Sobre a negada existencia do imperialismo

Venezuela non está soia contra o imperialismo.

Farruco Sesto – Mar de Leva, El Correo del Orinoco

Non hai tal cousa coma o imperialismo. Eis o que asegura o imperialismo mesmo e confirma con voz coral e unánime a súa parroquia. O imperialismo non existe.

Polo que din, a idea mesma da existencia do imperialismo  é unha leria hai tempo inventada pola esquerda internacional e agora defendida, entre outros inimigos das liberdades, polo castrochavismo bolivariano e comunista que o que busca e rachar a paz e a orde instituidas en Occidente.

O imperialismo, ao que Mao dera nome  de tigre de papel, non existe.

O imperialismo que Fidel chamaba becho, barracuda, tabeirón, abutre e todas as alimañas xuntas, non existe.

O imperialismo, que en palabras de Chávez é demo verdadeiro, non existe.

Asi que xa están avisados.

Porque o máis terríbel do seu o paradoxo cernal de ser e non ser, é que o imperialismo armou a pé feito un mundo no que ti estás ao seu dispor, e para o seu invento funcionar a xeito, aplicouno coa política do pan e a vara.  Para o caso, o pan é a vara,  e a vara, nin que dicilo, é partirlle o brazo e a vida ás nacións que non obedezan. Mesmo para levalas  a agonía, se for preciso.

Para conseguilo, manexa a fórmula seguinte, que sen ser gramaticalmente un imperativo, sí que o é xeopoliticamente:  ou entregas a alma e as materias primas ao Imperio e lle ris as charamanduscas ou terás que pagar as consecuencias.

Decatácheste? Quedou ben claro o asunto? Non existe o imperialismo. Xa dixeran sabios doutores que non hai nada diso. Está máis que demostrado.

Mais ti pórtate ben, non vaia ser o caso, e non cultives idea ningunha de soberanía: non permitas que che corra polas veas nin pinga de sangue emanciapador, non ergas sobre as cadeas que te asoballan, non fales de amor, de xustiza, de dignidade, de independencia, e non te me xuntes co arruallo reblde da historia insurxente. Como tal fagas, hante chamar régimen que ven sendo o máis estartaleirado que se pode ser.

Agás que queiras ser ti mesmo, porque iso ten un prezo.

Prezo que moitos pobos dignos pagaron con demasía, e ainda coidan que lles valeu ben a pena.

*Farruco Sesto Novás foi ministro de Cultura do goberno venezolano e milita no Partido Socialista Unido de Venezuela.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *