Suma de esforzos contra o Bloqueo, proposta do XV Encontro de Solidariedade con Cuba

Cubainformación – Rivas Vaciamadrid

Compre organización eficiente e suma de esforzos para o Movemento de Solidariedade con Cuba poder colaborar de feito na defensa da Revolución contra o acrecentado cerco imperialista, logo de 60 anos de Bloqueo. Eis o obxectivo proposto pola asemblea  do XV Encontro de Solidariedade con Cuba do Estado español, celebrado do 7 ao 9 de xuño, na localidade madrileña de Rivas-Vaciamadrid, con máis de 200 delegadas e delegados, entre eles Erea del Rio Iglesias, presidenta da Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil e o ex-presidente Ramón Fernández Leal.

Douscentos delegados e delegadas porfiaron pola mellor defensa da Revolución contra o cerco imperialista. (Foto de Cubainformación

Sexta 7, Fernando González LLort, presidente do Instituto Cubano de Amizade cos Pobos (ICAP) e Heroe da República de Cuba, definiu as propostas desta institución ao Movemento de Solidariedade; Enrique Ubieta, director de revísta Cuba Socialista, falou de “Revolución Cubana: presente, pasado e futuro”.

Sábado 8, realizáronse cinco palestras simultáneas: “Fidel: a ética revolucionaria”, “Cuba solidaria: solidariedade internacionalista e antiimperialista. O Mundo solidario con Cuba”, “Agresións contra a Revolución cubana: bloqueo, soberanía territorial”, “Revolución cubana e Estado socialista” e “Medios de comunicación”.

José Luís Rodríguez García, asesor do Centro de Investigacións da Economía Mundial de Cuba e exministro de Economía e Planificación, presentou dúas ponencias: “Economía: do Periodo especial á nova Constitución” e “Bloqueo á economía cubana”.

Yailín Orta, deputada do Poder Popular e directora do diario Granma, falou de “Cambios nos medios de Comunicación en Cuba, retos e transformacións”, nunha mesa xunto ao coordinador de Cubainformación José Manzaneda, que presentou o libro Cuba: verdades e mentiras.

Domingo 9, Luís Suárez Salazar disertou sobre “O ALBA e a ofensiva imperialista en América Latina”, e Claudia Camba, presidenta de Fundación arxentina Un Mundo Mellor é Posibel (FUMMEP) e coordinadora da cooperación cubana en Arxentina, tratou de “O internacionalismo cubano ameazado”.

Sexta feira, o grupo musical Juanjo Anaya y Los Incrédulos, xunto a Arita Mitteen, realizaron un concerto de homenaxe ao trovador Quintín Cabrera. Sábado, tocaron Orlis Pineda, Ismael da Torre, Mala Praxis  e Repercusión.

Como nos últimos encontros, realizouse a entrega do premio ao medio máis mentireiro contra Cuba, que neste ano foi para a canle televisiva La Sexta.

No plano de acción, as organizacións comprometéronse, entre outros aspectos, a realizar unha campaña unitaria contra o Bloqueo e a Lei Helms-Burton, e a profundar na aplicación do Plan de Medios de Comunicación do Movemento de Solidariedade, aprobado no anterior XIV Encontro, realizado en Bilbao. Neste Plan, Cubainformación considérase ferramenta estratéxica fronte á guerra mediática.

O Embaixador de Cuba en Madrid, Gustavo Machín Gómez, pronunciou as palabras de despedida do evento.

Reportaxe sobre o XV Encontro, realizado pola Equipa de Cubainformación TV en Madrid: Ana Gil, Esther Jávega, Lázaro Oramas e José Manzaneda:



Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará