Arquivo da etiqueta: Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil

CONVOCATORIA DO II ENCONTRO LUSO-GALEGO DE SOLIDARIEDADE CON CUBA, A CELEBRAR EN PORTO O 16 DE XUÑO

As Asociacións de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil” e “Porto Com Cuba”, convocan o II Encontro de Solidariedade con Cuba, a celebrar en Porto 16 de xuño. A asemblea de apoio a Cuba prográmase na Cidade Invicta segundo os acordos adoptados no I Encontro celebrado hai un ano en Compostela.

II Encontro de Solidariedade con Cuba
II Encontro de Solidariedade con Cuba

A xornada comezará coa saída en autobús desde Santiago o 16 ás 10.30, parando en Vigo e Baixo Miño. Con posterioridade ao xantar (que poderá levarse ou realizarse en Porto), iniciaranse os debates e, ao remate, terá lugar unha cea de convivencia.

O regreso a Santiago será en torno ás 3-4 da madrugada. O prezo (autobús e cea en Porto) será arredor de 40 euros.

Prégase a todas as persoas interesadas inscribirse antes do 31 de maio no enderezo galegocubana@gmail.com ou no teléfono 986 432892 (todos xoves, de 18 a 20)

Facer visíbel a violencia dos estados ricos e comerciantes de armas contra un país sen recursos como Cuba, defensor da independencia e do socialismo e exportador de saúde e de escola, fora compromiso do I Encontro en Compostela, en xuño do 2011.

No tempo andado desde aquela, o capitalismo ocupa novos territorios e acelera a depredación e o derrubamento dos dereitos básicos. Tratar destas renovadas ameazas, será o traballo da reunión do 16 de xuño en Porto. No primeiro lugar da axenda, figura o común traballo de solidariedade con Cuba. Ao tempo, debater sobre o bloqueo ha servir de espello para o grave castigo que a crise da acumulación de capital está a producir nas dúas beiras do Miño.

Cincuenta anos despois do II Manifesto da Habana, en Cuba varias xeracións ensaiaron relacións sociais nun marco legal que exclúe as prevalencias de clase e de orixe, e perfeccionan institucións para a defensa deste novo xeito de vida. Quen se atrevería a negar a modernidade desta opción?

CONCENTRACIÓN POLA LIBERACIÓN DOS 5 PATRIOTAS CUBANOS PRISIONEIROS DO IMPERIO

A Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil, chama á participación de tódolos anti-imperialistas do noso país á concentración que terá lugar o vindeiro sábado 11 de febreiro, ás 13 horas, diante do edificio que alberga o consulado dos Estados Unidos na rúa Cantón Grande número 6 (A Coruña) para denunciar a situación dos 5 prisioneiros políticos cubanos nos Estados Unidos de América.

Concentración o vindeiro sábado 11 de febreiro
Concentración o vindeiro sábado 11 de febreiro

Despois de aceptada a apelación da fiscalía xa se iniciaron os trámites que rematarán o luns 13 de febreiro nunha vista. Todos/as coñecemos a situación inhumana que sofren estes compañeiros; estamos convencidos/as que só unha gran mobilización pode influir na súa liberación.

A reflexión que se fixo nestes días, é que se en Salamanca logramos mobilizarnos para manifestar o noso apoio á revolución, hoxe é necesario que nos mobilicemos para liberar a 5 heroes revolucionarios.

Por todo esto, o vindeiro 11 de febreiro, produciranse en toda Europa mobilizacións en apoio á liberación dos 5 compañeiros. Na Galiza, os grupos anti-imperialistas temos o deber de unirnos contra o imperio máis terrorista do mundo, os Estados Unidos.

Únete á loita pola liberación dos 5 compañeiros presos políticos nos Estados Unidos. Achégate á A Coruña o 11 de febreiro.

NON ÓS XUÍZOS FARSA!!! ATA A VICTORIA, SEMPRE!!! VENCEREMOS!!!