Sen dúbida, Cuba!

EUA negoulle atraque ao Braemar; Cuba acolleuono e prestoulle axuda.

Eddy Jiménez – Terra Sen Amos

En tempos de Covid-19, camións-cisternas con canóns de auga valen indistintamente en Latinoamérica para reprimiren manifestantes e para limpar rúas; en Cuba temos un problema: non che hai eses vehículos pois levamos máis de sesenta anos sen reprimir manifestacións.

De noite, resoan concertos de tixola nas cidades latinoamericanas en protesta por os gobernos desatenderen a saúde no medio do andacio; mais asi que chegan as nove da noite, en Cuba aplauden aos traballadores da saúde cubanos que, a máis de na illa, combaten contra o Covid-19 en quince países, á maiores dos máis de vinte mil que asisten enfermos en case todos os continentes.

Polo mundo adiante, asusta ver tropa militar nas rúas; en Cuba os hospitais militares atenden doentes e fan probas a quen presenta sinais de contaxio.

O trasatlántico británico MS Braemar , sen ter quen lle dese un porto de atraque, nin sequer  nos do poderoso veciño estadounidense e navegando con cinco persoas abordo diagnosticadas de Covid-19 e dúcias de sospeitosos de padeceren o virus, entrou no porto cubano de Mariel. Cuba non preguntou quen eran os viaxeiros millonarios e quen os humildes traballadores do trasatlántico; todos, por igual, foron auxiliados e transladados ao aeroporto, no medio de efectivas medidas sanitarias.

Case ao tempo destes feitos, varios aeroportos do Caribe negáronlle permiso para repostar a un avión da compañía alemá Condor,  que cubría un vóo humanitario de repatriación, con 221 pasaxeiros, dende Managua, Nicaragua, cara a Francoforte. Había ser a miña Cuba, en tempos de pandemia, a que lle dese pista e asistencia no aeroporto de Holguín para poder seguir rumbo seguro cara ao seu destino.

Nunca se poderá saber cantas persoas salvaron a vida no mundo grazas ao Interferón Alfa 2B Humano Recombinante, medicamento antiviral creado en Cuba e producido na nosa Illa e na China con tecnoloxía cubana, un dos fármacos máis utilizados contra o Covid-19, solicitado por máis de 45 países.

Millóns invisten as autoridades estadounidenses para desinformar sobre a realidade cubana, e, arestora, para desvirtuar e denigrar o apoio que brindamos, sen distingo ideolóxico, a calquera país que o solicite. Chegan até o cinismo de ameazar aos que piden axuda médica a Cuba. Dá noxo!

Cuba entende que salvando sálvase. É ese noso histórico sentir, non de agora senón dende o século XIX.

Non é meu propósito entrar en disquisiciones políticas; só digo que me sinto orgulloso de ser cubano. Se outravolta me desen escoller o sitio onde nacer, resoltamente e axiña, berraría: “Sen dúbida, Cuba”!

*Eddy Jiménez, xornalista e escritor cubano, amigo de Galiza.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará