clima de hostilidade cara os detidos, alentada polos mesmos que conceden entrevistas a medios informativos alardeando das súas actividades delictivas contra cuba. Os membros do xurado residían en Miami; estaban sometidos a constante presión; ningún se atrevía a ser imparcial. O seu veredicto coñecíase de antemán.

Ningún cargo contra Os cinco foi probado, excepto o feito de non rexistrarse como axente estranxeiro, pero ¿que tería sido deles se aqueles aos cales vixiaban soubesen a súa identidade?

Ante a falta de probas, foron acusados de “conspiración para cometer espionaxe”. As desproporcionadas condenas respondían a unha manobra na que participaban recoñecidos terroristas como Orlando Bosch e Posada Carriles, acusados e condenados por innumerabeis crimes; entre eles, planear e ordenar a voadura dun avión de Cubana de Aviación con 73 pasaxeiros a bordo. Orlando Bosch e Freddy Lugo -compinches de Posada Carriles- nunha entrevista coa xornalista venezolana Alicia Herrera confesaron: “Puxemos a bomba…¿e que?”
Ao longo de 46 anos, son innumerabeis as agresións terroristas que Cuba sufriu, provocando a morte de máis de 3.000 persoas e máis de 2.700 feridos; gran parte desas agresións foron preparadas desde Miami.

Cuba nunca invadiu un país, nunca provocou conflito de ningún tipo contra outros pobos, pero Cuba ten dereito a defenderse.

TERRORISMO ANTICUBANO

O 22 de agosto de 2001, The Miami Herald publicou un anuncio a páxina completa no que unha organización denominada Foro Patriótico Cubano establece entre os seus principios “o recoñecemento e apoio ao uso de calquera método na loita contra Cuba”. Un dos asinantes é Orlando Bosch.

O 6 de decembro de 2005, José Basulto, xefe da organización Hermanos al Rescate, nun programa de televisión de Miami, afirmaba que “as actividades terroristas contra Cuba sempre gozaron da tolerancia do FBI”. El mesmo presumiu de ter disparado cun canón de 22 mm desde unha lancha rápida contra un hotel da Habana sen que ata agora o FBI lle teña feito a menor pregunta.

REOS DE BUSH

Ademais das desproporcionadas sentenzas dos Cinco, a Gerardo e a René, impónselles un dobre castigo: prohíbeselles que vexan as súas esposas, ás cales hai máis de seis anos que lles é negada a entrada en territorio de EE UU, violando tanto as normas esenciais norteamericanas como o Dereito Internacional Público.

Gerardo, René, Fernando, Ramón e Antonio levan máis de sete anos en prisión. O goberno estadounidense ignorou a decisión do Grupo de traballo da ONU sobre Detencións Arbitrarias. Tamén ignorou o veredicto da Corte de Apelacións do Undécimo Circuíto de Atlanta, que o pasado 9 de agosto anulou o proceso contra os Cinco e revogou as súas condenas. Eses cinco heroes están hoxe “secuestrados”, xa que non hai cargos contra eles. Non foron xulgados por ter violado as leis estadounidenses, senón porque co seu traballo¬ –ao infiltrarse nas redes criminais que existen abertamente na Florida- revelan a hipocrisía da loita contra o terrorismo e a dobre moral do Goberno do Presidente Bush, que bombardea pobos en nome da “loita antiterrorista” e acolle con beneplácito na súa propia casa a terroristas confesos.

Intelectuais, artistas, traballadores, escritores, foros sociais, organizacións de solidariedade, etc. teñen denunciado o trato inhumano que sofren os Cinco, as irregularidades do proceso e a violación das propias leis norteamericanas neste caso; incluso organizacións como Amnistía Internacional -pouco sospeitosa de simpatía cara a Cuba- dirixiron unha carta ao Departamento de Estado de EE UU compartindo as dúbidas legais que orixinaron o proceso.”(…)En calquera caso, dito rexeitamento de visitas familiares aos prisioneiros implica un aumento significativo das penas dos mesmos. No presente caso, isto é aínda de maior preocupación, dadas as serias dúbidas que xurdiron acerca da xustiza e imparcialidade con que se ditaron as sentenzas (…)”.

Gerardo, René, Fernando, Ramón e Antonio, son vítimas irrefutabeis dunha política de demagoxia, engano e terxiversación do Goberno do Presidente dos EE UU en canto á loita contra o terrorismo. Estes cinco heroes, verdadeiros loitadores contra ese flaxelo, son reos da irracionalidade da administración Bush, quen estendeu a tortura a que os somete ás súas esposas e fillos. Ante a inmoralidade dese execrabel crime de lesa xustiza, instamos a todas as persoas de ben (que, por sorte, son a maioría aplastante da humanidade) a multiplicar os seus esforzos para lograr a inmediata liberdade para os Cinco.

DECISIÓN DO GRUPO DE TRABALLO DA ONU SOBRE DETENCIÓNS ARBITRARIAS

“En vista do procedemento, o Grupo de Traballo emite a seguinte opinión:
A privación de liberdade dos señores Antonio Guerrero Rodríguez, Fernando González Llort, Gerardo Hernández Nordelo, Ramón Labañino Salazar e René González Sehwerert é arbitraria, está en contravención do artigo 14 da Convención Internacional de Dereitos Civís e Políticos.

Tendo emitido esta opinión, o Grupo de Traballo solicita ao Goberno que adopte as medidas necesarias para remediar esta situación, de conformidade cos principios expresados na Convención Internacional de Dereitos Civís e Políticos. (Adoptado o 27 de maio de 2005)

CONSIDERACIÓNS E CONCLUSIÓN DO UNDÉCIMO CIRCUÍTO DE APELACIÓNS DA CORTE DE ATLANTA

Consideracións

“Cando os xurados son seleccionados entre unha comunidade na que son evidentes os sentimentos de hostilidade cara a un acusado (…) a Corte debe examinar os diferentes métodos dispoñibeis para asegurar un xurado imparcial. Estes métodos inclúen (…) conceder un cambio de sede cando unha comunidade estivo repetida e profundamente exposta a unha publicidade do caso”.

“Coformar un xurado imparcial nesta comunidade (Miami) era unha probabilidade pouco razoabel debido ao prexuízo existente na mesma. A comunidade na súa totalidade é sensibel e está permeada polos intereses da poboación cubana exiliada.”

“A percepción de que estes grupos de exiliados cubanos podían inferir danos aos xurados que emitisen un veredicto desfavorabel aos seus puntos de vista, era palpabel.

É incuestionabel que a publicidade relativa a Elián González continuou durante o xuízo, incitando e inflamando as paixóns entre a comunidade de Miami Dade.” Nestas circunstancias, “non había maneira razoabel de asegurar un xuízo xusto mediante un aprazamento do mesmo ou por um proceso de selección do xurado; por tanto, impoñííase un cambio de sede.”

Conclusión
“Á luz de todos os argumentos expostos, as condenas dos acusados son revogadas e ordenamos a realización dun novo xuízo.”
(Atlanta, 9 de agosto de 2005)

EE UU non respecta os dereitos humanos
Liberdade para os cinco

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará