Só Estados Unidos e Israel votan na ONU por manter o bloqueo de Cuba

A Asemblea da ONU condenou por 186 votos o bloqueo dos Estados Unidos contra Cuba. A prol da intervención contra a illa en desafío da Lei internacional, só o voto de Israel acompañou ao do governo que aplica a ilegal medida dende hai máis de 50 anos.

Dous votos contra todo o mundo. O foro por excelencia das Nacións Unidas, aprobou unha resolución titulada “Necesidade de rematar o bloqueo económico, comercial e financeiro imposto polos Estados Unidos contra Cuba”, na que recorda os compromisos dos asinantes da Carta de San Francisco en defensa da igualdade soberana dos Estados e a non inxerencia entre nacións.

Bruno Rodríguez Parrilla, ministro cubano de Estado, dixo que o dano económico ocasionado ao povo cubano co bloqueo xa se aproxima ao billón de dólares. “O que o governo dos Estados Unidos quere mudar, non vai mudar: o governo de Cuba será o governo do povo, polo povo e para o povo”, dixo o ministro.

Só Estados Unidos e Israel votan na ONU por manter o bloqueo de CubaSalim Lamrani, profesor da Universidade Paris-Descartes, recorda no seu último libro que as sancións económicas unilaterais de Estados Unidos contra Cuba comezaron a aplicarse en plena Guerra Fría co obxectivo de derrocar o governo revolucionario. “Máis de cincuenta anos despois, desaparecida a Unión Soviética e a Guerra Fría convertida nun recordo, Washington persiste en manter un estado de sitio económico que asfixia a todas as categorías da povoación cubana e que afecta en primeiro lugar aos sectores máis vulnerabeis”, escrebe Lamrani.

A resolución da Asemblea da ONU que condena directamente aos Estados Unidos, non foi noticia para as grandes axencias do Norte e, por extensión, foi silenciada nos medios dominantes da UE.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *