Sesenta anos sen embaixador imperial en Cuba

Rosa Miren Elizalde – La Jornada

O arquipélago cubano cabe 90 veces nos EUA. Non ten litio, nin grandes reservas minerais; até hoxe non apareceu, como en México, un pozo que acorde a cobiza adoecida da industria petroleira. Cuba é un palmar no medio da mar oceana, dixo José Fornaris, poeta romántico do século XIX. Para Jean-Paul Sartre, era unha illa amarrada ao ciclo infernal da cana de zucre. En Furacán sobre o zucre (1961), procurou Sartre as razóns da Revolución de 1959.

Sen riquezas coma as de Bolivia, Venezuela ou México, e sen ser ameaza para EUA, a obsesión histórica do goberno de Washington por controlar Cuba, chegou a extremos que sobardan a razón.

Para o Día dos Dereitos Humanos (10 de decembro) a administración Trump prohibiu todos os voos dende EU a Cuba, agás os que teñan comodestino a Habana. O congresista demócrata James McGovern,  dixo que semellante chasco político non era propio nin dun lapaberzas. Coma se non arretegasen abondo a Cuba, nunha reunión ultra-secreta na que o vicepresidente Mike Pence abordaba o fracaso das políticas dos EUA contra Venezuela, transcendeu que aumentarían a presión sobre a illa, á que responsabilizaban da firmeza de Nicolás Maduro, mentres o auto-proclamado Juan Guaidó perde aire. O embaixador dos EUA ante a OEA, Carlos Trujillo, dixo en La Voz de las Américas que Habana tiña culpa da presa e do retraso e mesmo das revoltas de Chile, Colombia e Bolivia. Todo o lote nunha soa semana.

Ao cabo de 60 anos de Bloqueo fracasado, o pesadelo do goberno dos EUA é patolóxico.

E como non? Coa borrasca do impeachment (voto de censura) a Trump e a escandaleira de 20 anos de mentiras da Casa Branca sobre Afganistán, fica en segundo lugar a remontada do goberno de Washington contra Cuba, que inza arreo dende xuño de 2017 até hoxe e que desbarata os temesiños pasos de Barack Obama para achegarse á illa, se cadra co anceio de gañala por outros medios.

Atafega acordarmos cada abrente en Cuba con renovadas ameazas e sancións do Norte, pero non nos causa sorpresa. Fidel Castro, o cubano que mellor coñeceu a Estados Unidos, nunca creu que a mellor versión de Obama poidese actuar contra a natureza instintiva dunhas relacións que naceran, no século XVIII, baixo lóxicas imperiales. “Moitos soñan que, cun simple cambio de mando, o imperio vai ser máis tolerante e menos encirrado.  Sería inxenuidade crer que as boas intencións dunha persoa intelixente poderían mudar o que séculos de intereses e egoísmo crearon”, escribiu Fidel nunha das súas Reflexiones, 15 novembro de 2008.

O líder cubano lembrou que a poucos anos de proclamar a súa independencia en 1776, os gobernantes dos EUA fixaron os seus intereses na illa caribeña á que vían como un apéndice natural da Florida. John Quincy Adams, sexto presidente de EU, chegou a dicer: “Hai leis de gravitación política, así como hainas de gravitación física, e así Cuba, separada pola forza da súa conexión non natural con España, terá que vir cara á Unión Norteamericana”. As ofertas de comprar a España a pérola da súa coroa no Caribe, non tardaron en chegar antes da Guerra de Secesión.

En 1960, o ex embaixador dos EUA na Habana, Earl E. T. Smith, declarou ante unha sub-comisión do Senado: “Até o arribo de Castro ao poder, Estados Unidos tiñan en Cuba unha influencia de tal xeito irresistibel, que o embaixador estadounidense era o segundo persoeiro do país, por veces máis importante ca o presidente cubano”. Poucos analistas viron un alarde de inmodestia nesta declaración que recolle Eduardo Galeano no seu libro “As veas abertas de América Latina”, e que expresa o aldraxe e dependencia que caracterizaron os anos que van dende a derrota militar da antiga metrópoli española en 1898, até a Revolución cubana, en 1959.

Os EUA seguen sen comprender o que significou unha revolución a 90 millas das súas costas, unha cura de cabalo, ao dicer de Sartre no seu antolóxico ensaio de 1961, na que a sociedade “créba ósos a golpe de martillo, derruba as súas estruturas, revolve institucións, transforma o rexime da propiedade e redistribue os seus bens, orienta a súa produción seguindo outros principios, trata de aumentar o máis rápidamente posibel a súa taxa de crecemento e, no momento de destrución máis radical, busca reconstruír e procurarse, mediante enxertos de ósos, un esquelete novo”.

A longo de 60 anos, esta cura de cabalo foi para algúns un espectáculo; para outros, un misterio, un suicidio, un escándalo, ou un fermoso desafío. O cerne do asunto é que eses 60 anos pasaron sen embaixador yanqui como personaxe protagónico do teatro político local.

A estas alturas, o pesadelo do Imperio é patolóxico. Enténdese ben.

Fonte: http://www.xornada.com.mx/2019/12/12/opinion/017a1pol



Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará